Os magos presentan unha asociación profesional para achegar a maxia a todos os públicos

Por arte de maxia

“Os magos creamos ilusión, pero non vivimos dela”. É unha das máximas do Mago Antón, un dos máximos representantes da maxia galega e un dos artífices da Asociación de Magos Profesionais de Galicia. Unha entidade que se presenta hoxe en Santiago, no mesmo momento no que a cidade estrea o Festival Internacional de Maxia, que encherá de trucos e espectáculos as rúas compostelás ata o vindeiro sábado.

Baixo o nome de “As catro estacións” está a idea de crear un festival de maxia en cada provincia e en cada estación do ano. O primeiro chanzo deuse en Lugo hai dous anos, onde se creou un festival de inverno. Agora chégalle o momento a Santiago, a segunda das catro estacións coa que a Asociación de Magos Profesionais queren encher Galicia de maxia. Unha entidade única no mundo porque como asegura o Mago Antón “existen numerosas asociacións no mundo, algunhas mesmo centenarias, pero todas son de carácter afecionado e non profesional, de aí a importancia deste colectivo”.

Para o ano que vén Pontevedra ou Vigo (aínda está por decidir cal levará o rato ao fol) celebrarán o festival de verán, mentres que Ourense fará o mesmo en outono. “Os catro festivais, asegura o Mago Antón, só terán como denominador común a maxia, despois cada un deles contará cos seu propio formato porque non podemos repetir o mesmo esquema en catro cidades tan diferentes”. Pero todos os trucos que están por vir, e todas as iniciativas que promove este colectivo parten do mesmo sitio: o documento “Mil primaveras por arte de maxia”.

O manifesto
“Mil primaveras por arte de maxia é un documento no que veñen todas as cousas que comezaremos a ver no noso país de xeito gradual” explica o Mago Antón. O manifesto, elaborado por este mago e pola empresa “Creacións máxicas” responsables da produción deste tipo de espectáculos desde 1985. “Este documento, continúa o mago Antón, é unha historia da maxia en Galicia e comprende unha especie de manifesto no que se resumen todas as intencións e todas as actuacións precisas para desenvolver a maxia no noso país”.

Unha escola para a formación de profesionais da maxia, impartir nos centros educativos materias relacionadas coa maxia para os cativos e crear unha programación sólida que sexa quen de crear un público estable son outras das ideas que contén esta especie de “biblia” para a maxia galega.

Os espectáculos
A raíz desde documento, os magos foron buscando o seu lugar dentro das actividades diarias dos concellos. As súas reivindicacións non caeron en saco roto e a Consellaría de Cultura, a través do IGAEM e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural foi creando e abrindo vías específicas para eles. De feito, a día de hoxe, pódense descubrir espectáculos de maxia en tres contextos. Nun primeiro momento está a rede da maxia do IGAEM, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Neste primeiro chanzo o noso traballo é convencer os concellos de que nos programen e aumenten os noso espectáculos, así como crear un público e unha cultura da maxia” asegura o Mago Antón. Nun segundo momento está o programa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a través de “Cultura na rúa” que malia que non ten un apartado exclusivo de maxia, entran nel todas as artes escénicas. Por último, están os “Circuítos galegos de maxia” que este ano se desenvolverán a segunda edición. De setembro a decembro, 60 concellos achegarán programación deste xénero en formato festival. “Este ano serán festivais, asegura o Mago Antón, pero no futuro haberá outras fórmulas”.

O centro de formación
Algúns magos galegos teñen vendido trucos a figuras tan recoñecidas como David Copperfield, pero para que cousas coma esta poidan ter lugar, cómpre que o magos vaian renovando e modificando os seus espectáculos. Para iso cómpre un lugar de formación que xa está en camiño. A quince quilómetros de Lugo, no medio dunha carballeira estase a crear un estudo que permita innovar e experimentar nesta arte. Un centro que está en fase de equipamento e que será o lugar de ensaio e de creación dos diferentes espectáculos que despois poderemos ver nos teatros do país. Pretendese que a futura escola (que terá o nome "I+Demaxia") conteña un centro de interpretación, un centro didáctico para escolares e maiores, un espazo para a nova canteira e para reputados profesionais.

O futuro
Os primeiros pasos xa están dados, agora os magos teñen axudas a producción de espectáculos e á creación de infraestruturas que, como aclara o Mago Antón “son pioneiras en todo o mundo” e que evidencian que os piares deste edificio xa están construídos.

Agora, tal e como asegura o Mago Antón comeza a conta atrás. “Temos o prazo dun par de anos para que aparezan en Galicia espectáculos diferentes e os públicos vexan que a maxia é un lugar escénico con moita forza que pode contar historias e que pode mesturarse con outras artes escénicas”. Este será o seu reto pero este mago di estar moi tranquilo “porque temos as ideas claras, non é un proxecto improvisado, sabemos o que hai que facer e cremos que o público está do noso lado”.