As produccións audiovisuais de formato curto amosan o seu vigor e calidade

Grandes historias de curta metraxe

A presentación de dúas curtametraxes producidas por Pórtico de Comunicaciones centraron a actualidade audiovisual do momento. As dúas historias veñen acompañadas por nomes dabondo coñecidos, xa que unha delas está baseada nun relato de Manuel Rivas e a outra está dirixida por Paco Rañal que acadou o recoñecemento público á mellor curtametraxe galega dos anos 90 pola súa anterior realización "Coruña imposible". Entre hoxe e mañán o Ateneo de Ferrol tamén exhibirá curtametraxes de outros autores da comarca de Ferrolterra.

Dúas historias


O xénero da curtametraxe ten un oco especial no sector audiovisual e a súa relevancia comeza a destacar pola entrega e a caliodade dos novos realizadores. Así se veu cando, ante un grupo de público moi nutrido, entre o que estaba o director Fernando León, o cine Yago de Santiago acolleu a presentación das curtametraxes, "Inutil" de Paco Rañal, e "Xinetes na tormenta" de Ricardo Llovo. Un conto de Manuel Rivas "Ela, maldita alma" servíu como base para a historia realizada por Ricardo Llovo, mentres que Paco Rañal en "inutil" decantouse por unha historia que el mesmo escribíu sobre un estudiante universitario con tendencia ó fracaso e unha habilidade especial para a torpeza. As dúas produccións tiveron o apoio dun programa da Consellería de Cultura de subvencións ás produccións audiovisuais, un apoio, que no caso da curtametraxe de Paco Rañal precisou presentarse tres veces á convocatoria antes de conseguir a subvención de 2,5 millóns. A anterior curtametraxe de Paco Rañal, "Coruña Imposible", recibira unha ducia de premios nacionais e internacionais e foi moi aclamada en festivais ata o punto de recibir o premio outorgado polo CGAI á mellor curtametraxe galega dos anos 90.

Actividade en Ferrol


As curtametraxes centrarán tamén a actividade do Ateneo Ferrolán ó longo desta semán. Desde hoxe mércores e ata o venres proxectaranse produccións deste formato comezando por unha serie delas seleccionadas do eido profesional o primeiro día para despois, mañán xoves, exhibir as produccións feitas por autores da comarca de Ferrolterra. O venres a actividade estructurarase ó redor dunha mesa redonda na que pariciparán os autores Lidia Mosquera, José Luís Pérez Padín, Mario Villar e Carlos Alberto Alonso, que previsiblemente falarán das motivacións e problemas da producción audiovisual para os autores noveis. Seguindo en Ferrol, o Concello ten pendente a estrea doutra producción audiovisual ben distinta. "Pablo Iglesias e os pablistas galegos" é o título dun documental realizado por José Antonio Durán sobre a vida e a figura deste ilustre ferrolán. O video de media hora de duración foi un encargo do propio Concello para conmemorar o 15 aniversario do seu nacemento e o 75 da súa morte e a previsión e que esta mesma semán xa estará rematado e entregado e só dependerá do Departamento de Cultura do Concello de Ferrol elixir a data e lugar da súa estrea.