Os lumes forestais deste verán provocaron danos en diferentes bens patrimoniais do noso país

A historia que vai no lume

Non hai dúbida sobre a devastación que os incendios provocan sobre o noso medio natural. No entanto, para alén do seu valor ecolóxico e económico, os nosos montes albergan tamén unha boa parte da nosa riqueza patrimonial. Castros, petróglifos ou mámoas están a miúdo agochadas no medio da foresta e, malia á súa resistencia, tamén se ven seriamente afectadas polas lapas.

Entre setenta e sete e oitenta e oito mil hectáreas de monte arderon este verán en Galicia. Para alén dos ecosistemas dos propios bosques, os árbores agochan tamén unha boa parte do noso patrimonio cultural na forma de restos arqueolóxicos e mesmo de construcións de arquitectura popular, que se viron tamén afectados polo lume. "Pola propia localización das áreas queimadas, son os xacementos arqueolóxicos os bens patrimoniais que adoitan sufrir maiores desfeitas e deterioracións durante e despois do lume", salienta o informe que a Consellaría de Cultura presentou o pasado vinte e catro de agosto no Consello Extraordinario da Xunta. Aínda que neste departamento están aínda pendentes de completar o informe cos datos que remiten as delegacións provinciais, Cultura posúe unha primeira valoración sobre o impacto que os incendios causaron nestes elementos.

O lume e a pedra
Basicamente, o que fai o lume sobre os monumentos pétreos é retirarlles a capa superficial de sedimentos e vexetal que se vai formando tempo e que os cubre e os protexe da intemperie. Ademais, os cambios bruscos de temperatura que se dan co paso dun incendio provocan unha desagregación dos elementos do granito e a formación de placas que se acaban por desprender esnaquizando o conxunto. Estes efectos favorecen ademais unha posterior acción erosiva moi intensa. A choiva, o vento ou calquera outra acción poden acabar coas inscricións.

A pé de mapa
A nivel xeográfico, e segundo os datos dispoñibles polo momento, petróglifos coma os de Louro en Muros ou Porto do Son, coma a Laxe das Rodas ou os Pozos da Garda, foron afectados directamente polo lume. En Pontevedra, aínda que as mostras de arte rupestre comprendidas na zona do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro non se viron afectadas directamente, outras manifestacións deste tipo no mesmo concello si sufriron as lapas, e técnicos da consellaría chegaron a cubrir algún deles para evitar posibles danos. En moitos destes casos o proceso de degradación é irreversible. Os petróglifos de Fentáns, en Cotobade, Amoedo, en Pazos de Borbén e especialmente Tourón, en Ponte Caldelas, tamén se viron afectados. Precisamente nesta última localización a Xunta anunciou que "será preciso facer unha modificación dos plans previstos" de acondicionamento dos deseños e a futura posta en marcha dun centro interpretativo, coa intención de minimizar o impacto do lume nas pedras. Ademais de petróglifos e de mámoas, a Consellaría lembra o dano que sufriron polo lume elementos de arte popular en todo o país coma cruceiros, petos de ánimas, lavadoiros, hórreos ou valados situados en zonas arboradas. Foi soado o caso do Pazo de Outeiro, situado en Ribadavia, do que houbo que retirar boa parte do mobiliario e pezas artísticas cando as lapas afectaron parte da edificación.

Cos petróglifos diante
Ben preto dunha das zonas máis afectadas, no Museo de Pontevedra, traballa o arqueólogo Antonio de la Peña, que salienta que o abandono no que durante anos se mantiveron estas pezas está detrás do devastador efecto do lume sobre elas. "Está todo publicado e advertido sobre o que podería pasar se non se tomasen medidas, e agora pasou e viuse claramente. As zonas que estaban limpas arderon moi pouco e a superficie quedou ben, mentres que as sucias arderon". Este investigador diferenza os danos que sofren bens situados na superficie, coma os petróglifos, moitos mais graves que os que poden padecer aqueloutros que están soterrados. "A arte rupestre que está exposta é a que máis sufriu neste caso, a unha mámoa apenas lle afecta", sinala. Neste sentido, entre os peores casos que localizou, fala "dunha zona onde se fixo corta de eucaliptos quedou a broza por riba das pedras, e ardeu directamente, facendo coma un forno. Vin algunhas pedras xa rebentadas, en concreto unha escena de caza que está en Fentáns, no Coto do Rapadoiro". De la Peña salienta o grave dos danos que as altas temperaturas provocan nestes elementos. "É como se lle saísen á pedra bochas que deforman a superficie e que chegan a rebentar. Ao seren escamas deformadas nin sequera se poden pegar posteriormente porque non se axustan ao lugar que ocupaban", completa.

Cara ¿positiva?
Alén dos efectos perniciosos do lume, a única parte "boa" para o patrimonio que poden ter os incendios é deixar ao descuberto pezas que se descoñecían. Segundo destaca a Consellaría esta posibilidade pode darse especialmente no caso "dos túmulos megalíticos ou mámoas, particularmente os de tipo cista". No entanto, o departamento da Xunta lembra os problemas que a perda da cuberta vexetal supón para a conservación de todo tipo de depósitos.

Paliar
De cara ao futuro inmediato, a Consellaría solicitou aos demais departamentos da Xunta, que "cando se acometan aqueles programas paliativos e rexenerativos das zonas queimadas" se conte con informes de Patrimonio Cultural para evitar os efectos que o tránsito de maquinaria pesada e os labores forestais coma a apertura de pistas produzan novos danos nestes delicados elementos. De cara as actuacións neste sentido, os técnicos de patrimonio advirten que se debe ter coidado con rozas drásticas no contorno dos petróglifos, que poden incrementar a erosión dos mesmos. Segundo o informe da Consellaría, mesmo determinadas cubertas artificiais poden provocar efectos adversos sobre os gravados. De cara a o futuro, De la Peña sinala que "coma cos incendios en xeral, con estes danos o que hai que facer é prevelos. Desde a Arqueoloxía vimos reclamando a limpeza do monte como medida fundamental".

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Couto do Rapadoiro, Sacos, Cotobade
AUTOR: JORGE GUITIÁN

Un dos conxuntos clásicos do repertorio de arte rupestre da zona. Na fotografía, do 16 de agosto de 2006, poden verse varias lascas xa desprendidas, identificables pola cor branca da rocha, e outras en fase de formación, recoñecibles coma avultamentos na superficie. O aspecto rugoso da zona central da rocha é un síntoma de desagregación avanzada, o que provoca que os gravados sexan especialmente sensibles a factores de erosión.

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Vista do Monte de Gurita (Baroña, Porto do Son) tras o incendio de 2005.
AUTOR: CARLOS RELLÁN

Vista xeral do Monte de Gurita na parroquia sonense de Baroña tras o incendio que sufríu no verán do 2005; nas proximidades deste monte apareceron máis de media ducia de estacións con arte rupestre, incluída a de Gurita I, dun carácter excepcional.

Esta e as seguintes fotos fotos pertencen a Ramón Fábregas Valcarce e Carlos Rodríguez Rellán, membros do GEPN (Grupo de Estudos da Prehistoria Recente do Noroeste) da USC e foron realizadas no curso do Proxecto de Investigación “Ocupación do espacio e modificación do entorno durante a prehistoria recente: Os petroglifos de Porto do Son” dirixido por Ramón Fábregas Valcarce e financiado con cargo ó Programa Nacional do Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación do Ministerio de Ciencia y Tecnología e ós incentivos por parte da Consellería de Innovación, Industria e Comercio a través da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Vistas xerais da estación Cova do Rego II (Baroña, Porto do Son) antes e despois do incendio forestal do 2005.
AUTOR: CARLOS RELLÁN

Vistas da estación de Cova do Rego II antes e despois do incendio do 2005, dita estación contén media ducia de zoomorfos algún dos cales está xa prácticamente destruído debido a sucesión de incendios ó longo da súa vida.

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Vista xeral da estación Gurita I despois do incendio forestal do 2005
AUTOR: Carlos Rellán

Vista da estación de Gurita I (Baroña, Porto do Son) despois do incendio do 2005, pode apreciarse xa o desconchado que afecta a unha das representacións de animais.

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Efectos dos incendios sobre os petróglifos

Detalle da sección occidental de Gurita I
AUTOR: RAMÓN FÁBREGAS

Detalle da sección occidental de Gurita I, na parte inferior obsérvase o desconchado provocado polo lume. Este desconchado foi provocado pola acción de incendios forestais previos os de 2005, podéndose documentar un proceso paulatino de incremento no tamaño do desconchado sen que se teña feito nada por evitalo.