Teatro do Noroeste leva ó Principal de Santiago unha historia de desamores

Teatrios

O teatro volve a ser unha das referencias para estes días. Tres historias complexas, tres tramas diferentes con escenarios e localizacións diferentes. A primeira cita está en Santiago de Compostela, onde o Teatro do Noroeste, volve para representar, esta vez no Principal, unha obra de amores e desamores. A segunda das citas tamén está prevista para hoxe, e é en en Vigo, onde comeza a xira de "Panorama desde a ponte", unha montaxe inspirada e baseada nun texto de Artur Miller. E por último, a terceira cita teatral estará na NASA, que facendo gala do seu talante independente, aposta polo teatro portugués.

Miller, de xira


Coa estrea esta noite de "Panorama desde a ponte", darase tamén o pistoletazo de saída desta obra que irá de ruta por toda Galicia. A cita esta noite está en Vigo, no Centro Cultural Caixanova, ás 20:30, onde se ofrece unha versión de Eduardo Mendoza a cargo de Miguel Narros sobre o texto que o dramaturgo Arthur Miller escribiu en 1955. Na obra evócase unha historia situada nun ambiente e nunha época concreta, pero que pola súa temática e polo seu tratamento podería ser aplicable a calquera momento. Describe a historia dun grupo de inmigrantes italianos en Estados Unidos na voz dun avogado laboralista. Un texto no que se retratarán situacións de dramatismo e crítica social , así con pasións incestuosas.
"O panorama desde a ponte" que hoxe está en Vigo, estará mañá no Teatro Principal de Ourense e o pasado no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os prezos das entradas estarán entre os 6 e os 8 euros.

Tríos


Un catedrático, a súa muller e unha profesora de matemáticas. Son os protagonistas das desputas amorosas que esta tarde se recrearán enriba do Teatro Principal de Santiago. Teatro do noroeste volve con "Alta comedia" a Compostela (fixérao hai pouco no Salón Teatro coa mesma obra) para poñer en escea unha historia de amor e desamor que trata os problemas de relación dunha parella cando entran en xogo unha terceira persoa. A montaxe dirixida por Eduardo Alonso parte da filosofía de traballo impulsada pr Bertold Brecht para intorducir no xenero de alta comedia unha visión crítica das relacións de parella.
O triángulo amoroso está interpretado por Antonio Simón, no papel de Federico; Luma Gómez, Rosario, a muller do catedrático; e Rebeca Montero, que encarna a Mónica, a axudante do cátedro e a terceira en discordia.

Teatro portugués

A Sala NASA pretende seguir adiante facendo gala da súa etiqueta de independente. E faino seguindo coa súa aposta polo teatro portugués, con dúas citas con dúas compañías independentes do Norte de Portugal. Unhas citas que terán lugar entre mañá e o sábado e que pretenden poñer en evidencia ás administracións públicas amosando que cómpre eliminar as barreiras políticas e culturais que seguen existindo entre Galicia e Portugal.
O programa "Os comandantes" ábreo a compañía "Teatro Art´Imagem" que estreará unha versión e "Rei Ubú", un texto sobre o poder, a guerra e os condicionantes da vida. Unha obra que se exhibirá tamén o xoves. En segundo lugar, os días 1 e 2 de febreiro, ás 22 e 23 horas a compañía "Trigo Limpo" representará "Sexo? Sim, obrigado" unha versión da obra de Darío Fo e Fraca Rama a partir dun manual de terapia sexual.