Os microorganismos achegan posibilidades insospeitadas á recuperación e rehabilitación de monumentos

Bacterias que crían pedras

A contaminación do aire, a acción da auga, o vandalismo, a acumulación de graxa e de po nas superficies ou o simple paso do tempo. As agresións que sofren de xeito continuado os nosos monumentos son numerosas e, nalgúns casos, teñen difícil solución. Nos últimos anos, Europa está a comezando a albiscar as posibilidades das técnicas de biorrestauración para protexer e recuperar o noso patrimonio. Unha proposta que achega posibilidades tan incribles ata o de agora como a rexeneración da pedra.

A idea básica da biorrestauración é empregar as características de determinados organismos de cara a recuperar bens patrimoniais. Segundo nos explica Margarida Rossi, microbióloga da Universidade Católica de Porto que está a traballar neste campo,"nos últimos anos estudos realizados sobre todo en Italia, Francia, Alemaña e Reino Unido demostran que é posible utilizar con éxito técnicas biotecnolóxicas de conservación e restauración". Recoñece, de calquera xeito, que estas investigacións son aínda moi minoritarias: "só hai unha empresa, en Francia, que está a operar nesta área". Trátase, mais concretamente de Calcite Bioconcept, que aplica en fachadas degradadas procesos de biomineralización. Alén desta aposta empresarial, segundo sinala a doutora Rossi, existen poucos exemplos de biorrestauración aplicada. "O resto dos casos prácticos que hai son esencialmente traballos de encarga que fan as universidades de Portsmouth, Londres e mais a Universitá degli Studi di Milán. Neste último caso, por exemplo houbo unha experiencia con éxito na restauración dun fresco do século XVI en Spinello Arentino, en Pisa", explica.

Facer pedra coas bacterias
A falar en concreto do xa mencionado proceso de biomineralización, esta proposta aproveita os restos calcáreos que producen determinados microorganismos no seu proceso vital. É dicir, consegue crear unha nova capa pétrea dunhas micras (millonésimas de milímetro) por riba da propia pedra, semellante á que xa existía en canto a cor e que mesmo conserva unha certa capacidade de rexeneración. Esta asombrosa propiedade presenta un menor custo e achega unha maior protección fronte os axentes externos que atacan este material do que os métodos tradicionais. Malia ás posibilidades que abre este sistema, polo momento en Galicia a súa aplicación é limitada pola composición granítica da maior parte dos nosos monumentos. "O que existe ata o de agora é para rocha calcaria, para o granito aínda non hai nada, pero penso que de se investigar axeitadamente non haberá grandes problemas", explica Rossi.

Remedios bio
Ao carón da xa comentada biomineralización, neste campo emprégase, por exemplo, a coñecida biorremediación. A idea básica xa a coñecemos de cando a catástrofe do Prestige. Existen bacterias e microorganismos que se alimentan de hidrocarburos ou doutros elementos contaminantes e permiten así eliminalos de determinadas áreas sen danar o contorno e desaparecendo por si mesmas unha vez consumido o seu sustento. "A biorremediación en xeral non é moito máis do que iso, coller un organismo coas características que nos interesa, darlle as condicións óptimas de actuación e deixarlle facer o traballo", explica Rossi. Se mudamos a escala e pensamos nos depósitos graxos ou doutros contaminantes que se sitúan na superficie de monumentos históricos, como estatuas, fachadas, cadros ou retablos, axiña xurdirá a cuestión de se é posible aplicar técnicas semellantes para protexer o noso patrimonio. "Non sempre se pode aplicar a grandes extensións, pero é útil para a limpeza da polución urbana", lembra esta investigadora. "Por exemplo, o fume dos coches combinado coa auga da chuvia mineraliza nas superficies rochosas e dá ese aspecto escuro que se pode ver en Porto ou en Vigo. Para isto existe a posibilidade do tratamento mecánico, que é abrasivo e afecta á superficie, o láser, que tamén ten desvantaxes, e a biorremediación, que pode limpar en corenta e oito horas unha superficie sen provocar danos".

Fagos e enzimas
No caso de o problema vir pola existencia nun ben patrimonial de bacterias que o degraden, a biosolución chega da man da fagoterapia. Segundo explica Rossi, "baséase na utilización de fagos ou bacteriófagos para eliminar colonizacións bacterianas. Os fagos son virus que infectan unicamente bacterias" e que unha vez as eliminan, desaparecen sen prexudicar ninguén. Para as manchas e residuos, estas técnicas propoñen algo que xa comeza a nos sonar do mundo dos deterxentes: as encimas. Estas son proteínas complexas que actúan de xeito moi específico contra manchas e residuos orgánicos ao provocar procesos químicos que os transforman ou eliminan sen afectar a outros materiais do contorno. "En pintura, por exemplo, os tratamentos encimáticos están xa moi difundidos, e en ocasións mesmo desacreditados polo problema da formación técnica", advírtenos Rossi. "Aínda que permiten limpar totalmente a superficie dun cadro de manchas de graxa ou de proteínas, só funcionan se cumpren todas as condicións necesarias do tratamento. Hai encimas que non traballan ben con frío ou ao contrario. Depende moito do que queiramos, hai billóns delas que fan cousas diferentes", explica. "En xeral é moi importante garantir as condicións para que os microorganismos fagan o que queremos, senón podemos estar mesmo prexudicando a obra".

Apoios europeos
Aínda que polo de agora estas técnicas poden ter un aire a ciencia ficción e, desde logo, non son comúns no noso contorno, as súas posibilidades xa foron advertidas por organismos internacionais como a Unión Europea. Deste xeito, este organismo promoveu o programa BioBrush, no que varios grupos de investigación das universidade de Portsmouth, Riga, Bremen, Milán e Atenas colaboraban para ver as posibilidades das bacterias á hora de remover depósitos salinos en diferentes monumentos, así como as capacidades da biomineralización. Tamén con este último método traballa o Bioreinforce, centrado no reforzamento de estruturas pétreas. Pola súa banda o programa Coalition investiga o emprego da bioloxía molecular na conservación de bens culturais, mentres o Bacpoles olla os problemas dos microorganismos na madeira e desenvolve aplicacións de bacteriófagos para os remediar. No noso país, segundo nos aseguran desde a Escola Superior de Restauración, en Pontevedra, polo momento non se están a desenvolver experiencias neste sentido. O máis semellante é o traballo de investigación con novas tecnoloxías que se desenvolve neste centro, onde empregan, por exemplo, gases inertes para eliminar organismos colonizadores da madeira.

Biodiagnose
Canda ás iniciativas de restauración existe toda unha serie de propostas centradas na prevención. E é que a bioloxía ten moito que dicir non só á hora de buscar remedio, senón na diagnose dos problemas dos monumentos. "A investigación do biodeterioro é tamén unha disciplina e expansión", sinala Rossi. Deste xeito programas coma Papylum ou Vidrio, tamén a nivel europeo, observan os efectos das bacterias no papel e nas antigas cristaleiras, respectivamente, mentres Catas investiga o problema da Cianobacterias na rocha. Máis preto de nós, o Grupo de Estudos Ambientais aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural da Universidade de Santiago dedican boa parte do seu traballo a analizar os efectos da colonización por parte de diferentes especies dos nosos monumentos e mais aos efectos do clima na rocha.

O futuro
Segundo analiza Rossi, a escasa conexión entre bioloxía e restauración tradicional é en boa parte culpable da pouca difusión dunhas técnicas, polo demais, moi recentes. "Cómpren un coñecementos moi específicos, que no 99% dos casos os restauradores non teñen. Os seus cursos adoitan virar máis para a química do que para a bioloxía ou a biotecnoloxía", sinala. Malia á pouca difusión que teñen polo momento estas disciplinas, esta microbióloga está convencida das súas posibilidades. "Penso este é un camiño de futuro que dará en breve unha volta. Esencialmente porque a conservación e a restauración non teñen moitos métodos eficaces, normalmente aplican un tratamento para minimizar os riscos e non para eliminar o problema", asevera esta investigadora. Entre as vindeiras aplicacións que lle prevé a estes sistemas "penso que o metal é unha boa aposta a nivel de prevención, e está tamén o papel, claro". As posibilidades son inmensas. Agardemos a ver o que nos achega o futuro.