Pancho Casal “Mudará a cultura de que todo é gratis por plataformas de pagamento por abono e pago por visión”

O e-audiovisual

A emerxencia da tecnoloxía dixital produciu un incremento de producións de traballos no audiovisual galego de máis do 50%. Porén, canda este despregamento as novas tecnoloxías tamén supoñen un cambio nas posibilidades de distribución e financiamento. Pancho Casal, alma máter e director de Continental Producciones, leva tempo preparándose para este novo taboleiro de xogo, onde as empresas deberán ser máis fortes para facer fronte aos novos hábitos de consumo que se aproximan.

Cal é o papel que desempeña a internet no presente no sector audiovisual?
Hoxe e día, é unha ventá de posta no mercado dos produtos, pero nestes momentos non é un produto rendible en si mesmo. Teño claro que nun prazo moi curto, de dous anos como máximo, será nunha fiestra de explotación fantástica. Neste momento o proxecto máis importante no que estamos a traballar en Continental Producciones está relacionado con desenvolvemento de proxectos de internet e televisión. A cultura actual de que na rede todo é gratis mudará. Haberá portais que seguirán con esta fórmula a cambio de ter que ver publicidade e de cubrir formularios e mecanismos de inscrición, pero canda eles haberá plataformas de pago por abono mensual e de pago por visión. É xustamente aí cara a onde nos queremos dirixir. Non só para públicos novos, senón que implica unha maior diversificación como a terceira idade, como xa pasou en Xapón.

Por onde pensa que van chegar os cambios, polo desenvolvemento a nivel creativo, pola creación de novos modelos de distribución, de comercialización ou polo consumo?
A realidade vai ser moi diferente do que é neste momento: o portal ou a televisión por internet serán os principais medios de explotación. No entanto, non cubrirá o custo real do produto e despois seguirá unha porcentaxe por descargas. Un exemplo perfecto desta pasa con R, faltáballe o dispositivo dos móbiles e vaino ofertar en breve.
Penso que ao resto de sistemas de distribución de contidos audiovisuais convencionais lles queda pouco tempo. No caso do cine, este ano recadouse un 17% menos que no último ano, e falo de cifras globais que inclúen tamén o cine americano. É unha realidade inexorable. Penso que os cines se reconverterán para comezar a retransmitir eventos e espectáculos. Tamén desaparecerá o DVD a nivel masivo, agora ben, seguirá habendo o coleccionista que quererá ter o exemplar, coa súa cuberta. Na nosa distribuidora, Cameo, constatamos que a venda para agasallos e coleccionistas é moi forte. Entón, dentro deste panorama, o consumo de películas vai pasar á descarga por Internet. E iso será nun prazo moi curto. Hoxe hai dous portais Filmotech (creado por EGEDA, que agrupa os produtores) e Filming (o portal que presentaremos nós nun prazo de mes e medio. Os prezos serán de 2.90 a película de estrea e 1.40 a de catálogo, son prezos moi accesibles).

Podería facer unha prospección de mercado. Cal pensa que é o papel que a Internet xogará para o sector audiovisual galego dentro de cinco anos?
No futuro cambiará totalmente o sistema de financiamento dunha produción. Actualmente o produtor asume o risco económico do desenvolvemento do proxecto, como a compra de dereitos de novelas ou a elaboración do guión; de tal xeito que, se non o compra ninguén, o produtor perde todos os cartos investidos. Pola contra, se unha televisión compra o proxecto, cobre os gastos pero tamén queda cos dereitos. Aínda que a serie non funcione ben o produtor non perde todos os cartos. O cambio está en que as cadeas de venda por internet e os portais de descarga non poderán pagar os custos de desenvolvemento: Pasaremos entón a falar dunha explotación compartida, de tal xeito que o portal ofrecerá un mínimo garantido pola exclusiva e logo unha porcentaxe pola descarga. Este novo modelo implica que haberá que ter empresas máis fortes, cun maior músculo financeiro, porque a amortización dos produtos será a medio prazo. Galicia vai ter un futuro negro no novo audiovisual se as empresas non nos reforzamos neste eido.