Os diferentes estilos fotográficos chegan a Galicia da man de PhotoGalicia

Galicia posa para a foto

A fotografía ocupa un lugar cada vez máis destacado no panorama expositivo no noso país. Ata tal punto que a Fundación Caixa Galicia e La Fábrica (empresa responsable do certame PhotoEspaña) acaban de crear PhotoGalicia. Non é só un circuíto de exposicións de primeiro nivel, senón un evento que sirve para educar na cultura fotográfica e que reivindica o poder da imaxe.

Cinco exposicións, cinco localidades, cinco estilos fotográficos diferentes pero, sobre todo, un obxectivo común: a fotografía. PhotoGalicia é un evento que nace con vocación de continuidade e que pretende ofrecer unha escolma do universo fotográfico máis destacado do planeta en pequenas doses e espallado por todo o noso territorio.

Unha imaxe vale máis que mil palabras
Alberto García–Alix (León, 956) foi a primeira mostra en abrir a primeira edición de PhotoGalicia. Un traballo que rezuma unha gran carga autobiográfica na que imaxe e palabras expresan con forza a súa propia experiencia. Os “tres vídeos tristes” de García-Alix están na sede pontevedresa da Fundación ata o vindeiro seis de xaneiro. A segunda en ofrecer unha escolma da súa traxectoria foi Sylvia Plachy (Budapest, 1943). A nai do coñecido actor Adrien Brody ofrece “De reollo” unhas cen obras que serven de repaso dos seus últimos trinta anos detrás do obxectivo que lle valeron para recibir numerosos premios e para ser recoñecida como unha das fotógrafas máis importantes do panorama actual. As súas imaxes captan escenas a medio suceder, o que crea unha certa nebulosa sobre a realidade. A retrospectiva arranca con co libro “Unguided tour”, que recolle secuencias anónimas, que representan a cotidianeidade coa que foi chamando a atención dos lectores do semanario neoyorquino The Village Voice entre 1988 e 1992. Canda esta, as series recollidas en “Red light” sobre a industria do sexo e “Self portrait with cows going home” sobre a súa terra natal que abandonou durante a revolución húngara.

Acabada de estrear as fotografías en branco e negro de Sebastiao Salgado (Sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago) que achegan a visión máis comprometida do certame e na que se recolle con grande intensidade os conflictos sociais e culturais que tiveron lugar en África, continente que o coñecido fotógrafo leva retratando máis de tres décadas. Mentres, na Coruña unhas trescentas pezas pretenden recuperar o contexto de Man Ray, o máximo expoñente do surrealismo levado á fotografía. É precisamente esta mostra, a que incide máis no feito fotográfico, é dicir, no ambiente cos obxectos e imaxes nos que se inspirou para abordar a súa creación. Por último, Ourense acollerá en novembro o traballo de Manuel Vázquez. Unha revisión da súa traxectoria fotográfica e videográfica na que a fronteira entre a fotografía e a pintura está moi diluída.