As editoras galegas centran na distribución o seu XXII Simposio

A sede do Consello da Cultura Galega en Santiago acolle o encontro este 18 de setembro

O XXII Simposio O libro e a lectura, que organiza a Asociación Galega de Editoras (AGE), abordará a situación da distribución do libro galego. A sede do Consello da Cultura Galega en Santiago acolle este encontro o vindeiro 18 de setembro, a abordar cuestións como a evolución do sector, os modelos de negocio neste ámbito, o apoio á exportación do libro ou os casos de éxitos exterior de firmas galegas.

Unha mesa sobre "A evolución da distribución do libro nos últimos anos. Modelos sostibles de distribución", con Patricia Portabales, directora comercial en Arnoia; Belén López, directora do Consorcio Editorial Galego; Juan Manuel Martínez, director xeral de FANDE e Cielo Fernández, presidenta da Federación de Librarías de Galicia, abrirá o encontro ás 10.30 horas.

O seguinte debate ten previsto analizar as "Liñas de apoio á distribución e á exportación do libro", a cargo de Eva Mª. Pulido Rodríguez, directora adxunta de Industrias Creativas no ICEX e Laura Mª. González-Dopeso, subdirectora de Internacionalización do IGAPE.

Unha última mesa, centrada nas "Editoras con modelos de distribución noutros mercados. Casos de éxito" reunirá as experiencias de Mónica González, directora xerente de Narcea, e de Xosé Ballesteros, director xeral de Kalandraka. A inscrición no encontro é de balde no correo s.tecnica@editorasgalegas.gal.