O Festival de Cans puntuará para os premios Goya

A Academia volve incluír ao certame porriñés como selección cualificadora tras dez anos de exclusión

A Academia volve incluír ao certame porriñés como selección cualificadora tras dez anos de exclusión
Presentación da anteriro edición de Cans
O Festival de Cans volve formar parte do listado de certames audiovisuais do Estado que puntuarán para a selección de finalistas dos Premios Goya, na vindeira edición de 2026, neste caso na categoría de curtametraxes. A Academia de Cine Español comunicou esta decisión á organización do certame pontevedrés. Cada curta seleccionada na competición oficial de Cans sumará 1 punto e cada curta premiada sumará 3 puntos ata completar un listado cunha preselección de 15 curtametraxes entre os que os académicos elixirán aos finalistas. Dáse a circunstancia de que o Festival de Cans fora incluído entre os festivais cualificadores para os Goya entre 2010 e 2016. Nese ano foi sorprendentemente excluído por considerar a directiva daquela Academia que Cans tiña "criterios demasiado específicos ao aceptar a concurso unicamente obras de produción galega". Desde aquela, a organización de Cans loitou para que o certame volvese ser incluído neste listado e que desaparecese esa argumentación que consideraba excluínte ao respecto das e dos cineastas galegos.

Esta distinción de incluír Cans entre os festivais que puntúan para os premios Goya, supón un gran recoñecemento á traxectoria do certame e ao traballo da organización que o vindeiro ano celebrará a vixésima terceira edición, ao mesmo tempo que suporá unha gran proxección para as novas e novos cineastas que Cans busca visibilizar. Do mesmo xeito, Cans marca un fito ao ser o único festival de España que se celebra nunha zona rural que cualificará para os Premios Goya. No listado de festivais elaborado pola Academia atópanse algúns dos máis prestixiosos de España, a maioría deles en cidades capitais de provincia como o Festival de Málaga, a Seminci de Valladolid, o Festival Iberoamericano de Huelva ou o Zinebi de Bilbao.