A nosa cultura achega produtos que poden ser de grande interese para agasallar a terceira idade

Agasallos de Nadal: Na segunda mocidade

Abonda de zapatillas e de batas. Tamén para os maiores a nosa produción cultural ten posibilidades abondas coas que solucionar uns agasallos. Achegámosche unha serie de ideas coas que sorprender na vindeira noite de Reis.

Unha característica común da terceira idade é o feito de dispor de tempo de lecer, aínda que xa se sabe que o nivel de actividade dos maiores varía moito e que unha boa parte non paran quedos. Dun xeito ou doutro, é unha boa opción agasallarlles xogos cos que aproveitar ese tempo. A pouco que pensemos, descubriremos que hai vida alén das barallas. Por exemplo, para variar un pouco das partidas de brisca e de tute, poida que a moitos lles faga ilusión pasar ao parchís, un xogo popular que acada unha presentación de luxo na versión que realizou o Obradoiro Acebo de artesáns. Xa para máis arriscados, hai propostas coma o go, o hex ou o xadrez, todos eles realizados en madeira.

Deportes

Claro que, seguindo cos xogos, tamén pode ser de interese facer unha proposta destinada a exteriores, e que ademais axude a manter a forma. Dentro do máis tradicional está a chave, un xogo ben coñecido e aceptado. Se non sabemos ben onde conseguir unha, os Amigos da Chave de Ferrolterra tiveron a ben pór na rede o plano para fabricar tanto a chave coma os pellos que eles empregan nas súas competicións. Logo é cousa de buscarmos un ferreiro ou artesán que leve o deseño á realidade. Máis sinxelo pode ser recuperar un entretemento que moitos dos nosos anciáns lembrarán da súa infancia: a billarda. Para practicala, existe a posibilidade de se facer co material oficial que se emprega na a Liga Galega deste deporte. Unha opción óptima para compartir tempo de lecer cos netos e ensinarlles os xogos tradicionais.

Compartir tradición

Tamén fai parte dese legado que se pode compartir cos máis novos o noso patrimonio inmaterial. A moitos dos nosos maiores pode axudarlles a soltarse e contar historias ver como moitas foron xa recollidas en libro e xa son consideradas algo máis que “contos de vellos”. Deste xeito, por exemplo, han interesar a moitos os dous volumes de “A escola da lareira”, unha obra na que Manuel Quintáns recolle relatos, ditos, historias e todo tipo de pezas que fan parte do noso patrimonio oral. De xeito semellante, tamén temos o “Adiviñanceiro Popular Galego” compilado por José Luís Garfez e Concha Fernández.

Roupa, por suposto

E non o podíamos deixar pasar. É certo. Cando se trata de pensar agasallos para os maiores, unha das solucións máis socorridas é a roupa. Zapatillas, chales, batas... Se non queremos moer moito o miolo, ou vemos que nada do que propomos ven ao caso, tamén hai opción galega arredor destes produtos. Por exemplo, postos a agasallar un chal, por qué non facer o paquete cun feito a man, e de liño ademais, coma os que fai a artesá Belategui Regueiro. A oferta, como non, amplíase a bufandas, toallas ou complementos tan interesantes coma unha funda para lentes.

Música

É sabido que unha boa parte da nosa terceira idade ten nos bailes e na música un dos seus grandes entretementos. Unha opción interesante, entón, pode ser agasallar discos. Por exemplo, “Na flor dos meus anos”, o lanzamento en solitario da Señora Carmen que amosa como con 82 anos se pode desenvolver unha carreira musical e reinterpretar a nosa tradición. Outra opción, tamén vencellada á música popular é un disco dalgún dos nosos múltiples conxuntos folk. Por exemplo o último traballo de Milladoiro, no que se une a instrumentación habitual deste grupo coas letras de Manuel María. Para aqueles que teñen gustos máis clásicos, unha idea interesante pode ser o CD no que a Orquestra Sinfónica de Galicia interpreta os Concertos 1 e 2 para violonchelo e orquestra de Heitor Villalobos. Indo un paso para alén no tema da música, podemos pensar en apostas máis interactivas. Por exemplo, contratar un dúo ou unha charanga que anime os xantares destas datas cos temas típicos das nosas verbenas e vodas. Non cómpre máis que buscar un pouco para localizar por Internet ou na guía telefónica un bo feixe de posibilidades. E qué mellor para gozar da música que botarlle unhas pezas. De certo a moitos non lles virían mal unhas clases para lembrar os pasos do tango e do mambo ou para se introducir nos ritmos da salsa, o que nos abre unha nova porta ao agasallo. Por todo o país existen academias especializadas en ensinar todo tipo de estilos.

Novas tecnoloxías

Aínda que habitualmente non é algo que se vencelle cos nosos maiores, as novas tecnoloxías non están en absoluto rifadas coa idade. Un presente que de certo lles ha facer ilusión a moitos é un marco de fotografías dixitais (a empresa galega BlueSens ten) onde poidan ter almacenadas e ir mudando esas múltiples imaxes dos netos e da familia que non se amañan para ver no computador. De certo será máis fácil que moitos dos nosos maiores estean máis familiarizados cun aparello coma o reprodutor DVD antes que cos PCs, e para aproveitar o potencial deste electrodoméstico, qué mellor que agasallalos con “Os Tonechos no Luar”, dous discos que escolman as mellores intervencións deste popular dúo cómico no veterano programa da Galega. Claro que, postos a innovar, ¿por qué non animar á xente de máis idade a se mergullar de cheo nas novas tecnoloxías? Facerlles un blog pode ser unha vía rápida e sinxela de os introducir no manexo do rato e do computador ao tempo que lles permite compartir as súas experiencias vitais e os seus pensamentos. Experiencias coma a da muxiá María Amelia, premiada co galardón ao mellor blog en español ou a de Julio Mancebo desde Arteixo, entre moitos outros, amosan as posibilidades desta tecnoloxía.
Por ideas que non quede.