As I Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica abordarán o patrimonio compartido dos petróglifos

O Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro acolle o encontro os días 20 e 21 de setembro

Especialistas no campo dos petróglifos de Irlanda, Escocia, Portugal e Galicia atópanse os días 20 e 21 de setembro no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR). A Consellaría de Cultura organiza as I Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica coa intención de "promover un espazo de cooperación entre universidades, museos, centros de interpretación e colectivos especializados, co obxectivo de afianzar o papel de Galicia como un territorio de referencia na investigación, protección e divulgación desta tipoloxía de arte rupestre".

A iniciativa artéllase a través dunha serie de obradoiros, conferencias e mesas redondas. Un obradoiro de restauración de arte rupestre da man de Alejandro Javier Pujales abrirá o encontro a abordar os métodos para o control de liques e musgos en petróglifos. Outra sesión formativa do grupo GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela tratará as técnicas de rexistro e fotogrametría 3D aplicada á documentación dos petróglifos de Campo Lameiro. A primeira xornada finalizará cunha visita aos petróglifos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade estudados por Ramón Sobrino Buhigas e Sobrino Lorenzo ademais dunha visita especial nocturna aos petróglifos do PAAR.

A sesión do 21 de setembro estará centrado en conferencias sobre as últimas investigacións arredor da arte rupestre atlántica e a súa conservación. Deste xeito, Xosé-Lois Armada (INCIPIT-CSIC) falará sobre "As conexións Atlánticas durante a Idade do Bronce", Joana Valdez-Tullet (Durham University) presentará un relatorio sobre o pasado, presente e futuro da arte rupestre atlántica e Elizabeth Shee Twohig (University College Cork), tratará a continuidade e transformacións na arte megalítica irlandesa.

Canda a eles, Fernando Carrera, ex director da Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, compartirá reflexións sobre a conservación da arte rupestre, Elena Cabrejas (INCIPIT-CSIC) presentará o proxecto "Laxe dos Bolos, o coloso descoñecido da Arte Rupestre Atlántica" e Sofía Figueiredo-Persson (Universidade NOVA de Lisboa) centrarase na mediación cultural a través de imaxes e experiencias. Unha mesa redonda "para identificar liñas de cooperación e fortalecer redes internacionais para a documentación e conservación do patrimonio rupestre" fechará o encontro, cunha nova visita guiada para coñecer o PAAR.