Aínda hoxe asociamos a imaxe do libro galego cos seus trazos simples e as súas cores. Xohán Ledo foi durante trinta anos o responsable do deseño das capas da Editorial Galaxia, deixando unha pegada indiscutible na nosa cultura. Agora, a empresa para a que traballou durante tampo tempo dedícalle unha exposición retrospectiva na que descobre tamén a súa faceta pictórica.
Foron capas que marcaron unha época da cultura galega. Entre 1951 e 1983 Ricardo García Suárez, máis coñecido coma Xohán Ledo, encargouse do deseño e da ilustración das obras que publicaba a editorial Galaxia e mais da revista “Grial”. Das súas mans xurdiron as imaxes que durante décadas acompañaron obras xa clásicas das nosas letras, coma “Si o vello Sinbad volvese á illas” , “Á lus do candil”, “Os biosbardos”, “Os vellos non deben de namorarse” ou “Dos arquivos do trasno”. O seu traballo supuxo unha grande renovación do noso deseño gráfico só comparable á que abordou desde a Arxentina Luís Seoane. A marca de Ledo ficou ligada de xeito indeleble á nosa cultura. A editorial que deu luz os seus traballos, Galaxia, recupera este traballo na mostra retrospectiva “As caras do libro” que se pode ver no pazo vigués de Quiñones de León ata o vinte de xaneiro e que reivindica a figura deste artista e deseñador.
A influencia
Gustavo Adolfo Garrido, comisario da mostra, ten clara a importancia de Ledo na evolución do deseño galego. “Penso que a súa influencia percíbese ben. É certo que a primeira vista, cando el deixa o deseño nos anos oitenta e xorden novos nomes e novas editoriais, dase unha mudanza moi grande na imaxe dos libros”, apunta. “No entanto, despois hai unha recuperación dese toque característico, que permite que poñas un libro galego a carón doutros españois ou europeos que se poida recoñecer”. E é que, realmente, boa parte da motivación que levou a este médico a se introducir no mundo do deseño gráfico, está na consciencia da necesidade de contribuír a unha imaxe diferenciada para as edicións do noso país. “É cara ao ano 51, cando Maside lle pasa o traballo de deseño, que nun momento semella decidir que o libro galego ten que ter un corpo propio e comeza aí un camiño cara á sinxeleza absoluta”, explica Garrido
O estilo
Precisamente, nesa busca da sinxeleza está a clave do estilo deste renovador da nosa gráfica. “Ao coñecer o seu proceso de traballo pode verse como vai pulindo as ideas. Hai capas que se conservan e pode verse como algo comeza sendo un debuxo normal sobre un papel, transfórmase despois nun colaxe e ás veces aínda despois pasa a un acetato co material das radiografías (Ledo era médico), e aínda despois chega a facer un gravado”, explica Garrido. En xeral, o amor pola creación deste creador amósase nos debuxos que de Ledo se conservan en todo tipo de soportes e técnicas. Cartóns, receitas, papeis de envolver, lenzos, ceras, tintas, rotuladores e óleo son algunhas das mostras que atoparon os organizadores desta exposición.
Con Seoane
Canda a Ledo, o outro grande anovador do deseño gráfico galego foi, a mediados do século XX, Luís Seoane. “Son os dous grandes. Un en Galicia, traballando contracorrente e por amor á edición e o outro na liberdade e na economía de mercado”, sitúa Garrido estes dous creadores. Malia a distancia, as dúas carreiras non estiveron de costas, senón que se produciron influencias mutuas que mesmo acabaron derivando nunha estreita amizade. “Os dous coñecían o traballo do outro e máis tarde chegaron a intimar e desenvolveron un intercambio de ideas e de técnicas”.
O pintor descoñecido
Para alén do deseño e do amor polo debuxo, Ledo foi tamén un pintor escasamente coñecido. “Pintaba e agasallaba os cadros ou deixábaos na casa”, explica Garrido. “Na mostra vense corenta cadros, que poden ser a metade dos que pintou. A maior parte da xente non os coñecía, mesmo Rufo Pérez, un dos fundadores de Galaxia, quedou sorprendido cando os viu”. Non sorprende tanto isto coñecendo a modestia que caracterizaba este deseñador. “Era un home moi discreto a quen non lle gustaría nada o que estamos a facer. O único que admitiu en vida é que os amigos lle desen o premio Trasalba en 1988”, lembra. De feito, Ledo abordou a tradución da práctica totalidade das obras teatrais de Shakespeare que, agás dúas que foron publicadas, quedaron na súa casa sen que o tradutor fixese nada para que visen a luz.
Aínda que polo momento non está previsto mover a exposición polo país, os organizadores barallan a posibilidade de que, cando menos parte da mesma, poida visitar outras cidades galegas. Polo momento, os interesados poden achegarse a Vigo. Para alén de observar a mostra poden participar no ciclo de mesas redondas “As caras do libro”, que aborda aspectos coma a distribución, o deseño, os autores ou as posibilidades de futuro do sector.