José María Aldea: “O cliente paga e pagará indirectamente polo consumo de música, presente na súa vida e en todas as horas do día”

Redes de música

O sector musical galego a nivel creativo goza dunha saúde magnífica, cunha forte tradición moi arraigada pero desestruturado no eido empresarial, onde ten a súa principal materia pendente. José M. Aldea é director executivo de Ouvirmos, unha editora que recuperou unha parte destacada do catálogo de música galega tradicional e antiga, con formatos novos e deseñados desde a modernidade.

Cal é o papel que desempeña a internet no presente no desenvolvemento a nivel creativo e de creación de novos modelos de distribución, comercialización e consumo de música?
Persoalmente non falaría só da internet senón de novas tecnoloxías. Certo é que a rede é o principal expoñente, é o máis visible, mais non se pode comprender a súa dimensión sen asociala a conceptos como MP3, P2P, TV en liña, Radio en liña. Para a creación a chegada das novas tecnoloxías supón a real democratización dos modos de produción e creación. Nunca foi tan fácil compoñer, editar e mesmo masterizar sen saíres da túa casa. Nunca foi tan fácil facer accesible a túa música -gratis ou cobrando- para miles de persoas. Nunca como consumidores tivemos acceso a tantos e tan específicos produtos. Aínda que tamén é de xustiza recoñecer que os grandes éxitos na rede teñen moito de márketing e de planificación empresarial e case nunca son espontáneos, aínda que nós creamos que si. O digital manager é unha figura xa presente nas empresas musicais.


Por onde pensa que van chegar os cambios ao sector musical?
O formato dixital substituirá por completo o disco físico, que ficará tan só como fetiche dos máis incondicionais fans. A cota de mercado do disco físico baixa en todo o mundo e en todos os mercados, mentres as descargas legais e ilegais de música soben, superando todas as previsións. Un novo cambio será a consolidación para a industria dun novo cliente, o prescritor musical, aquela persoa que selecciona a música ambiental que escoitamos nas diferentes horas da nosa vida, nas emisións radiofónicas, nos transportes públicos, nas salas de espera dos aeroportos,…

Cal é o rol de artistas e creadores ante este panorama en transformación?
Tanto os creadores como a industria musical temos que desenvolver e aplicar os mecanismos que permitan percibir a xusta remuneración pola difusión do noso traballo e dos nosos produtos. O cliente paga e pagará indirectamente polo consumo de música, presente na súa vida e en todas as horas do día. Pagaremos por escoitar música no transporte público incluído no billete, pagaremos pola música da sala de espera do médico, pagaremos pola música que escoitamos nos bares e restaurantes incluída na consumición, pagaremos pola música que escoitemos na publicidade cando compremos ese produto,... O gran reto para a industria musical e os creadores é posicionarnos diante das entidades que recadan esas importantes sumas de diñeiro e conseguir o que en xustiza nos pertence por crear e difundir esa música. Canto do que se recada na Galiza en dereitos musicais retorna á sociedade galega (xa sexa aos creadores ou á industria musical)? As cifras que estamos comezando a coñecer sitúan a industria musical galega diante dunha realidade importante. A sociedade galega paga millóns de euros polos dereitos da música que escoita e unha pequenísima e mínima porcentaxe volta ao país como pago xusto a creadores e industria. Estamos a falar de millóns de euros.

Como pensa que será o sector, en relación coa rede, dentro de cinco anos?
En Galicia en cinco anos, ou moito me equivoco, ou aínda non estará socializado o uso e consumo pola rede. En todo caso, a distribución musical vía música ambiente ou descargas en liña será o futuro, ben sexa desde o teu computador, ben sexa desde o teu teléfono móbil –terminal persoal. E isto xerará moito diñeiro, seremos capaces de habilitar as ferramentas para que iso reverta na sociedade galega? O futuro da industria e dos que queiran vivir da súa creatividade depende de que encontremos solución a esa pregunta.