Os irmandamentos de concellos proliferan no noso país aínda sen contar a miúdo con contidos efectivos

A extensa familia dos concellos

De cando en cando aparecen nas páxinas da prensa pequenas novas sobre a inauguración de placas ou as visitas de delegacións internacionais a diferentes concellos do país. Aínda que considerados en boa medida como propostas folclóricas ou curiosas, os irmandamentos supoñen unha ocasión única para que os municipios desenvolvan relacións internacionais e poden ser unha poderosa ferramenta de axuda ao desenvolvemento.

Un irmandamento "é o encontro de dous municipios que deciden facer pública a súa unión para contrastar os seus problemas e para desenvolver entre eles uns lazos de amizade e cooperación cada vez máis estreitos". Así define a investigadora María del Mar Gómez na súa obra "Os irmandamentos en Galicia, a ruta local do internacional", que publicou o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Segundo os datos que manexan nesta institución, na altura de 2006 existe unha cifra aproximadas de 120 irmandamentos no noso país a cargo duns setenta e cinco entidades locais, un número que non deixa de medrar.

Familias variadas
Como amosan as cifras, as posibilidades deste vencello non se reducen a que un concello se irmande con outro de xeito único. De feito existen algúns que posúen familias numerosas. Deste xeito, Santiago de Compostela ten lazos fraternais con Barcelona, Cáceres, Zaragoza, Caracas, Santigo de Cuba e Jenin (Palestina). Pontevedra, pola súa banda, está irmandada con Gondomar, Barcelos e Vilanova de Cerveira en Portugal, con Nafpaktos en Grecia, con San José de Costa Rica e con Merlo, en Arxentina. E Baiona ten tratos con Pornic, en Francia, Palos de la Frontera, Santa Fe e mais a cidade cubana Andrés Freire. "Hai concellos que teñen varios, e iso está moi ben pero crea un certo perigo de non seren capaces de atendelos todos", recoñece Gómez. Logo tamén existen irmandamentos doutro tipo, como o que ten a mancomunidade do Carballliño ao completo con Vicente López en Arxentina, xa que este municipio americano foi destino preferente da emigración desa comarca galega. Á inversa, o concello de Ames ten por irmán o Sahara enteiro.

As orixes da irmandade
"Hai motivos de todo tipo, mesmo algúns un pouco escuros, por intereses empresariais ou por atraer o turismo, pero tamén hai propostas altruístas para desenvolver un proxecto ou traer xente para facer formación". En ocasións, as causas son tan peregrinas coma a coincidencia no nome. É o caso de Lalín e Lalinde (Francia) ou Monterrei e o seu homónimo mexicano. Outras veces, se non semellantes, os nomes poden coincidir no significado. "Búscanse os símiles semánticos e empréganse como escusa para a irmandade. En ocasións despois compróbase que hai efectivamente unha relación histórica ou elementos comúns como Santiago de Compostela e Santiago de Cuba", explica Gómez.

Familias vellas e novas
Os lazos que creou a emigración están detrás de boa parte dos convenios deste tipo que se fan no noso país. "Depende do concello, hai moitos que teñen irmanamentos con Francia ou Alemaña. A tendencia agora é que se fagan con entidades do Sur", explica María del Mar Gómez. "A miúdo fanse con Latinoamérica polos vencellos de linguaxe, a emigración ou factores comúns das poboacións. En ocasións tamén se emprega esta fórmula para proxectos de cooperación, sobre todo nos últimos anos. Antes eran iniciativas de relación cultural, deportiva ou folclórica". Como exemplos máis recentes neste sentido, a investigadora destaca "Poio, que se irmandou recentemente con Belén (Palestina) e desenvolve proxectos concretos, ao igual que Ames", concello que mantén relacións, entre outros, con San Carlos Alzatate (Guatemala). "Hai aínda outros casos nos que se produce unha cooperación efectiva", lembra Gómez. Nese sentido, aínda que agora as posibilidades de cooperación van desde aquí cara a lugares menos desenvolvidos, no pasado déronse tamén casos inversos, nos que esta fórmula achegou recursos a concellos galegos. "Cando comezaron os irmandamentos non era como agora. Buscábanse sobre todo países e vilas europeas, que estaban máis desenvolvidas, e déronse casos efectivos de cooperación, co envío de remesas ou facilidades para emigración", explica Gómez, que cita exemplos coma a relación de Lugo con Francia ou de Ribeira e Nova York.

Familia cultural
Ademais da cooperación, os intercambios achegan en non poucos casos, contidos culturais. Exposicións, visitas ou actividades xerais para coñecer máis polo miúdo o lugar irmán incorpóranse de cando en cando ás axendas culturais dos concellos galegos. Nese sentido, unha das irmandades máis coñecidas e máis activas é a que ten Catoira cos dinamarqueses de Frederikssund. A recreación do desembarco viquingo que celebra cada ano a poboación arousá deu pé a un intenso programa de intercambios nos que se analiza o feito viquingo e permitiu mesmo a reconstrución dun drakkar que leva o nome da vila nórdica. A esta proposta, que se iniciou en 1993, sumouse ao ano seguinte a vila de Watchet e máis a West Somerset, localidades do Reino Unido que tamén comparten un pasado vikingo e coas que se quere iniciar unha rede de poboacións con esa historia común. Dun xeito semellante, Santiago de Compostela estaba a traballar hai un ano na posibilidade de irmandarse coa cidade china de Qu Fu, berce de Confucio, ou Baiona achégase a Palos pola súa común relación coas viaxes de Colón.

A orixe
O irmandamento "xorde despois da II Guerra Mundial para limar asperezas entre países, e logo foi indo a un nivel máis pequeno, como foron os concellos. É agora que comeza a se empregar como ferramenta para a cooperación", sinala Gómez. Aínda que sobre o papel estes convenios non rematan nunca, "hai veces en que se establece unha relación que se cultiva, pero outras veces rematan sendo unha actividade ao ano e redúcense a unha visita con ocasión dunha festa ou eventos semellantes". Esta investigadora ten claros os requisitos que se deben cumprir á hora de establecer unha relación deste tipo. "Habería que facer en cada caso un estudo de viabilidade. Comprobar que hai un orzamento para desenvolver algo serio. Se é un irmandamento de cooperación hai que visitar a zona, coñecer as súas necesidades, que eles volten a visita e que haxa un intercambio serio de información entre concellos. E logo cómpre que haxa un orzamento para poder realizar actividades".

Posibilidades
En xeral, a análise que desenvolveron desde o IGADI salienta as posibilidades que este tipo de acordos abren á hora de relacións exteriores para os concellos, pero lamentan o escaso desenvolvemento efectivo desta fórmula. Segundo lamenta María del Mar Gómez, "non hai institución nin mecanismos que informen os concellos e fagan máis efectivas estas relacións. Hai programas europeos que apoian este tema, pero aquí non se coñece. Non hai un rexistro, non se investiga que tipo de irmandamentos hai... E habería que tomar cartas no asunto porque culturalmente sobre todo, é moi interesante". De calquera xeito, está por ver cara a onde e como nos medra a familia no futuro.