O grupo ferrolán Los Limones veñen de sacar o que é o seu duodécimo disco, Palabra (Carlito Records), despois de nove anos sen entrar a gravar novas cancións. Con este disco, que se porá á venda a primeiros de xullo, Los Limones volven máis positivos e vitais que nunca e con algúns dos seus elementos esenciais como as letras de Santi Santos e o son da steel guitar de Álvaro Lamas. En palabra Los Limones contan coas colaboracións de Antonio Vega, que contribúe coa voz en Acelerado, o tema que abre o álbum, e a gaiteira Susana Seivane que colabora no single de presentación, Emigrante, un poema musical dedicado aos que abandonan a súa terra. Tamén participa do disco Miguel Costas, integrante de Siniestro Total, que canta en Hablar ( y Escuchar) un tema que reflexiona sobre a comunicación, e a falta dela. A carreira de Los Limones comezou no ano 1983, baixo o nome de Los Limones del Caribe, aínda que non publican o seu primeiro LP, Sun, ata 1987, e entón xa quedan co nome de Los Limones.
Máis información no sitio oficial de Los Limones







