A dinámica dos colectivos poéticos mantense durante os últimos anos cunha boa dose de innovación

Versos en metamorfose: Grupos poéticos de hoxe

É moi posible que na actualidade non estea a actuar ningún grupo poético coa sona coa que, no seu día, enchían recitais Abrente ou Ronseltz. Tampouco semella haber iniciativas destacadas de autoedición colectiva coma Letras de Cal. De calquera xeito, a semente de se agrupar continúa viva, e nos últimos tempos vimos agromar diferentes iniciativas, algunhas nos lugares e nas formas máis insospeitadas. Mestura de soportes e novas formas de trallo en rede conviven con experiencias máis tradicionais.

Mesmo despois da desaparición de experiencias colectivas coma as que se deron ao longo das décadas dos oitenta e dos noventa, evidentemente a poesía continúa viva, e a actividade grupal arredor dela tamén. Neste sentido a crítica Chus Nogueira advirte da continuidade dunha dicotomía que, para ela, dá pé á existencia de colectivos poéticos: "Sempre vai haber tendencias de fondo entre os partidarios da poesía como algo máis popular e comunicativo, e aqueloutros cunha tendencia máis elitista, que teñen determinadas esixencias para o texto", explica, "iso moitas veces dá lugar á militancia en grupo, que para min é algo positivo. Haberá que estar atentos", conclúe. Desde logo, en estando atentos, descubrimos a presenza, en moitos casos pouco publicitada, de diferentes colectivos que desenvolven a súas actividade hoxe en día.

A reivindicación do xénero
Arredor, en certo xeito, da dicotomía que sinala Nogueira, hai algo máis dun ano presentábase en Compostela un grupo poético heteroxéneo que tiña quizais como risco máis distintivo a reclamación da condición minoritaria da poesía e o coidado pola forma. Javier Patiño, David Souto, Adrián Álvarez e Noel Blanco Mourelle conforman este proxecto sen nome común. "Somos un grupo de entidades que se moveu por Compostela no inverno do tardofraguismo e compartiu a vida escrita, certas marcas da formación e un rexeitamento frontal a moito do que constituíu o centro do sistema literario galego. O sistema literario galego sobrevivirá sen nós", explican. En xeral amosan unha postura crítica común contra a situación actual das nosas letras. "Os premios na literatura galega abalan entre o corro da pataca e unha apertura cada a escritura anémica e profesional", sinalan, e engaden ademais que "as editoriais dormen baixo a terra doutro planeta. Só chega aquí onde algúns vivimos certa luz eléctrica". A se aplicar epítetos coma "desclasados no medio da xeración dos herdeiros e "na periferia" lanzan dardos coma "Bourdieu é inmoral como un fotógrafo e Otero Pedrayo é inmoral como un proxeneta". De cara ao futuro apuntan como únicos proxectos "o desafío do baleiro fronte ao imperio da razón cínica. Aínda que sempre nos quedará escribir o primeiro libro de haikus-panxoliñas da literatura galega a modo de ampliación de canon". Aí fica iso.

O activismo desde a poesía
Aínda que non exactamente colectivo poético, non cabe dúbida de que a asociación Redes Escarlata está a se constituír nun foco destacado de experiencias líricas. Unha grande cantidade de autores de diferentes estilos e idades participan nas propostas de debate e dinamización cultural e social desta iniciativa. Deste xeito, os recitais, propostas coma a "Acción de amor" que levou os versos ás rúas de Compostela, ou a declamación nunha aldea abandonada sucédense de xeito máis ou menos periódico. Ao tempo, o blog do colectivo serve de canle de expresión para un bo feixe de creadores que tamén teñen coma canle as diferentes publicacións electrónicas que acubilla o grupo. Baixo o epígrafe das Redes reúnense nomes coñecidos canda a autores que comezan, Alberte Momán, Elvira Riveiro Tobío, Darío Xohan Cabana, Xabier Cordal ou Samuel Solleiro son só unha pequena mostra da lista.

Da escola ao grupo
Unha das últimas incorporacións ao mundo dos grupos poéticos foi Ávalon. O nome corresponde ao colectivo que formaron en Ferrol os alumnos dun obradoiro literario que impartira Yolanda Castaño. Feito público aínda no mes de maio do pasado ano, o grupo está a desenvolver diferentes actividades, como o I Ciclo de Cine e Poesía que se celebrou o pasado mes de novembro na Cidade Departamental ou diferentes recitais. De formación heteroxénea en canto a estilos e idades, o colectivo puxo a andar un blog e mais un web no que dan a coñecer as súas creacións. De xeito semellante a este, non hai dúbida que existen polo país adiante diferentes agrupacións de afeccionados e aspirantes á poetas que se reúnen movidos polo seu interese común na lírica.

A revolución da rede
Como se pode comprobar, a rede está a se constituír nunha plataforma privilexiada para dar a coñecer o traballo dos grupos máis convencionais. Pero, ademais, as posibilidades que abren as novas tecnoloxías están a modificar tamén o xeito en que funcionan os propios grupos. Sobre a dirección que poden levar as vindeiras experiencias neste sentido, Nogueira apunta unha idea: "Tal vez poderían vir a través dun tipo de difusión que non sexa exclusivamente a relacionada co libro. Quizais se trate de experiencias na rede ou combinacións de texto con música, danza ou expresión corporal, pero isto é unha pura especulación". Quizais non o sexa tanto, na realidade.

Corporación Semiótica
Un dos exemplos máis nidios de como mudan as formas de expresión canda ao xeito de traballo constitúeo, sen dúbida ningunha, a Corporación Semiótica Galega. Fundada e desenvolvida por Lois Gil Magariños, é un grupo sen compoñentes fixos, nos que este autor colabora con creadores de diferentes ámbitos ou emprende de xeito individual proxectos creativos, sempre con este nome como paraugas. "Non é nin colectivo nin individual" explica Gil. "Por exemplo, para un dos últimos traballos que fixemos xuntámonos tres persoas, dúas asinando e outra non. O ideal sería que houbese un colectivo constante pero iso é moi difícil. Teño moito contacto con Pedro Lamas e Ramón Cruces, e cando nos apetece preparamos algo, así é moito máis cómodo". A orixe do proxecto parte desde logo dunha preocupación moi dos nosos días encol do concepto de autoría e mais dun sistema de traballo que este autor non dubida en cualificar como "en redes". "Cando a montei fíxeno coa idea de que os conceptos de autoría e de dereitos estaban a ser superados", explica este autor. "A idea era crear unha pequena fábrica de autoedición artesá onde coubera o traballo de rede. Tamén pode ser que me dese vergoña empregar o meu nome", recoñece.

Produtos corporativos
Dentro do proxecto están a ver a luz, desde 1997, diferentes propostas autoeditadas como "Bolsa de mareo", "Poemas de amor ausente", "Defuncionario" ou "Coma os barcos cando atracan" entre outros. "A produción da corporación pasou do textual á combinación coa imaxe, e cada vez é máis visual. Xoga coa iconografía mediática e descontextualízaa, dálle o sentido de xogar co absurdo", apunta este dinamizador. Canda ás autoedicións, unha das principais actividades deste curioso grupo é o mail-art, unha proposta artística que implica o envío por correo dos traballos que se desenvolven. As performances, creacións visuais ou o musicado de poemas son outras das propostas que desenvolve a Corporación. En xeral as súas son propostas artísticas vangardistas e a miúdo cheas de ironía sobre a nosa realidade, cunha visión que non está exenta de crítica ao sistema literario. "Segue a haber grandes figuras, círculos ou capelas literarias. Grandes currículos e autores, pero despois a vida que move a arte hoxe en día é pola rede, colectivos e xente que non buscan protagonismo individual", destaca Gil.

Nas fronteiras do verso
A ampliar a experiencia poética polo campo da rede, quizais se puidesen adscribir a esta liña as creacións colectivas da extinta VA-CA (Vía Anti-Colonial Activa), en boa medida herdeiras da irreverencia de Ronseltz. De auténticas performances se poden considerar a manifestación "Somos galeg*s e nom nos entendemos" e propostas coma o "I Encontro de Puta Matrix", que reuniu un bo feixe de espontáneos disfrazados polas compostelás, a celebración do banquete de Conxo ou a "ofrenda frugal" dunhas croquetas á tumba de Castelao entre moitas outras iniciativas. Non debemos esquecer, ademais, que un dos membros deste colectivo, o anónimo Subcomediante E-1 deu ao prelo (electrónico, iso si) a obra poética "Cantares vaqueiros", un curioso exercicio de retranca poética que non tivo continuación. Á par de VA-CA, e aínda que a súa actividade está moito máis centrada no deseño gráfico, o colectivo Aduaneiros Sem Fronteiras tentou tamén o ámbito poético. O seu "Gerador automático de poesia galega", desenvolvido en colaboración con María Yáñez, permitía, nunha dadaísta iniciativa chea de retranca, que calquera fixese o seu propio poema automaticamente mediante unha mestura ao chou de versos de diferentes autores do noso país.

Como podemos ver, o panorama non está, nin moito menos, parado. Canda aos xeitos máis convencionais do traballo poético colectivo, están a xurdir novas propostas que amplían e mudan o concepto mesmo da poesía e do xeito de crear. ¿Quén son os vindeiros e como virán?