Reeditan a obra dun berciano que publicou en galego antes que Rosalía

Antes e despois dos cantares

Foron os "Cantares Gallegos" os que deron título á obra de Rosalía que marcou o inicio do Rexurdimento na literatura. E foron tamén os cantares gallegos cos que na "Colección de Cantares Gallegos" Xosé Casal Lois gañou os Xogos Florais de Pontevedra no 1884. Máis dun século despois ambas as dúas obras volven ser noticia e ambas as dúas por unha reedición. A primeira porque a Universidade de Vigo reedita a obra de Fernández Morales, quen publicou en galego dous anos antes de que o fixera Rosalía. E a segunda porque o Consello da Cultura Galega e o Museo de Pontevedra reeditan a obra de Casal, e que constitúe unha das pezas fundamentais da literatura do S. XIX.

Primeira reedición



Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817- Cacabelos, 1896) é practicamente un descoñecido. E sen embargo a súa achega supón unha descuberta importante dentro do que foi a recuperación da literatura galega moderna. E agora a Universidade de Vigo pretende facerlle xustiza editanto, a semana que vén, unha "Escolma de poesía berciana en lingua galega (1860- 1960)" que inclúe tres composicións do berciano Fernández Morales. Son tres poemas que o escritor publicou no poemario "Ensayos poéticos en dialecto berciano" no 1861. E isto significa que a súa obra (composta por un groso volume de máis de oito mil versos repartidos en dezaseis poemas) veu a luz dous anos antes de que Rosalía publicase os seus "Cantares Gallegos".
Malia que Morales naceu en Astorga (1817) de neno trasladouse a Cacabelos, onde estivo ata os dezasete anos cando ingresou no Colexio de Distinguidos de Valladolid, logo de rematar os seus estudios de filosofía no seminario de Astorga. Nese mesmo ano é sarxento da Guardia Nacional e comeza a súa carreira militar. Unha carreira militar marcada por un ideario progresista que o levou a participar no 1868 no derrocamento de Isabel II.
A Universidade de Vigo poñerá a disposición do público cincocentos exemplares da "Escolma de poesía berciana en lingua galega (1860-1960)". No exemplar, ademais da obra de Fernández Morales poderanse ler poemas de Morales, Isidro Andrés Ovalle, José Bálgoma, Francisco de Llano e Ramón González Alegre. Os encargados desta recuperación son os profesores Henrique Costas, director do departamento de Filoloxía Galega da Universidade Viguesa e o catedrático de Lingua e Literatura, Anxo Angueira.












Segunda reedición



E duns cantares a outros, á "Colección de Cantares Gallegos" de Xosé Lois Casal que acaban de reeditar o Consello da Cultura Galega e o Museo de Pontevedra. Unha publicación importante porque supón un duro traballo de compilación da toda a obra do erudito pontevedrés e coa que se culmina a edición dos cancioneiros da literatura galega máis importantes. Deste xeito, a tradición oral de Galicia está recollida nos traballos realizados por Valladares, Saco y Arce e López Ballesteros.
A edición correu a cargo do profesor Domingo Blanco e, para Antón Santamarina, director do Instituto da Lingua Galega e encargados de presentar este traballo, a obra supón un cubrir un oco que quedaba baleiro dentro da literatura popular. "É unha obra que debía ter sido publicada hai 120 anos" afirmaba Santamarina.
E na presentación, Santamarina quixo deixar unha porta aberta a outro traballo ó asegurar "agora só queda agardar que cistalice o gran cancioneiro da literatura oral, un cancioneiro que pode ser un dos máis ricos de toda España", un traballo inxente para o que "contamos con vimbios e contamos con cesteiros, só fai falla o mecenas que queira asumir este traballo".