Sen referentes estilísticos comúns, Letras de Cal foi un orixinal grupo centrado en facer visible a poesía en Galicia

Letras de Cal: Cooperativa de letras

Non escribían sobre os mesmos temas. Non coincidían nunha estética rompedora. Non tentaban rachar con todo o feito antes. O que querían era poder publicar, e conseguir situar a poesía nun lugar destacado do sistema literario galego. En 1997 un grupo de poetas novos agrupábanse no colectivo Letras de Cal, unha proposta que conseguiu anovar o panorama poético do país mediante un importante traballo de edición e de difusión.

A intención era basicamente aplicar o sistema de edición de fanzines a libros de poesía. É dicir, reunir un grupo de persoas interesadas, xuntar cartos e con eles publicar dous libros. E co obtido pola venda deles financiar os dous seguintes. E continuar así. Segundo explica Rafa Villar, iniciador canda a Eduardo Estévez deste proxecto, "eu coñecía persoalmente a moita da xente que se integrou no proxecto, fomos falando un por un e conteilles a idea que tiña na cabeza: Unha editora de libros de poesía para xente nova, que fose un proxecto aberto, participativo e sen ánimo de lucro. E todos estaban de acordo con iso". Integrarse no proxecto esixía, desde logo, un compromiso. "Había que pór un diñeiro inicial para tirar os dous primeiros libros, entón á xente pedíaselle por unha banda xenerosidade económica e pola outra tempo e traballo", completa Villar. A idea convenceu a un bo número de poetas, alén dos promotores. Estevo Crus, Sechu Sende, Igor Lugrís, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Chus Nogueira, Carlos Quiroga, Emilio Insua ou Modesto Fraga participaron no proxecto, ata sumar dezaoito poetas implicados. De entrada pode semellar que unha proposta semellante, nun ámbito tradicionalmente minoritario como é poesía, estaría condenada ao fracaso, e aínda máis nun mercado do tamaño de Galicia. No entanto, funcionou. En total foron doce obras monográficas, unha escolma de poetas vascos e a Antoloxía de Poetas dos Noventa "dEfecto 2000".

Un grupo diferente
"Letras de cal diferénciase do que é un colectivo cuns postulados estéticos comúns. O obxectivo era ter unha canle de publicación para escritores noveis, e nese sentido non actuou como grupo poético convencional, senón como unha plataforma", explica a filóloga Chus Nogueira, que tamén participou nas actividades desta proposta. "Facíamos de mediadores entre os autores e o público. Para nós era tan importante como editar os libros darlle difusión, e sempre acompañábamos as presentacións de actos públicos", lembra Villar, que coincide nas diferenzas entre os membros. "Eramos moi heteroxéneos no feito de escribir, e iso tamén lle deu diversidade ao que facíamos. Uníanos, máis do que o estilo, o que supuña o feito social de facer poesía e o esforzo por saír publicamente".

O traballo de edición
E aínda o conseguían. As tiraxes de cincocentos libros (actualmente a media dun título de poesía está en trescentos exemplares) esgotábanse case sistematicamente. "Tiñan que se esgotar, tal e como estaba calculado, se non os acabábamos non tiñamos capacidade para tirar os seguintes", explica Eduardo Estévez, outro dos membros do colectivo. Segundo Rafa Villar, estes resultados acadábanse mediante unha dobre distribución, "a metade da edición ía para as librarías e o resto moviámolo nós por venda directa en recitais ou persoa a persoa". En xeral non lles faltaba material. Logo dos dous primeiros lanzamentos, non deixaron de chegar propostas ao consello de redacción. "Despois de os recibir, cando tiñamos ocasión de publicar dous novos títulos, xuntabámonos e íamos descartando obras", explica Estévez. O proceso resultaba ben mais complexo do que pode semellar. "Era un consello editorial grande, entón acontecía bastante a miúdo que as votacións non saían como quería todo o mundo. Discusións hóuboas intensas desde o primeiro ata o último día. Éramos moitas persoas e un grupo moi diverso", lembra este poeta. "De feito houbo case un ano en que estivemos sen publicar nada, porque víamos que a certa altura corríamos o risco de que se aprobasen libros con pouco apoio. Entón establecemos un sistema de votos mínimos para publicar algo". A pesar do complicado que puidese ser o proceso, con máis ou menos implicación dos participantes e pareceres variados, a cousa non acabou mal. "Aínda somos todos bastante colegas", lembra Estévez.

O contexto
A situación da poesía en Galicia naquela metade dos anos oitenta explica en boa medida o éxito desta iniciativa. "Naquel momento había un retroceso", explica Rafa Villar. "baixaba o número de libros de poesía publicados cada ano, e mesmo a cantidade de premios literarios. Ademais había moi pouca xente nova nos libros que se publicaban". Segundo Chus Nogueira, "as editoras estaban a apostar naquel momento por unha poética máis clásica, e a vontade común dos membros de Letras era pórlle os medios para que a xente nova se dese a coñecer". Canda a ese declinar na publicación, naqueles anos ían aparecendo polo país diferentes colectivos poéticos, e mesmo un público diferente ao habitual. "O comezo do proxecto coincidiu cun momento de certa efervescencia poética", concede Estévez. Un punto no que concorda Rafa Villar: "Vimos que había xente interesada na poesía, tanto escribindo como lectores que demandaban cousas diferentes que se distanciasen do canon establecido", lembra este autor. "Hai unha serie de autores que nos coñecíamos do Batallón Literario da Costa da Morte, outros participaran en grupos de carácter local, e aínda que é difícil vencellar Letras de Cal a unha proposta concreta, o certo é que recollemos experiencias do momento", completa.

Maratón recitado
Alén da edición, a grande actividade de Letras foi a difusión da poesía. Os promotores daquela proposta cifran nuns douscentos os actos públicos que desenvolveu o colectivo durante os seus cinco anos aproximados de existencia. "Era unha actividade moi intensa. Fundamentalmente facíanse recitais e presentacións. Por exemplo en Compostela facíamos un recital mensual, e en ocasións mesmo dous en trinta días. Ademais incorporábamos novos espazos para a poesía, coma os pubs. Entendíamos que estaba moi metida en ámbitos académicos ou formais, e tentábamos chegar a xente máis nova", lembra Villar. Unha proposta na que esta iniciativa editorial continuaba en nova medida o traballo do xa mencionado Batallón da Costa da Morte.

O enfrontamento
Esta aposta polos poetas novos petou en certa medida co sistema establecido. "En certo xeito aproveitamos que uns anos antes houbera unha polémica entre poetas vellos e novos, ou á inversa, a raíz dunha intervención miña nun congreso de escritores novos na que falaba de matar o pai e enterralo en cal viva", sinala Villar. "O nome de Letras de Cal era tamén un xogo con esta polémica" na que interviron vivamente, entre outros, Uxío Novoneyra. De calquera xeito, este proxecto de autoedición dos poetas novos non deu nun ataque continuo contra o xa establecido. "Nalgún momento houbo certas tensións, pero non enfrontamento. Cando montamos Letras xa tiñamos superada esa fase e quixemos facer unha chiscada, entendendo que éramos algo diferente", apunta Villar.

Final
"En 2002 vimos que a cousa ía a menos. Non tiñamos a mesma resposta do público. É difícil saber por qué, poden ser ciclos que se dan. O que constatamos foi que había que espazar os recitais, que custaba máis vender os libros e que non tiña moita viabilidade, e pareceunos o máis congruente pechar todo", resume Villar o final do colectivo. Estévez sinala que "contra o final do proxecto comezou a se notar un baixón na actividade poética, e penso que aínda hoxe estamos a saír del, semella que volta haber moita xente nova publicando". Pola súa banda, Chus Nogueira apunta que "tampouco hai unha postura pública de por que fechou. Chegou un momento en que o proxecto se foi apagando. Entre outras cousas porque mudaron os tempos e foron xurdindo coleccións de poesía. Perdeuse un pouco o interese e o obxectivo primeiro. Tamén funcionaba de xeito voluntario, e era difícil sostelo". No mesmo sentido, Estévez completa que "un dos problemas que tiña o proxecto era que nas tomas de decisión participaba todo o mundo, pero na xestión era moi pouca xente, e iso sempre desgasta moito".

A colleita
"En boa medida conseguiu marcar a tendencia editorial e romper unha serie de inercias. Nese sentido puxo enriba da mesa un debate sobre de quen é a literatura e quen ten dereito a publicar", lembra Chus Nogueira. "O proxecto canalizou e fixo visible unha serie de xente moi nova que en moitas ocasións tiraban alí o seu primeiro libro e que seguiron publicando ata o de agora con moito recoñecemento, coma Olga Novo ou María Lado por exemplo", completa. Pola súa banda, Estévez considera que "Letras non deu a coñecer a xeración dos noventa, senón que foi á saída á rúa daquela xeración, unha especie de entrada formal no sistema daqueles autores, non tanto como poetas senón como xestores. Naquel momento era xente dos oitenta os que levaban en certa medida o sistema cultural, formaban os xurados ou dirixían as editoriais. Letras serviu para consolidar nese sentido novos autores". Dun xeito ou doutro, non cabe dúbida de que Letras de Cal conseguiu mudar o panorama poético da fin do século XX. Aínda en 2004 vía a luz na editorial Laiovento unha tese de Miguel Louzao que se analizaba polo miúdo a historia deste colectivo. E as que virán.
dEfecto 2000: unha antoloxía de poetas dos 90.
Aínda que non foi a última obra que editou Letras de Cal, "dEfecto 2000" considérase case coma canto de cisne do colectivo. "Foi culminante. Recollía parte da nosa traxectoria e era unha antoloxía que non era nin de autor nin de crítico, fíxose asembleariamente", explica Rafa Villar. Partindo da premisa de seleccionar autores que se deron a coñecer ao longo daquela década, os membros do colectivo foron propondo nomes, e unha vez chegados a un acordo, comisións de tres e catro persoas encargábanse de escoller os poemas. "Quedou algo un pouco raro ás veces, non ten unha liña moi marcada ao ser participada por moita xente. Para nós é unha fotografía da época", rememora este poeta.

En dEfecto 2000 participaron Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Xabier Cordal, Emma Couceiro, Estevo Creus, Marta Dacosta, Eduardo Estévez, Celso Fdez. Sanmartín, Lupe Gómez, María Lado, Igor Lugrís, Olga Novo, Manuel Outeiriño, Chus Pato, Isolda Santiago, Sechu Sende, Francisco Souto, Miro Villar e Rafa Villar. Agradecemos a Eduardo Estévez e aos autores participantes a súa colaboración na difusión deste texto.