Casares recibe o Premio Galego Egrexio 2001 da Fundación Premios da Crítica

Casares, egrexio Casares

Carlos Casares semella seguir vivo. A Fundación Premios da Crítica homenaxeou a súa figura este fin de semana nomeándoo como galego egrexio a título póstumo e foi a figura homenaxeada na entrega do I Premio Ramón Piñeiro de Ensaio.

Premios da crítica


A Fundación Premios da crítica subliñou o papel como fundador, e ex-presidente do Pen Clube Galicia, como xerente da Editorial Galaxia e como Presidente do Consello da Cultura Galega, así como resaltou a súa condición de escritor "notabilísimo". Os membros do xurado tomaron a decisión por "unanimidade". O vicepresidente da Fundación, o editor Bieito Ledo, comentou que xa estaban a manexar o nome de Casares antes da súa defunción. Os motivos polos que foi concedido o premio foron a súa notable presencia no eido cultural: "a constante participación, como xestor, a prol da cultura do país" e, ademais, "ós méritos que ten como literato, como escritor e xornalista, como conferenciante e como embaixador da nosa cultura no mundo". Outro punto que destacou o xurado foi que "Carlos Casares sempre se moveu no terreo comunal, é dicir, nunca se moveu no terreo partidario".












As masas de Basilio Lourenço


E o acto de entrega do I Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, outorgado pola Editorial Galaxia co patrocinio de Unión Fenosa, outorgado ó libro "A submisión das masas", de Basilio García, tamén se convertiu nunha homenaxe a Casares. Basilio García, que asina a obra como Basilio Lourenço, manifestou que está "moi satisfeito", por esta súa primeira publicación en solitario e considera que o premio "pode contribuír a empurrar na dirección de falar, de escribir, en galego de temas que non son galegos, de cuestións de todo o mundo, universais". Basilio García indica que os motivos que lle levaron a escribir "A submisión das masas" pasan pola análise da "crise" da civilización occidental, "porque afecta dende as ideas políticas ata os medios de comunicación, pasando pola transformación do cristianismo no discurso laico do progreso".





Sarmiento: un fito histórico

Hoxe tamén coñecemos unha entrevista inédita que Carlos Casares concedeu a La Voz de Galicia en madrid o 18 de febreiro. Nela, Carlos Casares indica que "se está a pasar por unha fase de demonización dos nacionalismos". O Presidente do Consello da Cultura Galega indicou que "por iso é moi importante que a política cultural que fagamos dende as autonomías sexa moi sensata". Asímesmo, Carlos Casares indicou que a edición do Proxecto Sarmiento, a edición de toda a obra do frade a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, e que está a levar a cabo o Consello da Cultura Galega, "marcará un fito non só en Galicia, senón na cultura española".
Os entusiastas da obra de Carlos Casares tamén poden adquirir hoxe, luns, en La Voz de Galicia, o seu libro de relatos "Os escuros soños de Clío". Esta obra edítase dentro da Biblioteca Galega 120 que distribúe o xornal