En presentacións, edicións ou coleccións, os libros son os protagonistas do Nadal

Para ler, soñar e regalar

Grandes, pequenos ou medianos. En encadernación de luxo ou de peto... ó gusto de cada quen, ou máis ben segundo o prezo. Os libros son os grandes protagonistas do Nadal, o agasallo que, dun ou doutro xeito, todo o mundo fai nestas datas. E desde as editoriais, que analizan o gusto do consumidor ó milímetro, sábeno moi ben por iso sacan do prelo as mellores formas dos vellos e dos novos libros, que sempre nos sacan dalgún apuro no último momento. A última novidade: os minilibros. Kalandraka, Galaxia e Edicións do Cumio teñen no mercado a súa edición de grandes historias, pero en formato pequeniño. Un panorama literario que se completa coas numerosas presentacións de libros que estes días os autores fan por toda Galicia.






Nadal: o agosto das editoriais


"Os minilibros para soñar" baixo este título a editorial pontevedresa Kalandraka reedita, desde hai un tempo, unha serie de sete títulos, nun formato moi orixinal. Foron editados, orixinariamente en formato grande, pero agora preséntanos en caixiñas cadradas de sete por sete centímetros. E segundo cita a propia editorial, "é a colección que esperta a curiosidade e son empregados para os agasallos". Aínda que en principio estaban pensados para os máis cativos, acaban sendo os adultos os que máis mercan este tipo de publicacións. O formato deste tipo de libros conta con ilustracións de kiko Dasilva, que para traballar se inspira sempre con esculturas, polo que todos os bonecos que saen desta presentación ten a súa correspondente escultura. E que logo formará parte da decoración que na sucursal que a editorial ten en Vigo.
Xunto con Kalandraka, a editorial Galaxia leva tres anos publicando minilibros, que comezaron sendo agasallos da propia editorial e que hoxe por hoxe se venden en librerías. Pero non é a única editorial, xa que ademais, Edicións do Cumio ten no mercado un par de diccionarios en formato pequeniño, que se achegan a esta presentación das obras en miniatura.




Os escritores súmanse ó carro

Aproveitando o tirón de vendas do Nadal, numerosos escritores presentar as súas últimas obras, ou a recompilación do seu traballo. É o caso de nomes como Manuel María ou Antón Lopo. Empezamos polo último; e o último é a presentación de "Ganga" o último traballo de Antón Lopo que publica Xerais e que narra un heroe inédito, unha mirada interior cara o seu propio traballo. Máis caótico e desinhibido que nunca, Lopo presenta unha obra marcada polo cuestionamento das identidades a través da figura do seu protagonista, nunha mestura de xéneros e unha itinerancia de rexistros. Se seguimos por orde, temos que centrarnos nos dous volumes que recompilan a obra de Manuel María (Ourense, 1922) e que se presentou onte en Compostela. Unha obra que fai un percorrido por algúns dos versos máis populares da postguerra que leva o título de "Poesía completa" e que chega da man de Espiral Maior. E onte, e na Coruña, o profesor e membro do Consello da Cultura Galega, González Reboredo fixo pública "Galicia de Leyenda". O título dun volume que recolle máis dun centenar de mitos, historias e tradiccións galegas. Unha edición que se publicará en galego e en castelán e que está editado por Hércules de Ediciones.