Estréase en Zamora a ópera 'Hildegart' de Juan Durán

O espectáculo conta a perturbadora historia de Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart a principios do século XX

O Teatro Ramos Carrión de Zamora acolleu o pasado sábado a estrea da ópera de cámara, Hildegart, do compositor Juan Durán (Vigo, 1960), con libreto de Javier Mateo Hidalgo. A ópera conta a historia da ferrolá Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, coñecida como a 'A virxe roxa' no primeiro terzo do século XX, e os tráxicos sucesos que aconteceron entre elas. A súa é unha historia que polas súas características excepcionais xa foi levada dúas veces ao cine e foi obxecto de varios libros de investigación histórica e feminista. O espectáculo, que segundo os cronistas foi moi ben acollido polo público, conta coa dirección musical de Lucía Marín e a dirección escénica de Alberto Trijueque. Sandra Ferrández interpreta a Aurora e Sonia de Munck toma o papel de Hildegart, completándose o elenco con Javier Franco e César Arrieta.. A representación tivo lugar no marco do Festival Little Opera Zamora, que tamén é responsable da produción do espectáculo.