Media ducia de libros recuperan a vida e a obra da poeta María Mariño

Arredor de María Mariño

María Mariño naceu en Noia pero toda a súa vida está relacionada co Caurel, onde escribiu a maior parte da súa obra. Un traballo poético que numerosas editoriais están a recuperar desde que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas. Antoloxías poéticas, estudos e mesmo música a ritmo de bossa nova poñen en valor o seu legado.

Comezou a escribir primeiro en castelán, despois pasouse ao galego pero os seus tímidos inicios non pasarían de aí se non fora porque na súa vida se cruzou Uxío Novoneyra. Foi el quen a animou a continuar escribindo pero, sobre todo, a que publicase a súa obra. “Palabra no tempo” editado en 1963 pola colección “Tesos Cumes” da editorial Celta. Foi a artífice dunha poética radicalmente intimista e unha linguaxe rupturista que se sitúa nas marxes do canónico no seu tempo. “Unha mirada embazada durante moito tempo polo descoñecemento da súa vida e a desconfianza do proceso de escrita da súa obra” asegura Ana Romaní na bibiobibliografía que aparece no Álbum de Mulleres. Toda unha personalidade e unha obra na que se centran as diferentes publicacións que este ano presentan as editoriais galegas con motivo do Día das Letras Galegas.

Os libros
Entre “Palabra no Tempo” e “Verba que comeza”, publicada por Avilés de Taramancos e Uxío Novoneyra pasaron vinte e sete anos. Un tempo no que María Mariño, xa afectada de leucemia, non deixaría de escribir. De feito, entre as novidades que se presenta este ano está "Más allá del tiempo". Un texto que ofrece a editorial Alvarellos que mestura texto e poesía, que está escrito en castelán e que o feito de non ter pasado polas mans de editor algún o converte en especialmente revelador en canto ás relacións da poeta coa escrita. A edición conta cun estudo introdutorio e de contexto a cargo da filóloga Helena González e que hoxe se presenta no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.

Pola súa parte, a Consellaría de Cultura presentou hai unhas semanas en Noia, localidade natal da escritora, o libro “Cantiga da costureira poeta” con textos de Xosé Agrelo e ilustracións de Alfonso Costa.

Canda estes libros, a editorial Galaxia presentou dúas publicacións. Unha elaborada por Xerardo Agrafoxo sobre a biografía de Maria Mariño e outra a cargo de Patricia Arias Chachero que fixo unha antoloxía poética da súa obra. Ademais, a “Festa da Palabra Silenciada”, a revista que edita a sociedade Feministas Independentes Galegas (FIGA) decidou o seu número 21 a María Mariño.

Imaxes, sons e tamén pan
Na segunda campaña para achegar a poesía ao público nas bolsas de pan, a Consellaría de Cultura tamén incluíu textos de María Mariño. Unha forma doada de que a súa obra chegue a todo o público nun formato orixinal e diferente.

Música, vídeo e texto é o que presenta un volume composto por un libro, un cedé e un deuvedé. No apartado musical Eloi Caldeiro, membro fundador de Brath, musicou a ritmo de “bossa nova” textos de María Mariño. O DVD fai un percorrido pola vida da poeta e o texto incorporará fotografías familiares e diferentes pezas literarias para ofrecer unha visión máis completa da homenaxeada.

María Mariño e os pícaros
Ademais, a Secretaría de Política Lingüística e a Consellaría de Educación xuntaron os seus esforzos no fomento das novas tecnoloxías entre o alumnado, así como o impulso á participación activa. Por iso crearon dous certames: un para premiar as catro mellores webquests (modelo de aprendizaxe que empregan a Internet baseado en procesos cooperativos) realizadas sobre a obra e a época de María Mariño, e outro para premiar os mellores libros colaborativos sobre a autora galega realizados polo profesorado e polo alumnado no espazo web que a Xunta habilitou para a ocasión.

Tamén para escolares, a Consellaría de Cultura e a editorial Toxosoutos organizaron a exposición “Cantiga da costureira poeta” que pretende divulgar a súa figura para nenos de entre 4 e 10 anos. Unha serie de paneis cos textos manuscritos do finado Xosé Agrelo e os óleos orixinais do ilustrador Alfonso Costa que fan parte do libro que Cultura edita para esta ocasión.

Diferentes materiais que contribúen a achegar a súa figura a todo o mundo desde diferentes puntos de vista e para todos os públicos.