Dá unha volta polas propostas de Culturagalega.org para os máis cativos neste Nadal

Agasallos de Nadal: os cativos

Chega a conta atrás. O Nadal está á volta da esquina e hai que comezar a preparar as cestas da compra. De aquí a Reis cada semana, Culturagalega.org fará unha proposta cunha nutrida selección de produtos culturais galegos para que acertes de pleno no teu regalo. Na nosa primeira entrega comezamos cos máis pequenos.

Mergullarse no mundo dos pícaros é unha viaxe de longo percorrido. Sobre todo, pola a invasión de produtos que atopamos no mercado que dificultan, en moitas ocasións, cal (ou cantos) imos mercar. Aquí vai unha escolma diferenciada por xéneros e obxectivos pensados para, de paso, regalarlles cultura aos máis pequenos, sen que iso lle reste diversión.

Banda deseñada, un éxito asegurado
Imaxinas unha vila repleta de rapaces fervellasverzas para os que ir á escola é unha verdadeira odisea? Pois existe, chámase Vilaverzas, onde no tramo ao colexio podes atopar con vehículos estranos a diversas velocidades, criaturas que cruzan a calzada cantando pegadizas cancións, nenos enredados en aventuras e lugares pintorescos... E todo isto nun libro “Vilaverzas”, o álbum de Miguel Robledo, apto para todos os públicos e especialmente pensado para cativos.

As historias que Norberto Fernández publicara en "Golfiño" saen agora en forma de álbum. Chámase “O castelo regadeira” e conta as aventuras de Xiana, Gorxón e os seus amigos nun mundo imaxinario. As historias chegan aderezadas co humor surrealista e delirante propios desta serie e máis con todo o coidado debuxo que caracteriza este autor.

O mundo audiovisual, específico para os nenos
A industria audiovisual galega tamén prepara a súa campaña de Nadal. Principalmente porque a animación do país comeza a ter relevancia propia. Por iso, recuperamos o clásico de Dygra “O bosque animado” (galardoado, entre moitos outros premios, con dous Goyas) para que coñezan os curiosos animais que viven na Fraga. E se xa os coñeces, a factoría coruñesa continuou as historias das personaxes que inventou Wenceslao Fernández no seu coñecido libro, cunha colección que non te debes perder ("O club do bosque").

A través de Biblos Clube de Lectores poderás conseguir as aventuras de Shin Chan en “Operacion Rescate” e “Na ambición de Karakara” con audios en galego, tal e como coñecemos a esta curiosa e, de cando en vez, corrosiva personaxe.

A aventura de ler
Para os que andan na idade do porqué, para os curiosos e os inquedos, as solucións ao seus interrogantes están en “Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches” (Faktoria K) que Enma Lázare traduce ao galego. A orixe do semáforo, por que os días da semana se denominan así ou as boas maneiras á hora de xantar son algunhas das cuestións que se expoñen no apartado de hábitos da vida diaria, un dos sete nos que está estruturado o volume.

"Minimaladas" (Xerais) de Carlos López son sesenta mini historias protagonizadas por animais, como a dun camaleón que non sabía cambiar de cor, ou un oso que traballaba nun circo. Pequenos relatos cheos de orixinalidade que se enriquecen coas ilustracións de David Pintor.

Pero se o que lle buscas son paraísos lonxanos con arrecendo exótico, o libro perfecto é “Smara” (Kalandraka). A historia que conta Paula Carballeira sobre a viaxe dun neno a un lugar do deserto do Sahara ata que chega a cidade de Smara. Alí coñece a Avoa Ugago, que fora unha poderosa maga, capaz de protexer a cidade dos intrusos que conta a historia do seu pobo, os chamados Fillos das Nubes. Un relato cheo de maxia e misterio, que fala dunha cultura lendaria, forxada na area do deserto.

Escoita, que algo queda
Nos vindeiros días presentarase "Pelo gato 24" un CD-DVD no que a Asociación de Gaiteiros Galegos presenta algunhas das tradicións da infancia: os seus xogos e cantigas. Un traballo dirixido principalmente a alumnos do ensino primario e que conta con colaboracións de luxo como as de Sonia Lebedinsky (Fía na roca), Xabier Díaz, Leilía, Paulo Nogueira e César Longa (Treixadura), Señora Carmen (Malvela) ou Pancho Alvarez, por citar algúns exemplos.

Para os que queiran familiarizar os pequenos cos compositores como Verdi, Mozart ou Rossini, Kalandraka conta cunha colección de libro-discos moi coidada. Un pequeno aceno á ópera grazas aos que poderemos transportar os pequenos aos mundos de cabaleiros, dragóns e princesas da "Frauta Máxica" ou coñecer as paisaxes do Nilo en "Aida" ou as historias de enredo de "O barbeiro de Sevilla".

Actividades, que facer?
Para os máis atrevidos e intrépidos, a Asociación de Novo Circo ofrece cursiños para que os rapaces aprendan malabares, e se introduzan no mundo do circo. As clases, que teñen lugar todos os sábados (de 17:00 a 18:30) están pensadas para nenos de seis-sete anos ata 14 e para iso non é necesario ter experiencia previa, xa que son introdutorios e moi básicos, e o único que se precisa é ganas de aprender as artes do novo circo e levar roupa cómoda deportiva.

Aos que lle gusta estar en contacto coa natureza, Hifas da Terra presenta un “xardín setícola”. Un kit orixinal para que os rapaces aprender a cultivar una comestible e moi rechamante pola súa cor amarela (Pleurotus citrinopileatus). Un produto para o que tamén se necesita paciencia, xa que non comezará a producir de inmediato, senón a partires da tres semanas e que en tres meses serán unha pequena colleita.