Nace Espoesía, unha rede poética que reivindica a importancia desta arte no patrimonio cultural

Unha malla para versos

A idea dunha rede poética soa a priori coma algún tipo de composición lírica. Hoxe preséntase no Consello da Cultura Galega un proxecto que, co nome de Espoesía, abrangue unha serie de iniciativas poéticas de todo o estado. Lonxe de ser unha proposta puramente creativa, a Rede quere ser un foro de traballo e de reflexión encol desta arte.

"É a primeira vez que se crea isto no Estado", explica Miguel Anxo Fernán Vello, promotor galego da iniciativa e director da editorial Espiral Maior. "O nome Espoesía xoga coa idea de espazo poético", completa, "concibimos a poesía coma un punto de encontro, e na rede atendemos á diversidade lingüística e as diferentes expresións poéticas". A un nivel máis práctico, a nova entidade "vaise especializar na xestión de actividades protagonizadas por esta arte e na organización de eventos que teñan a poesía coma centro", ademais "queremos promover as traducións, reivindicar o inmenso patrimonio poético que hai no Estado coas diferentes tradicións, e facer da poesía un vehículo de coñecemento e intercambio", completa. Nese sentido, está claro que nesta rede consideran que a expresión literaria deste tipo transcende con moito o ámbito do libro.

O nacemento
A iniciativa, aínda en pleno desenvolvemento "xurdiu das conversas entre persoas que levamos bastantes anos traballando neste campo", lembra o director de Espiral Maior. "Víamos a necesidade de crear unha estrutura e este parecía un momento oportuno, cando en España está a se producir un maior recoñecemento da pluralidade e da diversidade", completa. A idea en si naceu hai cousa dun ano, no festival de poesía de San Cugat de 2006, e a partir das primeiras conversas informais creouse unha comisión xestora composta por Miguel Anxo Fernán Vello, Jordi Virallonga, presidenta da Aula de Poesía de Barcelona, e mais Basilio Rodríguez Cañada, editor e presidente do PEN Club español. A eles sumáronse pouco despois Trinidad Ruíz-Marcellán e Germain Droogenbroodt. A partir deste núcleo inicial o proxecto quérese ir espallando e contar coa colaboración de diferentes poetas de todo o estado.

Proxectos
Entre os proxectos máis inmediatos está un festival de poesía en Madrid. "Será un evento que non está organizado directamente por Espoesía, xestiónao Basilio Rodríguez e contamos xa cunha certa implicación. É a primeira vez que se fai algo así en Madrid, e contará coa presenza de moitos poetas galegos e cataláns". En total máis dun cento de autores daranse cita neste evento, "pensamos que é un primeiro punto de concreción das nosas ideas". A mais longo prazo, desde este colectivo queren chegar a desenvolver "un directorio internacional de poesía, que funcione coma un centro de intercambio a través das novas tecnoloxías", adianta Fernán Vello. A iniciativa acadou xa o respaldo de institucións coma a Generalitat de Cataluña, a Consellaría de Cultura ou o Ministerio de Cultura.

Momento poético
A evolución da sociedade e das tecnoloxías da información e da comunicación semella estar relacionado coa estruturación dun ámbito creativo que adoeceu historicamente dunha falta de organización. "Nos tempo de hoxe, con toda a evolución dos medios de comunicación e de expresión algo no ambiente facía sentir esa necesidade", explica Fernán Vello. "A poesía tiña que adquirir unha visibilidade, cun organismo capaz de organizar a actividade neste campo ante unha Europa cada vez mellor comunicada nos circuítos culturais políticos e económicos", lembra. Deste xeito, os promotores desta iniciativa queren difundir a poesía fóra dos ámbitos estritamente literarios e contribuír á organización do sector, nun momento en que este xénero protagoniza diferentes festivais e se mestura coas artes escénicas e outras propostas creativas. "En España hai xa varios festivais e foros onde está presente a actividade poética, e nós queremos ser un espazo de liberdade e un punto de encontro de diferentes expresións", completa este editor.

Aires europeos
Realmente, semella que sopran ventos de estruturación da poesía a nivel europeo: Espoesía xorde de xeito simultáneo a outras dúas iniciativas para crear redes deste tipo.
"Neste momento están nacendo por Europa outras redes deste tipo nas que agardamos integrarnos. A nosa é polo momento a primeira que se organiza a nivel continental". E é que esta arte ten tamén moito que dicir na construción da identidade común do Vello Continente. "Europa ten unha tradición literaria na que a poesía é fundamental, e este tamén é un xeito de reivindicar ese patrimonio". Como exemplo de converxencias de identidade a través da poesía, este editor lembra que "en Galicia posuímos unha inmensa tradición xa desde a Idade Media, coas cantigas, e esa tradición da Idade Media únese tamén coa catalá".

Canda á vocación europea de Espoesía, mantense, como ficou ben claro, a aposta pola diversidade cultural. Nese sentido, o feito de presentar a rede en Compostela é, para o seu promotor galego, "unha satisfacción, reivindica a cidade como unha das urbes medievais cunha grande tradición poética. Presentar o proxecto en Galicia recoñece ese legado", conclúe. Deste xeito, o Consello da Cultura Galega a colle a presentación dunha iniciativa que pretende reunir e espallar versos.