"O Lapis do Carpinteiro" convértese no libro máis traducido da nosa literatura

As doce linguas de Manolo

Primeiro foi o castelán, logo o catalán, despois chegaron o holandés, turco, italiano, inglés, noruegués... e agora o xaponés. A obra de Manolo Rivas "O Lápis do Carpinteiro" acaba de converterse na obra da literatura galega máis traducida a outros idiomas. E esta noticia xorde no mesmo momento no que a Asociación Galega de Editores (AGE) está a pasar por un dos seus momentos máis delicados trala demisión de catro membros a semana pasada.


E agora en xaponés




O libro de Manolo Rivas acaba de vencer un récord que ostentaba Xosé Neira Vilas co seu "Memorias dun neno labrego". Coa súa última traducción ó xaponés, "O Lápis do Carpinteiro", convertiuse na obra da literatura galega máis traducida. Deste xeito a historia de Daniel da Barca e Marisa Mallo está traspasando numerosas barreiras. Pero xa non son xeográficas, nin lingüísticas, senón tamén de xéneros. De feito, a obra de Manolo Rivas foi primeiro unha novela, despois unha obra de teatro e agora, en proceso de montaxe, unha película.
A principal característica da traducción a doce idiomas da obra de Manolo Rivas, non radica só, no número de traduccións, senón na categoría e na cualidade das editoriais que se encargan de facer a traducción. De feito, as empresas editoras máis prestixiosas de cada país, foron as encargadas de facerse coa traducción da obra. En Alemaña foi levada a cabo por "Suhrkamp Verlag"; en Portugués, "Dom Quixote", en francés Gallimard e en inglés, o que é máis meritorio aínda, foi "The Harvill Press", unha editorial que traduce só un 2% da súa producción anual. Uns datos ben significativos e importantes sobre o éxito que está a acadar a obra de Manolo Rivas en diferentes partes do mundo.
Polo demais, se se quere cuantificar todo este éxito de "O lápis do carpinteiro" baste dicir que a novela xa ten vendidos uns 55.000 exemplares.
Por último, outro exemplo do éxito desta obra supuxo outro galardón para Rivas. Pero un galardón que está alonxado dos circuitos literarios. Foi o premio que lle concedeu "Amnistia Internacional"; un galardón que foi instituído para celebrar o corenta aniversario da creación desta fundación. Un premio que o propio autor irá a recoller a Bruxelas o vindeiro dia nove.













Os problemas editoriais



O venres da semana pasada a prensa facíase eco dunha oleada de demisións no seo da Asociación Galega de Editores (AGE). Esta semana El Correo Gallego publica unhas declaracións do director de Xerais, Manuel Bragado e o subdirector de Galaxia, Damián Villalaín, que continuan ofrecendo datos para poder esclarecer un dos periodos máis difíciles que está a sufrir a propia asociación e que mesmo podería poñer fin a dezaoito anos de consenso. A maioría de idade dunha serie que pretende defender os dereitos dos editores a publicar e distribuir os traballos da creación en completa liberdade.
Os graves problemas que está a padecer neste momento a AGE poderían solventarse en breve, segundo Manuel Bragado, nunha xuntanza que ten previsto que se celebre antes do Nadal. Para el os principais feitos que supuxeron unha perda do acordo foron un descenso dun 30% dos datos do sector editorial e, segundo informa EL Correo Gallego, unha nota que distribuiíu a Asociación e na que se comentaba as adquisicións editoriais da Xunta a diferentes emrpesas.
Pola súa banda, Damián Villalaín declarou, ó mesmo Xornal, que ademais dos problemas obxectivos existen tamén criterios suxectivos, como é un clima de desconfianza dentro da propia asociación.
Ambos, Villalaín e Bragado, determinan a importancia e a necesidade de que se defina que modelo de asociación se ha de ter e que se avance nese camiño, cun espírito de concordia.