Un estudo di que o auxe dos blogs en Galicia evidencian un cambio de mentalidade social

Radiografía blog

Dos máis de trinta millóns de bitácoras que se calcula que hai en todo o mundo, unhas 1.200 son galegas. Pero a blogosfera galega, nome dado ao espazo que ocupan os blogs, está nun estadio emerxente. Os primeiros estudos arredor desta nova forma de comunicación destacan que en ano e medio se triplicará o seu numero, que crean unha tupida rede social que reforza os lazos de identidade e que evidencian un cambio de mentalidade social. Son algúns dos resultados que hoxe se presentan en “Enblogs” o encontro de Blogs de Galicia e Portugal que organiza o Consello da Cultura Galega.

Malia que os blogs naceron cos inicios de Internet, a explosión deste fenómeno non ten lugar ata principios do 2000 nos Estados Unidos. O mundo hispano sumouse á súa eclosión dous anos despois mentres que en Galicia, segundo un estudo do grupo de investigación “Novos Medios”, da Universidade de Santiago de Compostela, o 2005 foi o ano dos blogs en galego. Segundo Manuel Gago, membro deste grupo e coautor do estudo sobre os blogs que hoxe se presenta no encontro, “o 2005 foi o ano dos blogs en galego. A progresión é tan espectacular desde o ano 2002 que un non pode quedar indiferente. O 68% dos blogs activos na actualidade foron creados no ano pasado, aínda que a aceleración produciuse desde os últimos meses do 2004”. Nesta mesma liña apunta o sociólogo Fernando Garrido, membro do Observatorio para a Cibersociedade, que leva un ano analizando a blogosfera galega. Segundo o estudo que Fernando presenta no marco do encontro, “unha das hipóteses-conclusións do noso estudo é que a explosión dos blogs galegos aínda non se deu, senón que se dará durante este ano e o que vén. Hoxe, a taxa de blogs está arredor dos 1.100 blogs escritos en galego e a explosión levaraos aos 4.000 nun ano, ano e medio”.

Na orixe de ambos estudos está a primeira achega que fixo un blogueiro Carlos Neira (Calidonia), que hai cuestión dun ano elaborou unha listaxe de bitácoras que conforman a blogosfera galega (o blogmillo, como se lle coñece na comunidade blog). Un censo que o propio Carlos Neira recoñece que “foi feita ao principio con pouco rigor, de xeito espontáneo pero con moito esforzo, e o que empezou sendo unha cuestión persoal terá co tempo unha vocación máis académica”. O primeiro censo da blogosfera recollía unha nova forma de artellarse desde o ciberespazo ao mundo real porque, a xuízo do seu creador, evidenciou “a capacidade das microcomunidades por facer cousas máis alá da propia rede”.

Perfil do blog, perfil do blogueiro
Fernando Garrido considera que “o principal resultado en comparación coa blogofera hispana (que escriben en castelán) é que a taxa de feminidade é moito mais alta. A castelá está nun 72% de homes e a galega nun 60%, no mesmo nivel dos blogs estadounidenses. Analizando os datos, o que nos sae é que a xente que escribe blogs son persoas novas, de entre 19 e 29 anos, que teñen unha taxa de penetración á banda ancha máis alta que a media de conectividade galega, que teñen máis aparellos tecnolóxicos que a media nacional, que a penetración de telefonía móbil chega ao cen por cento e que a metade deles teñen catro dispositivos tecnolóxicos conectados (cámara web, reprodutor mp3...) Todo isto nos leva a pensar que a blogosfera galega está nunha parte emerxente, está centrada na xente que adoptan a tecnoloxía na forma mai rápida que están máis ao tanto dos temas tecnolóxicos”. Por outra banda, o estudo do Grupo dos Novos Medios destaca “tamén é relevante sinalar a baixa especialización das bitácoras en Galicia. Boa parte dos blogs en galego conteñen temáticas relativas ao ámbito cultural e, en moitos casos, parecen prolongar intereses e actividades anteriores de moitos dos seus editores. Non é casual que un 49% das bitácoras incorporen contidos de creación literaria ou literatura, activismo social ou política. A presenza doutros contidos, como da investigación científica, ou de ámbitos profesionais non culturais, son case inexistentes. Os blogueiros galegos manteñen tamén unha relevante proximidade aos contidos biográficos, de feito o 80% das bitácoras incorporan contidos deste tipo”.

Outras das cuestións que establecen estes estudos é que se segue a perpetuar o anonimato (a través do uso de alias e avatars) propio da rede, así como que a maioría das bitácoras galegas redundan na idea da autoría individual.

O idioma, unha marca diferencial
Cando Carlos Neira elaborou o primeiro censo de blogs galegos destacou que “aquí se da unha circunstancia óptima que permite marcar as diferenzas con outras comunidades e delimitar as bitácoras que formaban parte do censo, e esta é o idioma”. Segundo os estudos realizados, existe unha porcentaxe moi elevada de blogueiros que escriben en galego de aí que sexa doado de identificar a blogosfera galega. Polo demais, o estudo feito por Cibersociedade parte dunha enquisa feita a blogueiros que escriben exclusivamente en galego. Dentro deles, o estudo realizado pola USC estima que “un factor especialmente relevante é que o 80% das bitácoras en galego son monolingües, é dicir, incorporan moi poucos textos noutras linguas e só dun xeito puntual”.

Os blogs, unha excusa para medir o cambio social
O estudo feito polo grupo de Novos Medios “mantén a hipótese de que os blogs, en conxunción con outros formatos da chamada web 2.0 – Flickr, Google, Orkut, etc- son parte da sociedade horizontal que xa preconizara Manuel Castells a finais dos 90”. Neste sentido tamén apunta, Fernando Garrido ao asegurar que “interpreto os blogs como un elemento máis no proceso de relación entre tecnoloxía e sociedade. Penso que é importante porque os blogs o que fan é cambiar o chip dunha concepción pasiva e consumista da rede, que era o que nos saía antes nos estudos sobre a sociedade galega”. Para Garrido os blogs son importantes porque supoñen un cambio de paradigma á hora de concibir a rede como un elemento de produción. “Non creo, explica Garrido, que os blogs sexan os máis importantes como modelo comunicativo, senón porque marcan un cambio de paradigma. De feito, hoxe falamos de blogs pero no futuro falaremos doutro tipo de plataformas que seguen a liña de que a xente produce contidos. O que nos saía noutros estudos do noso marco teórico é que cremos que se pode medir o grado de sofisticación dunha sociedade en relación á sociedade da información, co cambio de concepción pasiva, dunha xente que só consume e recibe, a unha activa na que a xente xa produce contido. Isto parece que é o que se está a dar na sociedade galega”.