As xornalistas fan memoria de seu

O Colexio de Xornalistas recolle nun libro as voces de mulleres da comunicación dos últimos corenta anos

"Das moitas historias por contar do xornalismo galego, hai unha tan pouco coñecida como urxente, a das periodistas", afirma Belén Regueira, presidenta do Colexio de Xornalistas de Galicia, na introdución do libro As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada, unha compilación da memoria das xornalistas que se estrearon nos medios galegos ao final do franquismo e do inicio da democracia. A publicación, editada polo Colexio e coordinada por Eliana Martíns, revisa o papel histórico da presenza das mulleres nos medios de comunicación, desde as pioneiras do século XIX ata as xornalistas "en activo nos últimos trinta ou corenta anos". Profesionais que xa se xubilaron ou encaran a súa xubilación nestes momentos, e que no seu momento eran a parte ben minoritaria das redaccións. "Esta viaxe no tempo danos unha perspectiva maior e profunda de como foi o avance", sinala Martíns, "un paso que deron as xornalistas e que repercutiu sobre todas as mulleres, forzando que cambiase o modo en que se informaba de cuestións que nos afectaban, como as violencias machistas". O libro contén entrevistas a emblemáticas profesionais como Ana Romaní, Tareixa Navaza, María Xosé Porteiro, Carmen Merelas, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Margarita Ledo, María Rey, Cristina Lombao, Ujué Foces, Cristina Huete, Rita Alonso ou Concha Pino. Entre todas, compoñen unha notable panorámica da crecente presenza das mulleres nos medios de comunicación, as dificultades e os lentos avances cara a igualdade que aínda está por chegar. O libro recibiu o VI Premio "Luísa Villalta" a proxectos pola igualdade 2024 da Deputación da Coruña.