A leonesa Isa Fernández faise co Premio Abrente de Textos Teatrais

O xurado recoñeceu a súa obra O miradoiro cos 4.000 euros do galardón

Este 24 de xullo a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia entregaba o seu vixésimo Premio Abrente de Textos Teatrais. A autora leonesa Isabel Fernández González impúxose nesta xeira do galardón coa súa obra O miradoiro. O certame conta cunha dotación de 4.000 euros en metálico, a publicación do texto gañador e a posibilidade de acompañamento do festival para a posta en escena do texto dramático.

O xurado, que estivo composto por Ana Romaní, Arantza Villar e Sara Rey, destacou da obra premiada "a profundización dos personaxes e a intelixencia dos diálogos como espello das relacións humanas actuais". Segundo recolle a acta, a peza propón "unha conversa íntima entre dúas persoas que reflexionan sobre a súa relación e os seus desencontros, un diálogo que se expande cara a un espazo máis amplo e metafórico, como retrato dunha sociedade cada vez máis individualista".

O xurado destaca o xeito no que o texto "salta habilmente do persoal ao colectivo, nun cruce de xuízos críticos que aborda temas de actualidade dende o contraste de posicións, deixando entrever as dificultades de activar a empatía e recordando a importancia da escoita para a vida en comunidade".

Isa Fernández é orixinaria da aldea leonesa de La Valduerna e leva oito anos instalada en Arzúa. Participa da compañía Alomais Teatro, que estreará en breve a súa primeira montaxe. A Igrexa da Madalena, en Ribadavia, acolleu o acto especial de entrega deste galardón, no que se conmemoraron os seus vinte anos de historia cunha conversa na que participaron tanto membros do histórico grupo Abrente como autoras e autores galardoados nestas dúas décadas.