Premios, sinaturas e actividades de todo tipo para celebrar o Día do Libro

Un día é un libro

Dous libros de Xerais veñen de obter o recoñecemento da Biblioteca Internacional de Múnich. O libro "O Ribeiro" gaña o premio ó Mellor libro de viños europeo. Agustín Fernández Paz acada un premio en Cataluña. Fállase o premio literario Manuel-Orestes Rodríguez-López de Paradela. E o Fernando Arenas da Coruña. Cerdanyola acolle unha xornada de poesía galega. "El Progreso" e "Diario de Pontevedra" convocan o premio Taboa Redonda, na que serán os lectores os que escollan o gañador. Follas Novas presenta unha nova colección de textos teatrais. Un recital en Cataluña. Descontos do 10% en todas as librerías. Sinaturas de autores famosos. Lecturas públicas... É o Día Mundial do Libro

Premios



A xornada de hoxe chéganos con noticias de recoñecementos internancionais para os nosos libros. A Biblioteca Internacional de Múnich incluíu dous libros editados por Xerais entre as obra de literatura infantil e xuvenil mellor editadas o pasado ano en 45 países. Trátase de "Paxaros de papel", escrito por Marilar Aleixandre e ilustrado por Lázaro Enríquez, e de Elefante corazón de paxaro" de Mariasum Landa e Emilio Uberuaga.
Tamén o libro "O Ribeiro" da colección "O viño da cultura, a cultura do viño" editada pola Editorial Mirabel vén de recibir o premio ó mellor libro de viños europeo que se outorga no certame mundial Goumard de libros de gastronomía de Sorges, Francia.
Un pouco máis preto, Agustín Fernández Paz acadou o recoñecemento do Consell Catalá del Llibre per a Infants i Joves outorgándolle o Premio de Literatura Protagonista Jove 2001 á súa obra "Aire Negro". Este premio ten a peculiaridade de que e outorga por elección dos propios lectores novos cataláns. Tamen desde Cataluña chega a noticia do premio Abril, coorganizado por Galaxia, que recibiu a obra "Un lugar llamado guerra" de Jordi Serra e Fabra e que verá aluz no noso idioma da man desta editorial.
Xa dentro da casa, coñecemos o fallo do segundo premio literario Fernando Arenas Quintela que organiza a librería Arenas da Coruña. A obra "El legado del obispo nigromante" do arquitecto Arturo Franco fíxose cos mil cincocentos euros de premios imipóndose por riba das outras once obras presentadas.
E en Paradela fallouse onte o VII Premio Manuel-Orestes Rodríguez-López convocado polo Concello. O gañador na modalidade de narrativa foi Xosé Nicanor Alonso, de Vigo, que obtivo os 600 euros de premio pola súa obra "Balbina". Igual cantidade acadou o coruñés Simón Iglesias Posse na modalidade de poesía por "Longo Océano de Ausencia". Presentáronse ó certame noventa e unha obras de todo o Estado.
Ademais dos certames que se fallan, hai un que se convoca. "El Progreso" e "Diario de Pontevedra" veñen de pór en marcha o Premio Táboa Redonda 2002 no que se convida ós lectores destes xornais a votar a súa obra favorita escrita en galego por un autor vivo e publicada no ano 2002. As votacións poden facerse pola páxina destes dous xornais.











Lanzamentos e recitais

Follas Novas edicións presentará esta mesma tarde na librería Follas Novas de Santiago de Compostela os tres primeiros títulos da súa colección Follas de Teatro. As obras son "Teatro Nós", con obras de Risco, Otero Pedrayo e Castelao, "Matria" de Álvaro de las Casas e "Xenreira" de Xesús San Luis Romero.
A localidade catalá de Cerdanyola acollerá esta tarde o recital "Poesía galega na rúa" centrado en poetas da posguerra. O acto, organizado pola Irmandade Galega "O Botafumeiro" contará coa participación deautores coma Xavier Costa Clavell, Manuel Rodríguez Troncoso e Xosé Lois García entre outros.
Tamén haberá lecturas no Salón de Actos da Delegación de Cultura, a pardir das once a mañá. Ademais, diferentes librerías e centros de ensino acollerán conferencias, sesións de sinaturas de autores e todo tipo de actividades.
Xa se anunciou hoxe tamén a Feira do Libro de Compostela, que comezará o vintesete de abril e o cinco de maio.