A literatura infantil e xuvenil é o xénero no que as editoriais máis innovan nos formatos

O libro toma forma

Malia que levamos anos a escoitar que o libro electrónico será o formato do futuro, o caso é que as editoriais consideran que o papel é o formato óptimo. De feito, no noso país as empresas recoñecen que é un soporte de ciencia ficción e, como moito, editan CD e e DVD que aparecen só como acompañantes dos libros en papel de toda a vida. Hoxe, Día Internacional do Libro, mergullámonos nos diferentes soportes.

Hai tres elementos definitorios no mundo do libro no sector galego. En primeiro lugar, que o libro en papel foi, é e seguirá a ser o mellor formato no que traballar. En segundo lugar, que as principais innovacións nos soportes chegan naqueles textos destinados ao público infantil e xuvenil coa intención de buscar novas fórmulas para captar, novos lectores. Por último, que o CD e o DVD son os formatos principais que as editoriais empregan como material adicional ao libro, pero nunca como substitutos.

O papel do libro
“O soporte principal do libro segue a ser o texto” explica Celia Torres de Xerais. Unha idea que tamén comparte Xosé Manuel López de Baía ao asegurar que “de momento, non pensamos en ningún outro soporte que non sexa o libro en papel”. Por último, Paz Castro da editorial Kalandraka recoñece que o papel segue a ter o lugar prioritario e destacado no formato actual. Á raíz destas declaracións queda claro cal é o soporte que veremos nos vindeiros anos nos andeis das librarías: o papel. De feito, desde Kalandraka indícannos que coñecen dalgunha experiencia na busca doutros formatos como o electrónico, pero de xeito experimental e ningunha delas ten lugar en Galicia.

As aventuras nos soportes
“Boas noites osiño, imos durmir” é un libro de tea de Kalandraka para pre-lectores, é dicir, nenos de 0 a 4 anos e que está pensando para un achegamento inicial aos máis pequenos á lectura. Un formato que tivo moi boa acollida e da que a editorial pontevedresa tivo que preparar unha segunda edición. Canda a tea, Kalandraka tamén traballa outros soportes como o cartoné, un cartón duro axeitado para o seu uso por rapaces pequenos. Tanto Paz Castro, do departamento de comunicación, como Olalla do departamento de edición, coinciden en destacar que a busca de novos formatos está condicionada pola idade do cativo. Olalla explica que “hai que ofrecer un produto que se axeite á súa idade. Se os nenos son pequenos, o material debe ser a tea, xa que é o material máis próximo e quentiño. O seguinte material é a madeira, porque é duro e cando neno comeza a ter máis sentido do tacto. Despois ca veñen os de cartón, os despregables, os troquelados e o albume ilustrado”. A idea que latexa de fondo é conseguir captar a atención dos pícaros cara a lectura, dun xeito que lles resulte próximo e que os converta en futuros lectores.

Xosé Manuel López da editorial Baía tamén recoñece que a incorporación de novos elementos, de formatos como o CD ou o DVD está máis próxima ou máis achegada ás súas coleccións destinadas ao público infantil.

Pola súa parte, a primeira en achegarse aos novos soportes para os máis pequenos foi Xerais. Foi a primeiros dos noventa, nunha colección titulada “Voche contar un conto”. Era tamén a primeira experiencia de Xerais na materia e, segundo explica Celia Torres, consistía nun “Libro con texto e ilustracións que estaba acompañado dun cassete onde o autor narraba o conto”, unha colección que gozou de grande popularidade e interese por parte do público.

De feito, editoriais como Xerais tamén prestan especial atención á busca de novos formatos para captar lectores entre os de idade máis temperá, aínda que Celia Torres lembra que tamén de seu o caso de narrativa para adultos. “Foi o caso de “Na Radio. 56 historias no ar” de Ana Romaní, que está esgotado desde hai tempo e que eran os mesmos textos do libro pero que estaban gravados nas voces dos propios autores.

Sen embargo, desde Xerais tamén apuntan que o importante segue a ser o libro, mentres que os cd e os dvds non deixa de ser máis que un engadido, un material complementario ao libro en papel que segue a ser o elemento principal.

Acompañantes do libro
“Guía das aves”, “Guía das árbores” e “guía das árbores de Galicia” son dous volumes editados pola editorial Baía, dous libros-cedé que achegan información complementaria, de tal xeito que o cd incorporaba os sons que emitían as aves mentres que os das árbores contiñan imaxes das árbores que figuraban na guía. Son, como tamén aseguraba Celia Torres no caso de Xerais, un acompañamento perfecto para o libro. Unha mostra de que non son elementos destacados é o feito de que na última reedición do libro “Guía das árbores de Galicia” xa non aparecerá un CD. Segundo Xosé Manuel López de Baía, “o autor considerou que non era un elemento imprescindible para coñecer as árbores e editouse soamente en papel”.

Por último, Xosé Manuel López apunta que “a curto-medio prazo non pretendemos mudar o formato do libro tradicional en papel”. Unha afirmación rotunda para a que achega unha explicación convincente "simplemente, porque non hai demanda".