O Fechiño 2025 celebra a súa programación con música, roteiros e astronomía cultural

Celébrase o 5, 11 e 12 de xullo en san Xoán de Fecha (Santiago)

aCentral Folque organiza unha nova edición de O Fechiño. Festival rupestre e de proximidade na parroquia compostelá de san Xoán de Fecha. O Festival ofrece concertos, visitas culturais e actividades para poñer en valor o rico patrimonio cultural deste territorio do norte do concello de Santiago. Deste xeito, haberá visitas noturnas a petróglifos guiados polo colectivo A Rula, seguidos dunha sesión de astronomía cultural da man de Antón Bouzas. Haberá roteiros en bicicleta polos canóns do Tambre e un roteiro rupestre sonoro guiado polo Clube Espeleolóxico Maúxo, no que se percorrerán diferentes estacións líticas da zona. Entre esas actuacións, Xurxo Souto actuará na Pedra que Fala, o principal conxunto de arte rupestre da zona, para contar e contar sobre as pedras faladoras e sobre os cantos de canteiros. O sábado 12 de xullo Manuel Gago tamén conducirá o roteiro "Tres fortalezas para tres tempos" no que dará conta da realidade arqueolóxica da comarca. O Fechiño terá tamén espectáculos poético-musicais como "Todas as formigas percorréndome en mandas" de Alba María e Andrea Nunes Brións, en Lamascal o sábado 12, ou o sábado anterior, 5 de xullo, un Serán diverso no Santuario de Belén conducido por Xavi Castraña e as Pandereteiras da asociación Regueifa de Val do Dubra. O programa completo pódese consultar no web de aCentral Folque.