En plena polémica sobre a súa continuidade, as Deputacións desenvolven un continuo e a miúdo descoñecido labor cultural

Cultura por provincias

Están aí desde hai uns 200 anos, cando apareceron as provincias. Aínda que as súas atribucións e mais o seus poderes foron mudando enormemente ao longo do tempo, as Deputacións manteñen na actualidade entre as súas funcións o desenvolvemento de actividades culturais. Nun momento en que se debate a utilidade destas institucións, botámoslle o ollo ás liñas de actuación culturais da Coruña e mais de Ourense, que amosan diferentes xeitos e liñas de traballo.

En xeral, as Deputacións teñen entre as súas funcións complementar o traballo dos concellos de facilitarlles o préstamo de servizos básicos aos cidadáns. Neste sentido, enténdese a súa actuación cultural como un apoio que debe permitir que as entidades locais máis pequenas teñan acceso a actividades que por si mesmas non podería asumir. Claro que, dentro destes conceptos, as posibilidades de actuación que se abren son amplísimas. En xeral, os usuarios percibimos de xeito illado os traballos das Deputacións, ao termos o seu nome asociado a actividades concretas e ao se espallaren estas ao longo do ano por diferentes lugares de cada provincia. No entanto, ambiciosos programas sitúan estas cámaras coma importantes actores á hora de configurar o mapa cultural galego. Como exemplos, collemos o labor da Deputación da Coruña, que nos últimos anos está a desenvolver unha completa serie de programas arredor dos máis diversos ámbitos, e mais a de Ourense, centrada no apoio cultural a unha poboación maioritariamente rural e dispersa.

Actuacións e creación
En xeral, a programación da Deputación da Coruña trata de traballar sobre as principais manifestacións artísticas e culturais da actualidade. O apoio aos creadores a través dos abondosos certames, a distribución de exposicións e de programacións escénicas en toda provincia, a rehabilitación de patrimonio material e a formación de técnicos no campo da cultura aparecen como as principais liñas de traballo desta institución. A seguir a idea de descentralizar as actividades culturais das grandes cidades, a Deputación da Coruña creou unha Rede Cultural que organiza actuacións de todo tipo de grupos musicais e de artes escénicas en auditorios de toda a provincia. "A rede é a máis importante de Galicia e suponlles aos concellos e ás entidades a posibilidade de ter case un programa cultural propio, xa que dispoñen cada ano de entre doce e dezaseis actuacións que eles elixen", explica Celestino Poza, presidente da Comisión de Cultura deste organismo. Ata dúas mil actuacións, repartidas por noventa e catro concellos, se desenvolven cada ano dentro desa iniciativa. Como complemento destas actuacións, a entidade organiza desde o pasado ano un certame para apoiar a gravación de grupos noveis. Outra grande liña de acción deste organismo é a rede de mostras, que no último ano alcanzou dez exposicións que percorreron outros tantos concellos.

Crear desde A Coruña
Ademais da difusión de artes (incluído o audiovisual das "Noites de cine" durante o verán), a Deputación da Coruña está a se destacar no apoio á creación a través de diferentes concursos. "Non sendo o seu obxectivo fundamental, a Deputación coruñesa está a ter no últimos anos un papel fundamental no apoio que se presta aos creadores da provincia", sinala Poza. Os encontros artísticos no Pazo de Mariñán (pintura, poesía, escultura ou land-art) compleméntanse cunha longa lista de certames "que tentan cubrir todos os aspectos creativos e teñen o recoñecemento xeral pola súa alta participación". Os premios de artes plásticas, artesanía, fotografía, banda deseñada, narrativa, ensaio, teatro ou poesía, todos eles cunha boa dotación económica, están a se destacar en todo o país como algúns dos máis importantes puntos de promoción para novos autores.

A dispersión e o rural
En xeral, desde a Deputación de Ourense salientan a importancia de achegar actividades culturais aos concellos rurais, onde é máis difícil que as corporacións locais sexan capaces de desenvolver unha programación propia. Canda a esta liña, o traballo caracterízase por prestar unha grande atención ás formas de cultura tradicional. Neste campo, ademais da archicoñecida Real Banda de Gaitas, o organismo conta cunha escola de música e outra de baile, que desenvolven a súa actividade por toda a provincia. "En total estas actividades chegan a máis de 15.000 persoas, porque hai escolas en case todos os concellos", lembra Francisco González, director do Centro Cultural da Deputación. A estas propostas engádese aínda o traballo do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, que se centra na recuperación etnográfica e que celebra anualmente unha romaría tradicional en Vilanova dos Infantes ademais de publicar a revista "Raigame". Nesta liña enmárcase tamén a celebración das Xornadas de Folclore, que levan de xira por toda a provincia grupos tradicionais de todo o mundo. Mesmo en propostas coma "Ourense Lúdico", que se desenvolve ao longo de todo o verán, está presente a tradición a través da inclusión de xogos populares nas actividades lúdicas. A ruralidade e mais a dispersión da poboación apúntanse, segundo o responsable desta área, coma os grandes condicionantes da acción cultural da deputación de Ourense. "Cando a un concello lle montas unha actividade puntual podes ofertala de balde, pero se montas unha exposición, eles teñen que ter un persoal para a atender, e nunha provincia coma esta, con tantos núcleos de poboación, iso é complicado", explica.

Instalacións
Froito das súas longas e variadas historias, as Deputacións acabaron facéndose con diferentes espazos que dedican á acción cultural de xeito máis localizado. "A descentralización das accións culturais pola provincia comporta non ter excesivos espazos culturais propios", asegura Celestino Poza desde A Coruña. Neste caso, o Pazo de Mariñán é o principal recinto histórico co que conta este organismo e un dos que acolle máis actividades. Esta cámara provincial están ademais en proceso de rehabilitar o Teatro Colón e de construír o chamado Centro das Artes na cidade da Coruña. Mentres o primeiro destes edificios completará a oferta escénica da Deputación, o segundo quere albergar o Conservatorio de Danza, que depende desta entidade, ao tempo que serve como museo para amosar os propios fondos artísticos da institución.
Dalgún xeito, estas instalacións teñen os seus equivalentes en Ourense, aínda que en diferente grado de desenvolvemento e con distintas orientacións. Así, a Deputación ourensá conta co Pazo de Vilamarín, que funciona como un centro de exposicións de longa duración e que amosa na actualidade o traballo do pintor e escultor Quessada. No entanto, o núcleo duro de actividade para este organismo é o Centro Cultural da Deputación, situado no coñecido Edificio Simeón de Ourense. "Está destinado basicamente a exposicións, conferencias e congresos, ten un departamento de formación, un museo do tren e unha biblioteca. Fai un pouco a función do que sería un centro de arte contemporánea na cidade", sinala Francisco González, que cifra nuns setenta mil os visitantes anuais. Na mesma cidade se encontra Teatro Principal, que "ata que se abriu o Auditorio hai un ano, era o centro de referencia en artes escénicas", lembra González. Finalmente, dentro das competencias das deputacións está tamén o encargarse da xestión das Bibliotecas Provinciais, e é por isto que tanto A Coruña como Ourense contan con cadanseu centro de lectura.

Axudas e futuros
Ademais da realización de actividades directas, as Deputacións teñen as súas propias liñas de axudas para concellos e mais asociacións. Deste xeito, a cámara coruñesa achega anualmente uns catro millóns de euros para que os concellos desenvolvan as súas propias programacións ou para apoiar o traballo de diferentes colectivos. Desde Ourense asegúrase que "os concellos da provincia de calquera signo, cada vez que precisan dunha actividade cultural o primeiro que fan é acudir á Deputación".

Entre as últimas propostas, na Deputación da Coruña está a desenvolver o programa Interea "que quere contribuír a mellorar a formación e as capacidades dos axentes culturais da provincia", explica Poza. Esta proposta inclúe a edición dunha revista e mais a celebración de diferentes cursos e actividades neste sentido. Desde Ourense, pola súa banda, anúnciase unha continuidade básica no traballo que se está desenvolver "é unha liña multidireccional e flexible que permite atender calquera tipo de necesidade", salienta González. "Quizais no futuro se acentúe a colaboración directa cos concellos. Xa se está a dar o caso daqueles que van incrementando as súas posibilidades no campo cultural. Unha vez arranxadas as necesidades básicas, como abastecemento, saneamento ou acceso, van cubrindo as secundarias".

Variedade
Aínda se podería falar das bolsas de creación, dos convenios con universidades, dos distintos programas lúdicos e mesmo do variado mundo das publicacións que achegan este organismos. Estes son só dous exemplos, pero en Galicia cada unha das cámaras provinciais amosa as súas peculiaridades no campo da acción cultural. Deste xeito, por exemplo, podemos citar o traballo da Deputación de Lugo a prol da artesanía a través do Instituto Lugués de Desenvolvemento (INLUDES) ou a coñecida acción que desde Pontevedra se fai a prol das artes plásticas coa celebración da súa Bienal. Ata que punto este labor pode ser asumido no futuro por outros organismos é tamén parte do debate que agora se está a desenvolver sobre o futuro das Deputacións. Para saber máis, os webs de cada unha delas achegan unha boa panorámica sobre este labor.