O turismo pesqueiro está a iniciar os seus pasos coma unha alternativa para as comunidades costeiras do país

Guiris a bordo

Vencellar as posibilidades do turismo ás tarefas da pesca tradicional. Esta proposta, que xa está a ver no noso país iniciativas pioneiras, pode supor unha alternativa de dinamización para moitas das nosas áreas costeiras. Levar os visitantes no barco, coller percebes ou mariscar na praia, poden ser para conservar xeitos tradicionais de traballo ao tempo que unha oportunidade económica.

A proposta comeza a soar. Desde hai xa uns anos, aparecen de cando en cando nos medios de comunicación pequenas iniciativas que apostan por facer das tarefas de pesca ou de marisqueo atractivos turísticos. Recentemente, a Consellaría de Industria anunciaba a posta en marcha dun estudo chamado Turipesca que pretende optimizar as posibilidades deste sector. Desde o Centro Tecnolóxico Armando Priegue (AIMEN), Paula Sánchez, unha das encargadas desta investigación, explícanos os seus obxectivos. "Queremos identificar a oferta que existe, e analizarmos qué se pode mellorar e en qué se pode actuar. En último termo, a preténdese elaborar un plan estratéxico para mellorar o sector". Nese sentido, o proxecto incide en que "as actividades ligadas á pesca tradicional deben ser ante todo sustentables, é dicir, tenderán a reducir a presión sobre os recursos mariños á vez que constituirán un complemento aos ingresos dos pescadores".


Rápida expansión
Se temos en conta que as primeiras iniciativas deste tipo arrincaron cara ao ano 2003 dentro do proxecto Mar de Lira, segundo os datos de Turipesca, pode sorprendernos a velocidade coa que están a prender na nosa costa. "Aínda está a comezar, pero detéctase un incremento no número de confrarías que se adhiren a estas propostas", explica Sánchez. "Aínda que polo momento o sector non está moi organizado, xa hai as primeiras asociacións e Mar de Lira, por exemplo, traballa tamén con outras confrarías". Así, por exemplo, nas Rías Baixas a marca Pescanatur agrupa propostas de turismo pesqueiro da Pobra do Caramiñal, O Grove, Pontevedra, Marín, Cangas e Moaña. A estas localidades aínda se engaden Corme, Cambados, ou Laxe. De calquera xeito, os responsables de Turipesca, advirten que o sector carece aínda dunha promoción centralizada e que non existe sequera unanimidade sobre os servizos e posibilidades que debe ofertar o turismo pesqueiro.

Rápida expansión
As actividades que se lles propoñen aos participantes son ben máis variadas do que podería parecer nun comezo. Aínda que a proposta básica é acompañar os mariñeiros no seu traballo e coñecer o oficio, ferramentas e especies mariñas coas que traballan, as múltiples iniciativas de turismo mariñeiro de Galicia explotan outras posibilidades. "Pódese acompañar no seu traballo as marisqueiras a pé, que explican como sementan ou como recollen, e o mesmo co marisqueo a flote. Tamén hai rutas andando con visitas guiadas a instalacións coma depuradoras, lonxas, portos ou confrarías", explica Sánchez. "En Burela ou en Fisterra contan con museos onde se poden ver artes e aparellos de pesca, e nalgúns lugares ofertan talleres enfocados para os nenos", completa.

Máis posibilidades
"A maiores tamén se propoñen especies desde os barcos, actividades gastronómicas e agora en Lira mesmo están a ofertar pesca deportiva", completa esta investigadora. Como podemos ver, esta alternativa achega un completo percorrido pola nosa cultura mariñeira. En casos coma o turismo percebeiro de Corme, que desempeña Suso Lista, o guía explícalle ao visitante diferentes historias da costa, o que permite coñecer xa non so a profesión senón tamén o contorno inmediato. Pola súa banda, na Ría de Pontevedra, os turistas embarcados teñen a ocasión contemplar desde o mar paraxes de especial interese turístico, coma a Illa de Tambo ou Combarro.

Melloras
Polo momento, están aínda pendentes de avaliar ata que punto pode o turismo mellorar a situación económica destas zonas mariñeiras. "A intención é que permita complementar os ingresos, pero aínda non podemos achegar cifras", explica Sánchez. O éxito de propostas deste tipo en países coma Italia, Francia ou Grecia animan a incidir no campo. "En Italia existe unha lexislación específica para estas actividades, mentres aquí aínda hai algúns problemas legais". Por exemplo, aínda que está permitido embarcar nun pesqueiro persoas que non pertenzan á tripulación, non está contemplado que estes poidan ser turistas.

Darse a coñecer
No entanto, as maiores pexas do turismo pesqueiro na actualidade están na falta de promoción. "Non son iniciativas moi coñecidas", recoñece Sánchez. A creación dunha central de reservas, actividades de promoción conxunta ou mesmo unha asociación que agrupe todas as iniciativas son algunhas das posibilidades que contemplan desde Turipesca. Tamén se quere incidir na presenza deste turismo en feiras sectoriais e mais o desenvolvemento de seminarios de formación. Polo momento as perspectivas son boas. Sen ir máis lonxe, as mariscadoras de Cambados organizadas en Guimatur conseguiron unha mención especial na última edición da feira estatal Fitur pola súa iniciativa de rutas turísticas por bancos marisqueiros. A ver se non é a última.