A precaria situación económica limita as actividades da Fundación Rosalía

Rosalía é pobre

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

O feito de non celebrar o nacemento da poeta de Padrón o pasado día 24 de febreiro deu a voz de alarma. A Fundación Rosalía de Castro de Padrón desenvolverá un programa "reducido ó mínimo" durante este ano pola falta de orzamento, segundo recolleu esta fin de semana "La Voz de Galicia". Aínda que a Fundación está a negociar o financiamento dalgunhas das actividades previstas, o presidente da entidade, Austín Sixto Seco, só confirmou a publicación dunha edición bilingüe de "Cantares Gallegos" e de "Follas Novas".

Problemas económicos



Segundo recolle o propio programa de actividades da Fundación, presentado o pasado vinteseis de xaneiro, a realización dunha boa parte das actividades previstas dependen da dispoñibilidade de cartos.
Aínda que daquela estaba previsto o acto en conmemoración do nacemento de Rosalía, finalmente houbo que revisar á baixa as actividadesj e supender este acto.
As débedas que acumula a Fundación fan que a situación económica da entidade, segundo o seu secretario Gonzalo Rey Lama, sexa "grave" e que precise urxentemente renovar convenios e subvencións. Actualmente a Fundación conta cun orzamento de 120.200 euros para este ano.




Onde van os cartos

A única actividade confirmada pola Fundación para este ano é a edición bilingüe de "Cantares Gallegos" e de "Follas Novas" realizada por Helena Villar e Xesús Rábade baixo a coordinación de Xesús Alonso Montero. O lanzamento farase o vindeiro día quince de xullo, cabodano de Rosalía.
Tamén se prevé que continúen incrementándose os fondos da biblioteca do Centro de Estudios Rosalianos, quedando reducido ó mínimo o mantemento e mellora das instalacións. A vindeira semana a Fundación Rosalía de Castro asinará un convenio coa Fundación Caixa Galicia para pór en marcha unha mostra de ilustracións sobre poemas de Rosalía.




O que resta por facer


Entre as necesidades máis urxentes sinaladas pola Fundación está a realización de novo material audiovisual para os visitantes da Casa-Museo de Padrón, xa que o existente na actualidade atópase desfasado. Ademais, búscase oramento para realizar unha nova guía deste centro e para realizar os II Encontros Rosalianos.
Outros proxectos pendentes son rematar a edición da "Historia da Misa de Rosalía", a organización de cursos de verán sobre a poeta e o desenvolvemento do ciclo "Diálogos na casa de Rosalía".


Que che parece esta nova?
39 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Padrón, Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, Fundación Rosalía de Castro...