“La Voz de Galicia” propón os principais fitos da historia do país

A cousa é escoller

A pasada semana varios xornais recollían cales poderían ser as sete marabillas de Galicia, logo de consultar tres arquitectos e mais ao conselleiro de Medio Ambiente. Dándolle unha volta máis á idea, “La Voz de Galicia” presentábanos onte os principais fitos da nosa historia, seleccionados logo de consultar a diferentes historiadores do país. Malia á falta de interese científico destas iniciativas, estas listas pódennos axudar a reflexionar sobre a nosa cultura.

Aínda que sen o tremendo despregue mediático que acadou noutros lugares, e sen a cobertura da organización internacional que chamaba a elixir as sete novas maravillas do mundo, tamén en Galicia se realizou un amago desta selección. Iso si, no lugar de elixirse mediante unha votación masiva en colaboración cun comité de expertos e contando coa televisión como soporte, todo se reduciu a unha consulta con varios coñecedores do noso patrimonio por iniciativa dunha axencia de noticias.

Xurado e lista
Máis concretamente, foron os arquitectos José Luís Pereiro, César Portela e Andrés Reboredo, e mais o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, os que a pasada semana responderon á cuestión e elaboraron cadansúa lista. Outros, coma o director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias, declinaron o convite. No final, quedou claro que a Catedral de Santiago ten un recoñecemento unánime e que existe un certo consenso tamén sobre as Cíes. A partir de aí, as propostas multiplícanse, con referencias coma a Ribeira Sacra, o Dolmen de Dombate, as rías ou a Muralla de Lugo. En calquera caso, da proposta non saíu, como no certame oficial, unha lista única.

Marabillas da historia
Agora, “La Voz de Galicia” dálle unha volta a este tipo de iniciativa se propón, previa consulta dun grupo de investigadores, os feitos máis destacados da nosa historia. Máis concretamente foron nove os historiadores que participaron na enquisa, con nomes coma Xosé Ramón Barreiro ou Justo Beramendi entre eles. A partir das súas opinións, o xornal elaborou unha lista única sobre os feitos que máis marcaron o país.

Resultados
Ao parecer, foi o proceso de romanización o que acadou un maior acordo entre os especialistas consultados, ao dotar o noso país dunha nova lingua e mais dunha relixión, sen esquecermos unha vertebración territorial que deixou fondas pegadas. Canda a isto o fenómeno das peregrinacións a Compostela, o desenvolvemento do monacato (e do sistema feudal) mediante a orde do Císter no século XIII e mais a revolta irmandiña e a influencia dos Reis Católicos foron os feitos máis destacados para o noso país no período medieval. Finalmente, e máis achegados a nós, os historiadores salientaron a emigración, a recuperación da democracia e mais o Rexurdimento como feitos fundamentais da Idade Contemporánea.

Utilidades
Malia a que, de novo, esta proposta carece de especial interese científico, a elaboración de listas deste tipo e a súa difusión nos medios pódennos axudar a chamar a atención sobre diferentes aspectos da nosa cultura. Deste xeito, non será de estrañar que moita xente se anime a visitar as Illas Cíes ou Catedral compostelá para comprobar se son tan marabilla como di o xornal. Do mesmo xeito, podemos agardar que moitos outros se interesen pola nosa historia para ver ata que punto foi importante a pegada duns monxes na configuración do noso país, por exemplo. Por outra banda, estas enquisas permítennos ver os intereses e gustos dos especialistas consultados, o que non deixa de ser tamén un termómetro da nosa cultura. Estéase ou non de acordo cos resultados finais, e alén do seu interese intrínseco, as listas achegan abondas posibilidades para reflexionar e investigar neste tempo de verán.