A arquitecta Zaha Hadid explica en Santiago a súa arquitectura orgánica e da paisaxe

Organismos arquitectónicos

Hai anos, Zaha Hadid viaxou expresamente a Compostela para ver como a paisaxe se alteraba en dúas enormes intervencións arquitectónicas: o contorno da Catedral e o novo corte do Monte Gaiás onde, daquela, comezaban a construírse as futuras cimentacións da Cidade da Cultura de Eisenman. O venres, Hadid, premio Pritzker de Arquitectura 2004, volveu á cidade a amosar unha síntese da súa arquitectura topográfica e orgánica na que se plasman moitas investigacións conceptuais observadas e realizadas ao longo do mundo.

Zaha Hadid (Bagdad, 1950) foi a primeira muller en recibir o prestixioso Premio Pritzker de Arquitectura. Foille concedido no ano 2004 por un xurado presidido por Lord Rothschild e no que figuraban nomes tan prestixiosos coma os arquitectos Frank O. Gehry ou Carlos Jiménez. Non foi un recoñecemento casual: ata esa data, na elite dos arquitectos globais –que elaboran custosos e complexos proxectos nos puntos quentes do planeta, para gobernos e empresas que buscan significarse cun edificio de sona internacional-, non existía ningunha muller. Na nota de xustificación do xurado do Pritzker, os expertos afirmaron que “o seu traballo experimenta con novos conceptos espaciais, intensificando paisaxes urbanas xa existentes na busca dunha estética visionaria rodee todos os campos do deseño, desde a escala urbana a produtos, interiores e mobiliario”.

A arquitecta impartiu unha sesión maxistral o venres pola tarde nos Encontros Internacionais de Arquitectura organizados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, no medio dunha multitudinaria asistencia de estudantes e profesionais. Pola pantalla, desfilaron algúns dos seus grandes proxectos dos últimos anos, que incidiron nas claves que fan que o estilo de Hadid sexa facilmente recoñecible por calquera afeccionado e profesional da arquitectura. A preocupación por integrar a paisaxe urbana ou ambiental cos edificios, investigando sobre o rol que ocupa a nova construción no seu contorno, ou crear unha nova paisaxe que fica radicalmente modificada polo edificio, é parte do seu traballo. “O meu estudo é coma un laboratorio”, afirmou, Hadid, que conta cunha enorme cantidade de obra elaborada unicamente na fase conceptual, como parte da súa experimentación.

Arquitectura comprensible
“Na actualidade”, afirmou, “parece que hai só un xeito normal de facer arquitectura, que non deixa de ser máis que un traballo repetitivo e difícil de entender pola xente”. Nos traballos que presentou Zaha destacou tres diferentes formas de concebir os proxectos.


Centro Contemporáneo das Artes de Roma

No Centro Contemporáneo das Artes de Roma, que se quere finalizar no 2009, Hadid enfrontouse á tarefa de construír nun espazo moi limitado, sen rebasar as alturas existentes e nunha cidade de prolongada tradición cultural arquitectónica. Hadid quixo facer unha “segunda pel” para ese espazo e construíu o edificio a base de capas –que o visitante pode percibir-, respondendo á propia configuración urbana de Roma, na que edificios e prazas se constrúen en superposición sobre restos previos.

No edificio central da BMW en Leipzig, Alemaña, Hadid explicou detalladamente como crea unha topografía a partir dun modelo de conos, integrando no espazo as zonas de dominio público coas zonas de produción industrial. No seu sitio, Hadid profundiza no concepto: “tentamos distanciarnos da arquitectura da repetición e das formas prefabricadas. Queremos unha arquitectura orgánica que se adapte ás peculiaridades do terreo, que se oriente en varias direccións de acceso e sintetize unha complexa serie de necesidades nun todo único”. Zaha Hadid aludiu a que unha significativa parte do proceso modifícase a través da elaboración informática, que permite reelaborar formas orgánicas coma o coral, plantas, acios e froitas e integralas na propia configuración do edificio, respondendo cada vez de xeito diferente ás necesidades de cada nova construción.

O resultado é unha arquitectura moi persoal e diferente, na que aspectos interiores e exteriores son igualmente relevantes, e na que a estrutura do edificio responde ás alteracións do terreo e marca un fito no seu arredor. Entrementres, os novos proxectos de Zaha Hadid en lugares tan distanciados entre si como Euskadi ou Hong Kong aínda están en proceso de elaboración, pero deixarán unha forte pegada desta recoñecida arquitecta ao longo do globo.