A desaparición das abellas pon en perigo toda unha serie de tradicións da nosa cultura canda ao ecosistema

A pegada culta das abellas

Hai xa tempo que os medios están a se facer eco do perigo da desaparición das abellas a escala mundial. De se confirmar, a ausencia destes animais suporá unha catástrofe para a natureza, ao non haber quen desempeñe a imprescindible polinización. Ao tempo, en Galicia, a falta das abellas acabaría con toda unha serie de usos culturais que deixaron fondas pegadas no país.

A epidemia que está a afectar as abellas a nivel mundial está a pór en perigo, ademais da industria galega do mel, toda unha serie de elementos da nosa cultura. "A apicultura en Galicia foi sempre de afeccionados", explica desde a Asociación Galega de Apicultura (AGA), Manuel Ferreira. "Non houbo profesionais, e iso é para min o mellor que lle puido pasar. Estivo nas aldeas, arredor das casas ou nas hortas onda as froiteiras, o que tamén favorece a polinización. Non é aconsellable ter as colmeas concentradas", completa. As pegadas que a cultura das abellas deixou no noso país non son poucas. Quizais a máis evidente sexan as múltiples alvarizas que se poden atopar nas serras galegas. Trátase, polo común de muros circulares ou ovaladas de grande altura que tiñan como función protexer as colmeas dos osos e outros animais e que continúan en produción en moitos casos. Canda a estas, hai tamén aínda apicultores que apostan por manter as tradicionais colmeas de cortiza.

Outras pegadas
A toponimia, como non, tamén se fixo eco da importancia que esta actividade tivo no pasado dentro da nosa cultura. Abondan as Albarizas, Abelleiras e mesmo hai algunha Abellas. Como mostra da importancia histórica do mundo das abellas en Galicia, abonde sinalar que o Catastro do Marqués de Ensenada (século XVIII) recolle 336.339 colmeas no país, e que nun lugar coma Valadares, en Vigo, non especialmente propicio para esta actividade, a ratio era de 0,6 colmeas por persoa. Para alén, o noso país foi a finais do século XIX pioneiro nas técnicas de apicultura, con iniciativas coma as de Benigno Ledo, párroco en Chantada que introduciu a nivel estatal as colmeas mobilistas.


Patrimonio apícola
Non debemos esquecer tampouco a incidencia indirecta da apicultura e da conseguinte produción de cera e de mel nas tradicións de ofrecer candeas aos santos e mais de toda unha panoplia de receitas culinarias e medicinais. Sen contar todo o negocio que en feiras se facía a partir destes produtos e as ferramentas, ditos e costumes relacionados. Segundo recolle Jesús Taboada na súa "Etnografía galega", existe a crenza de que "as abellas son alimañas que veñen da lúa" e é coñecida a crenza de que as ánimas dos defuntos toman a forma deste animal cando voltan a terra, de onde vén o refrán “quen
mata unha abella ten cen anos de pena”. Seguindo pola banda cultural e xa achegándonos a actualidade, o mel deu no noso país na creación de dous museos didácticos dedicados a este tema. O Enredo do Abelleiro, en Arzúa e mais a Casa do Mel nas Pontes (que depende da AGA) desenvolven un intenso labor divulgativo arredor deste mundo, tanto a nivel histórico como sobre as tarefas de produción na actualidade. "Na Casa do Mel temos unha mostra de colmeas antigas e de ferramentas se empregaban antes, coma prensas artesás para o mel ou extractores", explica Ferreira

Causas
Como vemos, hai unha certa vertente cultural desta actividade artesá, que tamén corre perigo de desaparición coa morte masiva dos insectos. As causas, non están nada claras. Desde a Agrupación Apícola lembran que "o que puidemos descubrir, sen contarmos con moitos medios, é que a contaminación en xeral, e a de pesticidas en particular debilitan as colmeas. A raíz diso comezan as enfermidades que sempre houbo, pero é un cúmulo de cousas", recoñece Ferreira, que lembra que o propio abandono de colmeas pode incidir na propagación do mal. Nese sentido, a proliferación do parásito Nosema Ceranae, as radiacións dos teléfonos móbiles e aínda outros factores semellan estar detrás deste complexo síndrome.

Efectos
Ao falarmos dos efectos desa desaparición das abellas, faise evidente a súa importancia para determinados elementos da nosa paisaxe e mais da agricultura. Por exemplo, as abellas son fundamentais na reprodución de plantas emblemáticas coma o toxo a xesta o codeso ou menta, por non falarmos de todas as froiteiras. Outras especies coma os castiñeiros, ou os legumes e hortalizas tamén poden ver reducida a súa reprodución pola falta deste insectos. A maiores, a falta tanto das abellas coma das plantas que delas dependen pode dar nun desequilibrio acusado dos ecosistemas que dea tanto nunha diminución da produción agrícola (fálase de perdas estatais que superarían os 11.000 millóns de euros) como na extinción doutras especies animais que dependen destes elementos para sobrevivir. "O mel poderemos traelos doutros países onde sexan máis coidadosos co Medio, pero a polinización das plantas non se pode traer. Detrás da abella irán outros insectos polinizadores, e se falta desaparecerán moitas especies", vaticina Ferreira.