A traxectoria do Padre Sarmiento inicia a XXI Semana Literaria do premio Esquío

Semana do esquío

Esta tarde dará lugar o comezo do ciclo de conferencias da XXI edición do Premio Esquío. Son os prolegómenos que forman a Semana Literaria que organiza a Fundación Caixa Galicia e a Sociedade Valle Inclán e que concluirá o sábado á noite coa gala de entrega do Premios Esquío. Un premio que chega á súa XXI edición chea de polémica, xa que un dos membros da sociedade Valle Inclán, a profesora Julia Uceda, denuncia a "auténtica discriminación ó castelán".


Conferencias



Como vén sendo habitual, antes da entrega dos premios Esquío que se convocan anualmente, celébrase a Semana Literaria do Esquío. Unhas xornadas nas que se organizan unha serie de conferencias e que se inician hoxe falando sobre unha das principais figuras intelectuais galegas do século XVIII: o Pai Sarmiento. A primeira destas conferencias corre a cargo do profesor e membro do consello científico do Instituto da Lingua Galega, Ramón Mariño Paz e leva por título "A traxectoria intelectual do Padre Sarmiento". Logo desa conferencia, mañá xoves, o catedrático de Literatura Galega da Universidade da Coruña, Xosé María Dobarro Paz, ofrecerá unha conferencia titulada "O primeiro Carvalho Calero en publicacións ferrolás", que comentará os artigos e os traballos iniciais do destacado polígrafo. Por último as conferencias rematarán o venres cunha charla que pronunciará a catedrática de Literatura Portuguesa da Universidade de Santiago, Pilar Vázquez Cuesta, acerca da tradición literaria en Portugal "¿Portugal: un pobo de novelistas?".





Premio

O sábado pola noite no Hotel Almirante de Ferrol terá lugar o acto de entrega da XXI edición do Premio Esquío. Un certame ó que concorren 285 libros de poemas (215 en castelán e 70 en galego), chegados desde catorce comunidades autónomas españolas e de países como Grecia, Israel, Cuba, Arxentina, Colombia, Chile e Francia entre outros. O que da conta da magnitude e do renome do certame que convoca a Fundación Caixa Galicia e a Sociedade Valle-Inclán.
O xurado está conformado por persoas de recoñecido prestixio no terreo da creación literaria e outórganse dous premios individuais (en castelán e galego) está dotado con millón e medio de peseta cada un e a publicación dos traballos premiados. Ademais, concederanse senllos áccesit de 250.000 pesetas que inclúen ademais a publicación dos traballos.














E polémica



Ademais, este ano o premio Esquío de poesía vén con polémica, e de tipo lingüístico. De feito, a semana pasada, un dos membros da Sociedade Valle-Inclán, Julia Uceda, que puxo a camiñar o Esquío e é unha das responsables da súa colección literaria, queixábase de que a Semana Literaria se organizase únicamente en galego. E que, segundo ela, "rompeuse o equilibrio lingüístico da Semana Literaria e iso paréceme intolerable, unha auténtica discriminación ó castelán". Un feito polo que declarou non acudirá ós actos preliminares do premio.
A profesora xustificou o seu malestar aclarando que "esta práctica non está no espírito do premio nin da colección Esquío, que fixo do bilingüismo a súa bandeira".