Santiago acolle unha revisión da arquitectura contemporánea de autor

Galicia ten firma

3/7/2007 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
14 lecturas | Compartido 0 veces
Norman Foster, Aldo Rossi, Peter Eisenman, David Chipperfield, Álvaro Siza son algúns dos nomes dos arquitectos máis coñecidos do mundo. Todos e cada un deles teñen obras feitas aquí que comparten espazo con outros, non menos coñecidos e do país, como César Portela ou Pedro de Llano. A partir do venres, tres espazos expositivos de Santiago acollen 25 anos de arquitectura contemporánea de autor. Ofrecémosche un adianto.
Tres espazos para tres proxectos expositivos cunha mesma filosofía: un achegamento á arquitectura galega contemporánea. O Centro Galego de Arte Contemporánea, o Colexio de Arquitectos de Galicia e a Zona C recuperan a arquitectura feita no noso país nas últimas tres décadas con proxectos que se realizaron (CGAC), que non se farán nunca (COAG) e que están en camiño de ser unha realidade (Zona C).

Filosofía arquitectónica
Hai máis de dous anos David Chao, Rafael Lens e Verónica Santos xuntáronse coa idea de buscar unha forma de amosar o panorama da arquitectura actual dun xeito exhaustivo, rigoroso e completo. O resultado dese traballo comezará a verse o vindeiro venres 6, cando os tres espazos abran as súas portas cunha mostra que leva por título “Avances dunha continxencia”. Pero non é o único, paralelamente estase a preparar unha guía da arquitectura contemporánea de Galicia que sairá ao público este verán, así como unha serie de proxectos que o comisario Rafael Lens prefire non avanzar por medo a que non se materialicen.

“Realmente a exposición artellábase en torno a unha serie de liñas que se foron perfilando ao longo destes dous anos” avanza Rafael. Unhas liñas que van desde a busca da emoción na arte contemporánea “a visión menos explorada da tríada da arte como idea, emoción e sensación”; a idea da usabilidade do proxecto artístico, é dicir, a función para a que o edificio foi pensado; a do binomio cultura e arte; a da autoría que, segundo Rafael “era unha das liñas máis exploradas nas exposicións deste tipo” e, entre outras, a da identidade. Rafael Lens explica que os tres comisarios “consideramos que hai obras e construccións que dalgún xeito que contribúen á identidade do territorio. Como tamén hai arquitectos que contemplan na súa obra esa relación identitaria”. E pon un exemplo concreto, “a casa do Presidente da Xunta resulta ser unha síntese perfecta da esencia de Galicia”.

Espello de tres décadas
“A exposición non ten unha data puntual como inicio para evitar sacralizar un momento concreto, senón un contexto, o de principios dos anos oitenta” explica Rafael. Non é casual que as obras que aparezan recollidas nesta triple exposición a principios de 1980 porque é nese momento cando se producen varios feitos que marcan un antes e un despois no noso país. “É nese momento cando nace o Colexio de Arquitectos, cando comeza a andar na Coruña a Facultade de Belas Artes, así como desde o punto de vista histórico é cando se produce a consolidación dun estado democrático e dun estado de autonomía” argumenta Rafael Lens.

A renovación non só chegou desde dentro, coa formación dos nosos arquitectos aquí, no país; senón tamén desde fóra, coa chegada de numerosos arquitectos estranxeiros de renome internacional que contribuíron á formación dos nosos profesionais e a introducirnos nos circuítos internacionais da arquitectura. “Démonos conta, explica Rafael, que non se pode etender a arquitectura feita polos galegos en os estranxeiros”.

Para todo isto, os tres comisarios estiveron visitando e contactando con máis de setenta estudos de arquitectura entre os que figuran nomes como Norman Foster, Isozaqui, Mansilla, Tuñón, Chipperfield.. cos que foron conversando (a mostra inclúe tamén 16 entrevistas con algunha destas personalidades) e iniciando unha relación fluída que fixo posible que poidamos ver algún proxecto no seu estado inicial. A Torre de Comunicacións para o Monte Pedroso que Norman Foster deseñou en 1994 ou o acuario que Albert Viaplana proxectou para onde hoxe se ergue o Hipercor, cando era alcalde de Santiago Xerardo Estévez; ou a reforma do estadio de fútbol de Riazor que deseñou Peter Eisenman despois de ver un partido na Coruña son algúns dos exemplos desta comunicación convertida agora en exposición.

Nestes preto de trinta anos “a calidade técnica dos edificios mellora, cambian as formas pero o realmente destacado é que hai unha maior implicación da sociedade na arquitectura, que entra dentro dun discurso máis globalizador, máis universalizador que parece evidenciar que trascende o noso propio territorio” sintetiza Rafael.

Esta mostra recolle o imprescindible, o visible o invisible que axuda a entender a mirada propia e allea do noso contorno, por esa arte que non se entendes en un valor do uso: a arquitectura.

Universo culturagalega.gal

05/12/2012

Aprender das pallozas

A mostra Compañeros de oficio amosa a pegada da arquitectura tradicional na vangarda