Cúmprense cen anos do nacemento de Xosé Filgueira Valverde, autor dunha inxente obra que marcou a nosa cultura

Filgueira, o nome detrás da obra

Realmente 1906 foi un ano fecundo. A sumarse a toda a lista de centenarios que estamos a celebrar este ano, este 28 de outubro cumpriría un século, se seguir vivo, "O vello profesor" Xosé Filgueira Valverde. Destacado erudito do século XX, Filgueira desempeñou un papel fundamental no fortalecemento da nosa cultura. Cun labor descoñecido para grande parte do público, diferentes actividades lembran agora a súa importancia.

"Debe ser o autor con máis obra de todos os tempos en Galicia", así de contundente se amosa Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega (RAG), á hora de definir a Filgueira Valverde. E é que quizais o problema fundamental á hora de falar deste erudito galeguista sexa encadralo nalgunha categoría. Militante político, filólogo, historiador, escritor, investigador dos máis diversos ámbitos, conselleiro de Cultura, membro de múltiples academias, alcalde, presidente do Consello da Cultura, promotor de diferentes iniciativas culturais coma o Museo de Pontevedra ou o Instituto Padre Sarmiento... A dificultade para definir a súa carreira pode ser unha das razóns que fan de Filgueira unha figura que tende a brillar menos que outras no imaxinario cultural do país. "O catálogo das súas obras é desbordante", continúa Barreiro, "e pode ser esa enormidade faga que a persoa quede algo esluída, coma se o bosque ocultase as árbores". Coincide neste punto co actual presidente da RAG o seu antecesor no cargo, Francisco Fernández del Riego. "Filgueira está un pouco esquecido, e inxustamente, porque foi un home que entregou a maior parte da súa obra a Galicia e á súa cultura".

Desde a mocidade
A dedicación comezou xa ben cedo, como amosa o feito de que xa estudante, en 1923, participase na fundación so Seminario de Estudos Galegos. "Daquela non había institucións que se dedicasen de cheo á investigación da cultura e á divulgación, e aí saíu o Seminario", lembra Del Riego, "onde el mesmo dirixiu a sección de Literatura". A necesidade de cubrir ámbitos de coñecemento sobre a nosa cultura foi, segundo coinciden os que o coñeceron, a motivación que levou a Filgueira a tocar tantos ámbitos. "Cubriu moitos aspectos nos que se necesitaba traballar. Como era unha minoría a que se dedicaba a estes temas, el tratou moitos", sinala Del Riego. "Tamén foi un dos fundadores do Partido Galeguista en 1931, e despois fixo un labor extraordinario de carácter docente nos distintos institutos onde exerceu, principalmente en Vigo e en Pontevedra".

Baluarte no Franquismo
Boa parte da súa actividade desenvolveuse baixo o Franquismo, cando se constituíu nun baluarte da investigación e da difusión cultural galega. Foi daquela cando participou na fundación do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e se implicou en diferentes iniciativas de divulgación. Á hora de destacar algún dos traballos que Filgueira abordou ao longo da súa vida, Del Riego pensa que "hai que destacar o seu traballo na creación e o desenvolvemento do Museo de Pontevedra, que é quizais único no seu xénero en toda España" e que naceu xa en 1927. Neste coincide tamén con Xosé Ramón Barreiro, para quen este centro "é o máis importante de Galicia, un referente fundamental da cultura". A falar da obra deste polígrafo, o presidente da RAG lembra tamén que "como investigador ten obras moi importantes, podemos pensar naquel estudio sobre as cantigas medievais que é un referente fundamental, sobre todo pensando no tempo en que o propuxo".

Compromiso coa divulgación
A nivel divulgativo, Barreiro salienta a importancia que sempre lle outorgou Filgueira a dar a coñecer a nosa cultura. "Foi un home práctico, quería aproximar á sociedade galega todos os seus coñecementos. Gustáballe moito, por exemplo facer catálogos, estaba sempre atento á realidade e sabía ben o que demandaba a sociedade", lembra. Deste xeito, canda ás múltiples conferencias (que Barreiro estima que se poden achegar ás mil), escribiu un grande número de artigos de prensa e, segundo lembra o presidente da Real Academia, "fixo moitas exposicións ao longo da súa vida, tanto as do Museo de Pontevedra como outras que dirixiu, sempre con esa intención pedagóxica".

Obras recomendadas
Nesta vertente incide tamén Alfonso Zulueta de Haz, ex presidente do Consello da Cultura Galega, que traballou co vello profesor cando este dirixía a institución. "A súas publicacións son amplas, pero recomendaría dúas cousas que son para ler practicamente todos os días", selecciona. "Por unha banda, aqueles tomos do `Adral´", unha serie de ensaios curtos nas que autor tratou os máis diversos ámbitos da nosa cultura. "É de ver a cantidade de cousas que aborda e que ben tratadas están. Alí pódese ver a súa preocupación por Galicia. Sería moita importante que obras coma esta se espallasen para que, sobre todo a xente nova, tivese coñecemento dunha serie de trazos da nosa cultura que están alí perfectamente recollidos dun xeito enormemente atractivo para o lector", sinala. Canda eles, Zulueta recomenda "aquela colección que fixo que se chamaba `Pontevedreses universais´, onde se amosa a amplitude de criterios de Filgueira".

Recoñecementos serodios
As últimas décadas da súa vida foron as que supuxeron o principal recoñecemento da importancia intelectual de Filgueira na nosa cultura. A súa designación coma conselleiro de Cultura no primeiro Goberno Autonómico ou a súa elección como presidente do Consello da Cultura Galega (CCG) en substitución de Ramón Piñeiro dan boa mostra de ata que punto se consolidara como unha figura de referencia. Segundo lembra Zulueta, vicepresidente do CCG canda a el, "a súa perspectiva notouse moito nas pegadas que deixou" na institución. "Como intelectual foi sen dúbida, nos seus últimos anos, o grande patriarca da intelectualidade galega. Era un home que dominaba todas as ferramentas, a paleografía, a numismática o latín, un grande humanista. Hoxe os intelectuais non son sabios, mentres que Filgueira ou Otero érano ao tempo que eran especialistas e investigadores". Tamén Del Riego lembra esa característica común. "Poucos hai que tocasen tantos teclados coma el, era algo da súa xeración. Tamén Bouza Brey foi un home con características semellantes", sinala o director da Biblioteca Penzol. Deixando tras de si un extenso legado, Filgueira falecía hai agora dez anos, en setembro de 1996.

Facer memoria
Desde aquela, a figura de Filgueira foise esvaendo na memoria de moitos. Aínda que as súas obras permanecen, a lembranza do vello profesor quedou, como podemos ver, nun certo esquecemento. "Estamos ante un polígrafo extraordinario que merece que teñamos unha lembranza del. Está un pouco esquecido, a ver se con motivo do centenario se recupera. Había que o espallar entre a xente nova", sinala Zulueta. Polo momento, ao se cumprir os cen anos do seu nacemento, recupérase a súa memoria cun congreso e unha ampla exposición preparadas desde a Fundación que leva o seu nome e mais do Museo de Pontevedra. De certo ao longo dos vindeiros meses imos escoitar falar moito da figura deste erudito, e é de agardar que aos pouco se lle vaia encontrando oco no panteón da nosa cultura.