As novas tecnoloxías comezan a se integrar na recuperación do patrimonio galego

Cando o láser encontrou o Románico

A última tecnoloxía encóntrase coas máis antigas creacións da humanidade. O láser, os raios xe, os microscopios e todo tipo de técnicas do máis moderno fan parte dos procesos de restauración actuais. Grazas a este tipo de propostas as posibilidades de recuperación de pezas degradadas polo tempo increméntanse e permiten resultados impensables hai anos.

"Coas novas tecnoloxías nos últimos anos mellorouse moitísimo", recoñece a secretaria da Escola Superior de Restauración de Pontevedra, Carme Hermo. "Sobre todo a nivel diagnose, permiten facer análises sen tocar as pezas fisicamente, e iso facilita tamén mellores intervencións", completa. De xeito curioso, boa parte das técnicas que se están a aplicar na actualidade para curar pezas do patrimonio proveñen da Medicina. "Estanse adaptando tecnoloxías orientadas para o ámbito médico e tamén industrial, aínda que ultimamente tamén hai empresas que reestruturan este tipo de aparellos xa con vistas á diagnose de bens". Deste xeito tomografías, raios láser ou radiografías conviven con técnicas máis específicas coma a estratigrafía e aínda cos tradicionais bisturís e hisopos que "continúan a ser ferramentas fundamentais". Aínda que boa parte destas tecnoloxías son coñecidas desde hai ben tempo, a súa aplicación neste ámbito non se desenvolveu ata as últimas décadas. "Ata hai moi pouco as empresas que desenvolvían moitas destas tecnoloxías dedicábanse exclusivamente ao ámbito médico porque eran os que tiñan cartos", explica Hermo, "a restauración hai só uns vinte anos que se comeza a se considerar o patrimonio histórico como algo esencial para a sociedade".

Ollar con novas luces
A nivel de diagnose, e como podemos imaxinar, os raios X ou as tomografías abren unha ampla gama de posibilidades. "Estas tecnoloxías permiten coñecer as estruturas internas das pezas, cousas como se hai cravos que alteren o interior. Logo, coa luz ultravioleta pódense descubrir capas inferiores de pinturas, comprobar se hai repintes posteriores ou se por baixo deles persiste algunha parte do orixinal", completa Hermo. Esta última técnica achega, en ocasións, a posibilidade de descubrir ignotos aspectos dalgunhas obras ou comprobar a autenticidade de pinturas. Canda a estes sistemas as xa convencionais lupas binoculares comparten espazo con microscopios e sistemas fotográficos que rexistran a situación das obras nunha escala mínima. Tamén as peculiares propiedades luminosas dos LEDs ("Light-Emitting Diode") están a se aproveitar para a análise de pezas arqueolóxicas de metal e mais para as esculturas de pedra.

Novas intervencións
Para alén da diagnose, está claro que existen diferentes procesos de recuperación que aproveitan as posibilidades das novas tecnoloxías. De calquera xeito, a secretaria da Escola de Restauración advirte que tanto neste centro como no campo da restauración en xeral, "se podemos evitar unha intervención directa na obra, optamos sempre pola conservación". Deste xeito, as tarefas máis comúns para as que se reservan estas modernas ferramentas céntranse na limpeza e recuperación de obras. Entre as máis empregadas están as mesas se succión "que permiten mellorar o estado da policromía". Tamén as chamadas mesas quentes, coas que se pode evitar "que continúe a caer unha pintura e, chegado ao caso, achega a posibilidade de pegar un novo soporte de tea a unha obra", completa Hermo. A eliminación de insectos mediante gases inertes é outra das modernas técnicas que se aplican en Pontevedra, "é do mellor que se está a empregar pola súa efectividade e inocuidade", explica a secretaria do centro. No proceso modifícase a atmosfera dunha peza e elimínanse os seus habitantes non desexados pola falta de osíxeno.

Ollar e tocar co láser
Unha das tecnoloxías que está a ter nos últimos tempos unha maior aplicación neste campo é o láser. As súas posibilidades no campo da restauración están a se investigar na Universidade da Coruña, no Grupo de Investigacións sobre Aplicacións do Láser, e mais en Vigo, no Grupo de Investigación sobre Novos Materiais. Segundo nos explica Armando Yáñez, que traballa no primeiro destes proxectos, o láser emprégase tanto en arqueoloxía como en restauración, con diferentes funcións segundo o caso. Na primeira destas disciplinas "permite principalmente a análise non destrutiva de materiais, mentres que cando falamos de restauración o que temos é un xeito de eliminar selectivamente material de capas contaminantes ou degradadas para as substituír", explica. Para facernos unha idea, o láser permite, afectando unicamente a unha superficie dun milímetro cadrado, analizar a composición unha peza de arqueolóxica.

Diferentes desenvolvementos
Na actualidade, as aplicacións arqueolóxicas do láser en Galicia están xa moi desenvolvidas, mentres que o seu emprego na restauración aínda esixe unha posta a punto. "En arqueoloxía a estamos a facer un traballo cunha clara compoñente práctica, con restos reais", explica Yáñez. "No caso de restauración, pola contra, traballamos sobre pezas simuladas". A intención final deste último proceso é elaborar protocolos que especifiquen como regular as máquinas para desenvolver estes traballos. "Queremos ver as mellores condicións para facer a limpeza de material sen danar as pezas. Cada material e contaminación esixen un estudo previo", completa. Nun estado semellante de desenvolvemento está o último proxecto do Grupo de Aplicacións do Láser vigués. "Hai unha tese á que lle queda un ano para rematar. Fixemos moito da parte experimental, o obxectivo era probar distintos láseres para ver cal se axeitaba mellor á limpeza de cera das fachadas de granito", explica. Pola banda da Coruña, xa teñen as súas primeiras prácticas. "Facemos traballos para eliminar a contaminación sobre a pedra", sinala Yáñez. As posibilidades, no entanto, van moito máis aló e xa se desenvolven no noso contorno. "Emprégase bastante en retablos e policromías, que poden ter un verniz exposto a atmosfera que se pode eliminar sen alterar a base do material para o substituír despois", resume este investigador. Precisamente o grupo de investigación vigués realizou tamén experiencias neste campo, segundo nos explica a catedrática Betty León.

O futuro
Desde a Universidade da Coruña queren tamén apoiar as empresas do sector que desexen aplicar esta tecnoloxía, sexa achegándolles os seus propios equipos, sexa aportando o seu coñecemento. Aínda que xa houbo algunhas experiencias no noso país con estas técnicas, fixéronse alugando equipos a firmas foráneas especializadas, explica Yáñez: "Que saibamos, polo momento en Galicia non hai ninguén teñan máquinas deste tipo en propiedade, é un campo por abrir." O paso pendente para este grupo é dispor dun equipo de campo que permita levar o láser onde sexa necesario, xa que polo momento a tecnoloxía de que dispoñen obriga a mover as pezas a recuperar. Neste sentido, en Vigo dispoñen xa dun primeiro modelo de láser "portable, que non portátil", explica León, co que agardan desenvolver en breve probas de limpeza real. Para estas dispoñen duns cantos lugares onde a cera ten afectado as fachadas de granito. "Está o friso do claustro renacentista da Catedral de Santiago, San Martiño Pinario e mesmo zonas do Pórtico da Gloria entre outros monumentos", enumera esta catedrática.

Organismos amigables
Non só a química ou os raios axudan a recuperar pezas de arte. Os microorganismos tamén achegan novas posibilidades ao ámbito da restauración. A biorrestauración é aínda unha disciplina que está a dar os seus primeiros pasos a nivel europeo, con propostas en Italia, Francia ou o Reino Unido. En boa medida este método é a mesmo da biorremediación que se emprega para limpar de produtos tóxicos áreas de terra ou de mar, e da que tanto escoitamos cando foi o desastre do Prestige. As posibilidades son tan variadas coma a limpeza de depósitos graxos con bacterias ou encimas, a loita contra colonizacións biolóxicas mediante outros organismos ou mesmo a rexeneración da pedras calcarias mediante bacterias que crean carbonato de calcio. Polo momento no noso país estas técnicas están pendentes de se desenvolver. Como iniciativas pioneiras neste sentido, Carme Hermo sinala un tipo de morteiro que se está a investigar que "conta cunhas bacterias que se van rexenerando e evitan procesos de biocolonización posteriores". Ao tempo, no Grupo de Estudios Ambientais Aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural da Universidade de Santiago, analizan os efectos dos microorganismos e dos elementos naturais sobre a pedra dos monumentos e edificios e desenvolven sistemas químicos para os contrarrestar. É de agardar que a partir destas primeiras propostas se desenvolvan aínda novas técnicas para curar o noso patrimonio ata límites que hoxe aínda nos son inconcibibles.