A acción cultural galega en Cataluña mantén desde hai anos unha vizosa actividade que renova os seus xeitos de actuación

Cultura Galega.cat

É sabido que Cataluña foi, desde sempre, un destino preferente para a emigración galega. Aínda que as circunstancias mudaron, mantense como un lugar no que se concentra un bo número de emigrantes que desenvolven as máis variadas e vizosas propostas arredor da nosa cultura. Desde os anos noventa un novo xeito de traballo foi xurdindo nesta diáspora, que se presenta como un dos colectivos máis activos da nosa emigración.

A ampla actividade cultural galega en Cataluña conta cunha destacada tradición. Como en todos os lugares onde hai unha comunidade emigrante abondosa, Cataluña ten o seu Centro Galego, en Barcelona. Esta entidade naceu xa en 1923, e ao longo da súa dilatada historia tense constituído nun referente indispensable da nosa cultura no Noreste Peninsular celebrando diferentes efemérides e actos e ofrecendo formación en canto, baile, instrumentos e outros aspectos do noso folclore. Canda a ela, por todo o Principado foron xurdindo diferentes entidades que seguían este modelo clásico. A comezos dos anos noventa nacía a Federación de Entidades Galegas en Cataluña, que pretendía coordinar o traballo das diferentes Casas Rexionais e colectivos de emigrantes. No entanto, nesta cando comezou unha nova xeira de colectivos e de novos xeitos de actuar. A día de hoxe, no lugar de esmorecer co paso do tempo, a presenza cultural do país mantense vizosa á beira do Mediterráneo.

Galegos nas ondas
Pódese dicir que os pioneiros desta renovación cultural foron os membros do colectivo de Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña (ERGAC), un grupo que naceu en 1991 coa intención de coordinar as iniciativas nas ondas de diferentes grupos de emigrantes. "A idea era unirse para facer cousas xuntos, ver que había en común e dar unha oferta máis ampla á comunidade galega", explica Ana Belén Real, presidenta deste colectivo. "Chegou un momento en que nos metemos a facer máis cousas. Montamos unhas xornadas de cultura galega alá polo 96, conferencias, organizamos un curso de galego a través da radio con vinte e cinco programas e mais un libro e comezamos a publicación de `A micro pechado´, unha revista mensual que en maio fará o seu número setenta e tres". A actividade deste grupo e a importancia que acadou o seu voceiro como medio de información destacado para a comunidade emigrada fixo que ERGAC adquirise un papel crucial. "Somos a entidade de referencia dentro das galegas. Para organizar segundo que cousas desde Cataluña chámannos a nós", apunta a directora do colectivo. "O que estamos a facer é o vencello entre Galicia e Cataluña, non somos só embaixadores da cultura galega, senón que Cataluña está tamén dentro de nós". Neste sentido, ERGAC conta con colaboradores cataláns e presta atención á actividade cultural do contorno. "Facemos en galego crítica dos libros cataláns. Tentamos que a xente coñeza o que se fai e se enriqueza con esa cultura". Na actualidade o colectivo agrupa os equipos de catro programas de radio que se emiten en galego en diferentes lugares da Comunidade Catalá e un que funciona deste Andorra. "Temos un programa en Mollet, outro en Andorra e tres en Barcelona, un en Sants, outro en Poble Nou e outro de Ciutat Vella", explica Real. En canto a contidos encóntranse desde os programas máis costumistas dirixidos á vaga de emigrantes que chegou nos anos sesenta e setenta ata apostas de humor e información para os máis novos, pasando por magazines que seguen a actualidade política e as últimas tendencias culturais galegas.

Un foro de renovación
En 1999, a partir da organización dunha homenaxe a Otero Pedrayo e a Castelao en Barcelona, tomaba corpo un novo proxecto que tamén se afastaba do sistema tradicional de actuación da nosa cultura no exterior, o Foro Cívico Galego de Barcelona. "É unha entidade singular dentro da realidade galega en Cataluña. Achega un xeito de traballo que se afasta bastante da realidade cultural que xira arredor das casas rexionais", explica Suso Mon, secretario desta entidade. "O colectivo está orientado a facer actividades cívicas, culturais e mesmo políticas, algo que só algúns colectivos como o Espazo Galego ou ERGAC abordan de xeito semellante a nós. Tentamos facer de punto de encontro entre Cataluña e Galicia como realidades históricas e suxeitos nacionais", salienta. Ademais de encontros, homenaxes e actividades do máis diverso signo, este grupo é o responsable da revista `ReNOVA GALIza´, que viu o seu primeiro número en 2005 e que se amosa coma un foro destacado de reflexión sobre a evolución da diáspora. Para este verán preparan o lanzamento dun novo número que se centrará na emigración galega no mundo.

Buscar espazo
Unha das propostas máis recentes que xurdiu do magma cultural galego en Cataluña foi o Espazo Galego dos Països Cataláns, un colectivo que naceu en 2005 recollendo en boa medida o testemuño de mobilización social e cultural que deixara Nunca Máis Cataluña. "A idea era ofrecer unha alternativa ao asociacionismo galego de Barcelona", explica Varela. Canda a participantes de colectivos previos integrouse neste proxecto un bo lote de persoas sen adscrición coa a idea común de se implicar coa sociedade e a cultura do seu país de acollida. "Temos un compromiso, do mesmo xeito que co galego, co catalán e coa cultura catalá, e queremos estar presentes en todo o territorio con esta lingua", sinala esta lectora de galego. Ademais, este colectivo pretende tamén coordinar actividades con entidades de diferentes lugares da lusofonía, "Ata o momento os colectivos galegos, os portugueses e os brasileiros traballaban de xeito autónomo", apunta. Desde o seu nacemento, o grupo desenvolveu actividades coma a difusión dos vídeos "Hai que botalos" con ocasión das últimas eleccións autonómicas, participou en actos con ocasión de San Jordi, da Diada de Catalunya e doutros eventos culturais. Na actualidade está a desenvolver o ciclo de conferencias "Galiza: Nin rastro de mulleres?". A pesar de que no espazo recoñecen que aínda lles resta traballo por facer en canto a coordinación dos colectivos culturais da zona, traballan de xeito habitual coa xente de ERGAC e co Foro Cívico Galego de Barcelona, entre outras entidades.

Detrás da actividade
Detrás de toda esta actividade os grupos implicados ven diferentes causas. "Hai unha porcentaxe moi alta de emigrantes, e existe unha tradición de actividade e de traballar en colectivos", explícanos Sonia Varela, lectora de galego na Universidade Autónoma e unha das promotoras do Espazo Galego. "Aínda que é un destino para todo tipo de traballadores, tamén ten atractivo para os emigrantes do campo da cultura, e moitas veces vén xente que xa ten unha traxectoria de actividade cívica en Galicia", completa. Pola súa banda, desde ERGAC Ana Belén Real apunta a importancia da propia sociedade de acollida á hora de propiciar o dinamismo dos galegos. "O feito de estar nunha sociedade totalmente receptiva, que ten tamén a súa propia cultura asoballada e que reciben a túa como algo que os enriquece fai ter consciencia sobre a cultura propia". Esta activa traballadora da cultura recoñece a existencia dunha mudanza no xeito de actuar do colectivo emigrante no Principado Catalán. "Nos anos sesenta e setenta a xente xuntábase máis nas entidades galegas, pero a xente que está agora, fillos daqueles emigrantes e mais xente que chegou nova, ten outra formación e ven aquí todo un mundo de cousas que se poden facer, desde programas de radio a grupos de teatro ademais da oferta tradicional das entidades, como cursos de baile ou de folclore", apunta.

Importancia académica
Non podemos esquecer o papel que ten a actividade académica na vitalidade da nosa cultura en Cataluña. A licenciatura en Filoloxía Galega que achega a Universidade de Barcelona mantense coma un destacado foco de difusión das nosas letras. Cursos monográficos, doutoramentos ou congresos do máis alto nivel encol da nosa cultura altérnanse con conferencias ou cos cursos de iniciación en lingua e literatura que imparten, entre outros, os dous lectores de galego desta institución ademais do que traballa na Universidade Autónoma. Desde este último posto, Sonia Varela salienta a importancia da oferta formativa. "Encontras mesmo emigrantes que non tiveron formación na nosa lingua nin na nosa cultura en Galicia e que participan nestas actividades. Logo están tamén os fillos e familiares de galegos da diáspora que tamén teñen interese, e os propios cataláns que participan por afinidade".

Pluralidades
Canda aos colectivos con vontade de integrar diferentes propostas culturais, existen tamén asociacións de emigrantes que desenvolven o seu traballo a nivel local ou mesmo de barrio, como é o caso dos Amigos de San Froilán en Nou Barris (Barcelona), a Irmandade A Nosa Galiza de Mollet del Vallès ou a Asociación Rosalía de Castro de Cornellá de Llobregat. Ademais da especialización xeográfica hai tamén grupos de traballan en campos concretos como a danza (Escola de Danza Toxos e Xestas), o teatro (Agrupación Furafollas) ou a música (Coro Universitario Galego de Barcelona). A Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña, que organizou o pasado ano o "Gran Encontro de Gallegos del Mundo" e recuncará o vindeiro mes de xuño é outra mostra da organización do noso colectivo nestas terras. Sen esquecer por suposto unha embaixada da nosa cultura tan importante como é a Galería Sargadelos de Barcelona, un punto de encontro que acolle e apoia actos do máis diverso signo.

Diferentes visións
Esta efervescencia non se produce, como era de agardar, sen desacordo entre diferentes puntos de vista sobre a nosa cultura ou sobre o sistema de traballo. A grande variedade de concepcións, desde as máis anovadoras ata as máis ancoradas na tradición, os saltos xeracionais, ou as distintas opcións políticas teñen dado en dificultades á hora de colaborar. "As casas ata o de agora non aspiraban a facer máis do que encontros pseudoculturais ou gastronómicos, pero había pouca cultura cidadán", apunta desde o Foro Cívico Suso Mon. A tendencia a primar este tipo de entidades na concesión de axudas desde a anterior Xunta deu en que outras apostas tivesen que traballar "á marxe", segundo este activista cultural. "Ademais o antigo goberno catalán tiña unha concepción folclorista das casas rexionais e apoiaban con cantidades inxentes ese tipo de actividades. Este goberno está a coller unha orientación diferente, pero aínda quedan moitas cousas por desenvolver". Precisamente o último número de ReNOVA GALIza recolle nunha enquisa a representantes de diferentes colectivos galegos en Cataluña onde quedan patentes as dificultades de coordinación entres os múltiples colectivos. Para alén das diferenzas políticas, tamén a distancia xeracional é un factor que pode explicar a multiplicidade de iniciativas. "O foro está formado por xente que xa leva anos en Cataluña. Eu son o máis novo e teño uns corenta anos, e hai xente que xa ten unha idade. No Espazo Galego, por exemplo, é xente que ten entre vinte e trinta e poucos", sinala Mon. De xeito que o relevo semella, polo momento, asegurado. Queda pendente para o futuro ese labor de coordinación que, só pola cantidade de actores implicados, promete ser intenso. Pero, polo que se ve, vontade de traballar non falta.