"La Voz de Galicia" recupera a revista de banda deseñada "Golfiño" cunha periodicidade semanal

...e ó primeiro ano,

Un ano despois de coñecermos a noticia da desaparición da única revista de banda deseñada infantil e xuvenil feita en Galicia, "Golfiño" chéganos a nova do seu renacemento. Unha publicación histórica que sairá á rúa de novo o dezasete de maio.

A resurrección


Co mesmo director, Miguel Vázquez Freire, e con Fausto Isorna encargándose da dirección artística, muda a editorial e o formato. De Xerais pasa a "La Voz de Galicia", e de periodicidade mensual a semanal. Tamén muda o prezo, que queda en cincuenta céntimos de euro.

O novo "Golfiño" será unha publicación de 16 páxinas a cor e en galego con formato revista. Abrindo cada número haberá unha portada-historia do propio Golfiño debuxada, como non, por Fausto Isorna. Fausto tamén desenvolverá o labor de director artístico da publicación, seleccionando os debuxantes que, cada semana, achegarán as súas historias.

O contido estará dedicado practicamente en exclusiva á banda deseñada, recuperando personaxes xa clásicos da primeira etapa coma o "Tom" de Andrés Meixide, o propio Golfiño, "Os escachapedras" de Fran Bueno, "A escola de Vilaberzas" de Miguel Anxo Robledo"O castelo Regadeira" de Norberto Fernández ou "A Fraga Milmañas"de Manel Cráneo, con guións de Carlos Amil. A estes súmanse novas series coma "Os biosbardos" de Kiko da Silva, "Os vixilantes do Camiño", debuxada polo propio Miguelanxo Prado, e outra serie cos personaxes da película "O bosque animado" da compañía coruñesa Dygra Films.

Tamén pasarán polas páxinas da revista outros autores coma Jacobo Fernández e os seus "Arquivos de Archimboldo Roque", Primitivo Marcos ou Macaco entre outros. Prevese que a revista inclúa tamén agasallos especiais para os seus seguidores.











Publicación pioneira


A periodicidade da revista será semanal, saíndo un número ó público o venres de cada semana e podendo adquirirse nos sete días inmediatamente posteriores. De calquera xeito, o elevado ritmo de producción esixido fará que non todas as series sexan semanais, como acontecerá con "Os vixilantes do Camiño". E todo isto polo incrible prezo de cincuenta céntimos. O éxito que está a acadar o xornal cos libros de literatura galega por un euro animou ós responsables a retomar esta cabeceira. Tucho Calvo foi o encargado de xestionar a nova xeira de "Golfiño" dentro do grupo.
A data de saída do primeiro número é o dezasete de maio, Día das Letras Galegas, na que "Golfiño" se repartirá gratuitamente co xornal cunha tirada de máis de cento vintecinco mil exemplares, cifra nunca acadada na historia da nosa BD, descendo a partir de entón a tirada semanal que estará entre vinte e corenta mil. A importancia desta publicación vese reforzada polo feito de ser a única publicación de banda deseñada que se pode atopar facilmente en quioscos a día de hoxe en Galicia, coa posibilidade de chegar a novos lectores que isto supón.

Esta é a primeira vez que a BD galega conta cunha publicación semanal. A preocupación que xa teñen amosado Fausto e Vázquez Freire por que esta publicación sexa enteiramente profesional aseguran unhas boas condicións económicas e de xestión de dereitos para os debuxantes que participen neste proxecto.




A primeira época

"Golfiño" foi editada na súa primeira época por Edicións Xerais, con dezaseis en formato mensual en a un prezo de máis de seiscentas pesetas. Ademais de banda deseñada incluía contos breves, seccións de correo e coleccionables, acadando unhas vendas aproximadas de mil exemplares de cada número. Sen embargo, a supervivencia da revista estaba condicionada a un mínimo de subscriptores cifrado en catrocentas subscripcións que non se chegou a acadar. A desaparición de "Golfiño" coñeceuse a mediados do mes de maio do pasado ano.