Promoción da lectura e novidades editoriais o Día do Libro Infantil e Xuvenil

Literatura nova

O dous de abril, aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen celébrase o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil. O libros dirixidos a este público, cunha grande importancia no sector editorial galego, son os protagonistas hoxe. Contacontos, reparto gratuíto de exemplares, descontos e campañas de animación son algunhas das actividades coas que se celebra esta data. Tamén é hoxe cando a editorial Kalandraka celebra o seu cuarto aniversario presentando unha nova colección e abrindo unha delegación en Madrid.

Campañas institucionais



As Consellerías de Cultura e de Educación, en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia poñen en marcha hoxe unha campaña de animación á lectura para os máis novos. Esta campaña consiste en que, durante toda esta semana, en cada librería se regalará o libro "Tres pegadas", editado pola Xunta, ós compradores de libros destinados ós máis novos. "Tres pegadas" inclúe cadanseu relato de Fina Casalderrey, Paco Martín e Magdalena Rojas, acompañados polas ilustracións de Uqui Permy. Esta obra tamén se repartirá por centros de ensino e bibliotecas de todo o país. Ademais, a Federación de Libreiros comprometeuse a relizar descontos do dez por cento en todas as obras de literatura galega que se adquiran entre o dous de abril e o dezasete de maio. Ademais, entre o trece e o dezasete de maio, e con motivo do Día das Letras regalarase a antoloxía "De Rosalía a Frei Martiño Sarmiento", que recolle textos de todos os autores ós que se lles dedicou esta data.
Mentres, en Pontevedra o Día do Libro Infantil e Xuvenil serve como punto de partida para as actividades do ciclo Abril do libros. Este programa inclúe cincuenta actividades diferentes arredor da lectura e dirixidas especialmente ós máis novos. Así, o grupo Migallas representará durante os vindeiros tres días a obra "O libro máxico" no Teatro Principal, onde tamén se habilitou un espacio de animación á lectura e un contacontos. Ademais, e como novidade, o Concello convocou o galardón "Abril dos libros" polo que premia con mil euros o mellor programa de animación á lectura desenvolvido por un centro de ensino non universitario.
Outra novidade desta edició do programa é a instalación, a finais do mes, de paneis con textos literarios en diferntes lugares da cidade para animar ós viandantes á lectura. Ademais, repartiranse máis de tres mil libros entre os diferentes agrupacións culturais e centros de ensino da cidade, que tamén recibirán a visita de "O conto viaxeiro", unha actividade de animación á lectura desenvolvida por Manuel Lourenzo. Ademais, durante todo o mes continuarán os obradoiros "A procura do tesouro" e "A hora do conto", desenvolvidos polos grupos Migallas e Pavís Pavós, que tamén realizará unha actuación musical os días sete e trece en colaboración co grupo Mamá Cabra.












Asociación do Libro Infantil e Xuvenil


A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil celebra a data de hoxe con varias actividades. Aí, os escritores Fina Casalderrey, Palmira González Boullosa e Chema Eras, o autor e ilustrador Kiko da Silva e o vicepresidente de Galix Xosé Antonio Perozo, visitarán os nenos ingresados na Escola Camilo José Cela do Hospital Clínico Universitario de Santiago e no Complexo Hospitalario Xeral Cíes de Vigo. Nestas visitas repartirán libros entre os rapaces, falarán con eles e contaranlles contos.
Pola tarde, e tamén en Compostela, desenvolverase un contacontos dedicado a Andersen na biblioteca Nova33. A continuación realizarase un sorteo entre os autores e ilustradores galegos para decidir quen realiza unha versión do conto "O patiño feo" que se integrará nun volume que editará a Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil.




Kalandraka

Coincidindo co Día do Libro Infantil e Xuvenil, a editorial Kalandraka, especializada neste eido, celebra o seu cuarto aniversario presentando unha nova colección e abrindo unha delegación en Madrid.
"Tiramillas" é o título da nova colección, destinada a lectores de máis de doce anos. Os dous primeiros títulos presentados son "A viaxe de Cora" escrito por Meike Hinrichs e ilustrado por Wiebke Oeser e "Gracias a Winn Dixie" de Kate di Camillo con ilustracións de Féxil Éckardt. Esta colección pretende que os lectores que comezaron cando máis novos con outras coleccións da editorial continúen con obras máis axeitadas á súa idade e coa mesma calidade edición que vén desenvolvendo a editorial.
Hoxe é tamén o día en que Kalandraka abre a súa primeira delegación en Madrid cun contacontos no Círculo de Belas Artes da capital española no que presentarán as versións en castelán de "A ratiña presumida" e "Os oficios de Xoan". Nos seus catro anos de existencia Kalandraka editou noventa títulos en galego, trinta en castelán, vintecinco en catalán e outros vintecinco en euskera.