Os Museos Científicos da Coruña mantéñense á vangarda internacional da divulgación do saber

A ciencia culta

Desde que en 1985 abriu as súas portas a Casa das Ciencias, A Coruña mantense como un destacado núcleo no campo da divulgación científica. Canda este museo, a Domus e o Acuarium Finisterrae traballan para lle achegar á cidadanía o coñecemento de maneira divertida e interactiva. O grupo de divulgadores que traballan desde entón neste campo enfróntanse agora ao reto de integrar esta rede coa vindeira instalación na cidade do Museo Nacional de Ciencia.

Comezou como un pavillón no medio do parque de Santa Margarida. "A rede naceu en 1983. Eu era o director do servizo municipal de educación", explica Ramón Núñez, director dos Museos Científicos Coruñeses. "Un día, falando con Paco Vázquez preguntoume que podíamos facer co Palacete de Santa Margarida, e suxerín que se podía instalar alí un museo do estilo dos novos science centers, sen fondos de colección". As propias características do edificio deron para suxerir algunhas das instalacións que, aínda hoxe, definen este centro. O planetario da cúpula ou o péndulo que oscila no espazo da escaleira completáronse cos serie de módulos interactivos sobre diferentes fenómenos físicos e unha serie de exposicións temporais que rapidamente conseguiron un grande éxito. Para desenvolver o proxecto museolóxico, o equipo coruñés contou coa experiencia da Fundación Caixa de Pensións de Catalunya (logo integrada en La Caixa), propietaria do Museo da Ciencia de Barcelona.

Ciencia tripla
Desde aquel primeiro pavillón xurdiron dous novos e espectaculares edificios cos que se conformou a rede de Museos Científicos Coruñeses, os coñecidos Domus ou Casa do Home e mais o Aquarium Finisterrae ou Casa dos Peixes. "Aquel museo axiña de converteu no máis visitado de Galicia", apunta Núñez. "As escolas tentaban reservar visitas para anos sucesivos e, aínda que non aceptamos isto, había unha grande lista de agarda. Todas as actividades tiñan unha acollida moi boa e iso facíanos reflexionar de que había unha demanda social deste tipo de información". Foi coa idea de atender esa demanda que se foi desenvolvendo a idea de contar con novos espazos dedicados á ciencia na cidade. Primeiro pensouse na posibilidade de ampliar a propia Casa das Ciencias, pero a peculiar arquitectura do palacete aconsellou desbotar esa idea. "Entón pensamos en facer un edificio novo e dotalo de identidade propia", lembra Núñez. Primeiro pensouse na creación da Casa dos Peixes, pero a dificultade para conseguir uns terreos axeitados deu en que finalmente fose a Domus a primeira en ver a luz, dez anos despois que o primeiro dos museos.

O home e os peixes
"A Domus foi o primeiro museos de divulgación científica monográfico", salienta o director destes centros. "Ten un tema que relaciona todos os seus contidos pero que ao tempo é amplo abondo para tocar moitos aspectos, pensando en nós como persoas ou como especie". O característico edificio realizado por Arata Isozaki conseguiu converterse desde entón en todo un símbolo internacional da cidade. O Aquarium, pola súa banda, xurdiu "como un lugar de homenaxe ao mar nunha cidade que ten o raro mérito de ser a única cidade do mundo que tivo tres grandes desastres ecolóxicos polo petróleo", apunta Núñez. Este complexo céntrase na educación sobre os océanos e a Natureza, a representar os ecosistemas mariños da costa galega aproveitando a súa localización onda o mar aberto. "É o único acuario do Estados, e dos poucos de Europa que traballa con auga viva, con plancto", puntualiza o director destes centros. "Outros acuarios teñen que ter as estrelas de mar ou os mexillóns de plástico porque empregan auga esterilizada que non ten a riqueza que precisan os invertebrados. Aquí, o que outros chaman escenario está vivo". O centro trata, ademais da propia vida mariña cuestións coma a pesca, a vida mariñeira e mesmo a literatura con temática mariña, cunha especial atención ás "20.000 leguas de viaxe submarina" de Verne. "De resultas disto, o que xorde é un híbrido entre un acuario tradicional e un museo", completa Núñez. Así configurado, o conxunto dos museos consigue unhas cifras de visitantes dunhas 700.000 persoas cada ano, para os que traballa un total aproximado de 130 persoas entre todos os centros.

Pioneiros
A pesar de teren modelos coma o centro catalán ou o Exploratorium de San Francisco, a Casa das Ciencias e, por extensión, a Rede de Museos Científicos, desempeñaron un labor pioneiro no xeito de musealizar e de divulgar a ciencia. "Era a primeira vez que un concello amosaba que se podía facer algo relacionado coas ciencias con cargo aos seus orzamentos de cultura. Daquela o normal era que eses cartos se dedicasen a certames, exposicións ou a manter a banda municipal, e a palabra cultural non incluía normalmente o que chamamos Ciencia", lembra Núñez. "Desde entón foron xa máis de vinte os concellos, deputación, cabildos ou comunidades os que introduciron este tipo de actividades nos seus orzamentos". Pero o carácter pioneiro da iniciativa non se reduce só ao tema. "Maioritariamente as ideas que se aplicaron foron propias do equipo de divulgadores que ten o conxunto dos museos, que é dos mais importantes de España", sinala o director desta rede. E é que vinte anos de actividade dá para aprender e para aplicar moitas cousas. Os premios Prisma á divulgación científica, os Luís Freire á investigación escolar, as monografías que publican os museos "cando hai un tema relacionado coa ciencias que crea inquedanza social", a Feira da Ciencia, os congresos... A lista é realmente longa.

As mostras
O traballo deste equipo común permite coordinar a programación dos mesmos. "Agora mesmo o 90% dos esforzos están centrados na vindeira exposición do Aquarium. E ao día seguinte da inauguración comezarán con outro proxecto para a Domus e logo para a Casa da Ciencias. O mesmo feito de que teñamos que distribuír o traballo permite que as actividades non coincidan entre si, e iso é tamén bo para o público", sinala Núñez. E é que, segundo asegura, a ausencia de fondos permanentes fai que as mostras temporais teñan unha especial importancia para estes museos. "Ao non termos pezas cun especial valor histórico nin intrínseco, podemos tirar e pór o que queiramos". Neste sentido, os temas de actualidade, os que están relacionados cos contidos escolares ou as posibilidades de acceder a mostras xa organizadas previamente por outros museos son algunhas das cuestións que se combinan para organizar unha mostra. En xeral, e con vistas a optimizar as visitas, o máis habitual é que a estancia de cada unha das mostras sexa mais ou menos dun ano. Logo moitas delas parten para a centros semellantes coma os museos científicos de Granada ou Valencia, cos que mesmo se ten chegado a organizar mostras conxuntamente. Esta exportación das mostras permite en moitos casos amortizar o seu elevado custe, motivado habitualmente polo intento de manter un alto grado de interactividade co visitante. "As exposicións que se están a facer hoxe custan unha media de entre mil e mil quiñentos euros por metro cadrado, polo que unha exposición de douscentos metros pode saír en trescentos mil euros. Iso amortízase en tres ou catro anos, e como ponde durar ata dez, a rendibilidade está asegurada". De calquera xeito, Núñez salienta a necesidade de conseguir unha rede de produción para distribuír os gastos e reclama unha coordinación estatal, mesmo na forma de concurso, que incentive o desenvolvemento de liñas comúns nestas actividades.

O reto é xa
De cara ao futuro, o reto máis importante ao que se achega a Rede é a coordinación co futuro Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, que o Goberno Central xa anunciou que pensa desprazar á Coruña. "É difícil pensar que poida vivir de xeito independente dos museos científicos, e a fórmula que se busque para integrar ou irmandar os proxectos vai mudar o futuro dos centros coruñeses", recoñece Núñez. Para este mesmo verán está prevista a publicación do decreto sobre o traslado do museo, e poida que para 2007 abra as súas portas. Outra cuestión pendente para a rede é o proxecto da Casa da Historia, unha ambiciosa aposta municipal que, polo momento, non ten clara a súa situación dentro dos Museos Científicos. "Ese é un proxecto a máis longo prazo que ten dificultades económicas máis serias, e penso que nel a Xunta ten moito que dicir", apunta o director destas entidades. Máis achegado no tempo, o vindeiro vinte e nove de xuño ábrese no Aquarium o último proxecto deste grupo de divulgadores. A mostra "Fabricantes de perlas" amosará as ostras e contará con algunhas das máis importantes coleccións de cunhas deste tipo que existen en Europa. De certo coa espectacularidade e o entretemento divulgativo que xa son marcas da casa.