Amal convértese en bienal na edición que achega producións e filmes de temática árabe

Esperanza en 35 milímetros

Non é só un festival de cine, é unha mostra audiovisual que pretende servir de ponte entre a cultura galega e o mundo árabe. Producións feitas por países da liga árabe, de temática relacionada coa súa cultura ou a súa historia... a Fundación Araguaney presenta unha nova edición do festival de cine “Amal 2006”.

“Todas as películas escolléronse pola súa mensaxe e cada unha delas ten un contido que, dalgunha forma, ten que ver cun aspecto particular. Este pode ser a relixión desde o concepto do Islam ou da cultura musulmana, o encontro entre a cultura hispano-árabe ou ben o conflicto palestino, a cuestión dos territorios ocupados ou simplemente amosar a ollada de sirios, tunecinos...” Estes son os criterios de selección seguidos por esta edición de Amal en palabras da coordinadora do evento, Begoña Freire. Neste carácter de achegamento dunha cultura tan allea á nosa como a árabe tamén incidiu o comisario do Festival, Ghaleb Jaber Martínez, no acto de presentación do programa dun festival cuxo título “Amal”, significa esperanza en árabe. “Esperanza, explicou Ghaleb, para superar o mal chamado choque entre culturas e conseguir un achegamento entre ambos mundos”.

O mundo árabe como feito fílmico
“César e Zaín” é o título do documental que inaugurou esta edición de Amal e o filme que recolle boa parte da filosofía que se pretende transmitir con este festival e, en especial nesta edición. César é madrileño e a súa personaxe recolle boa parte do contorno xeográfico, cultural e relixioso no que naceu. Pola outra banda está Zaín, que vive na India, é musulmán e pertence a outro mundo cultural completamente diferente do de César. Comparten unha paixón polo xadrez e Internet destínaos a encontrarse e iniciar así unha amizade explorada a través das cámaras deste documental. As súas diferentes orixes son incompatibles coa propia definicióin de valores universais enredados ademais na complexa situación política que vivimos. Sobre todo isto reflexiona este documental pretende achegar os confrontamentos entre dous puntos a partir da experiencia de dous adolescentes. A película abriu o festival que ten lugar ata o mércores no Teatro Principal e na Aula de Cultura de Caixa Galicia e na que hai títulos como “O meur irmán Arafat”, “Viaxe no sol maior”, “Paradise now”, ou “Hamman, o baño turco”.

Ademais, no transcurso do festival estarán presentes directores do evento que pretenden dar a coñecer a súa visión e as súas opinións sobre o audiovisual árabe en particular, e sobre a súa cultura en xeral. Entre os asistentes que teñen confirmado a súa presenza está Mohammed Bakri e Othman Naciri (director de “Desde que te fuiste” e “Maditerranova”) ou Nida Sinnokrot e Norma Marcos (que teñen no seu haber títulos como “Palestine Blues” e “Esperando a Ben Gurion”)

Cambios no programa
Comezou sendo unha mostra de traballos árabes como forma de reivindicar outra cinematografía cunha temática e cunha forma de facer as cousas diferentes do que estábamos afeitos a ver nas salas de cinema. Pero a idea callou tan ben que con dúas edicións acabou converténdose nun festival con sección competitiva, actividades paralelas e unha orientación máis sólida por detrás que a mera agrupación de filmes pola súa orixe de procedencia. De feito, nesta edición incluíuronse non só películas producidas por algún dos 22 países que conforman a Liga de Países Árabes, senón por títulos como “Syriana” filme independente protagonizado por George Clooney que involucra os intereses das transnacionais petroleiras estadounidenses no Medio Oriente, as operacións encubertas da CIA, a formación de terroristas suicidas nas madrassas, co reclutamento de traballadores musulmáns despedidos dos campos petroleiros árabes e, dentro de todo, a corrupción que fai posible todo ese xogo enfermizo. Pero non será o único cambio, na presentación do programa Ghaleb Jaber destacou que a partir desta cuarta edición Amal se convertería nunha bienal cinematográfica. A isto hai que engadir as palabras de Begoña Freire, a coordinadora do evento, que explicou a Culturagalega.org que “existe unha proposta de facer un Amal en Andalucía pero de momento é pouco máis que unha idea porque para facelo sería preciso unha vía de financiamento forte”.

Malia que o festival remata o mércores 25 coa proxección de “As fillas de Mohamed” será o xoves cando terá lugar a entrega de premio dunha edición que se caracteriza por un incremento no número de participantes.