A rotonda de Feás revela a existencia dunha tumba romana

Lalinum

Podería ser o iceberg dun novo achádego romano na comarca do Deza. Coa construcción da rotonda de Feás, no concello lalinense, atopáronse hai uns días unhas tégulas-tellas-. Unha descuberta que propiciou que dous arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio, Vicente Caramés e Manuel Rodríguez, iniciasen excavacións e investigacións na rotonda que confirmaron a existencia dunha tumba de orixe romana.

Tégulas




O pasado 21 de decembro un veciño de Lalín, Antonio P G, avisaba da existencia dunhas tégulas no lugar no que se estaban realizando obras de construcción dunha rotonda en Feás, no concello de Lalín. Nese momento, o concello deu a alerta á Dirección Xeral de Patrimonio e inmediatamente se paralizaron as obras, ata a análise e catalogación dos restos atopados. Foi así polo que ata Lalín se desprazaron dous arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio, Vicente Caramés e Manuel Rodríguez, que declararon que os restos atopados formaron parte dunha tumba romana.













Necrópole



Os restos de tumbas atopados, segundo os dous arqueólogos de Patrimonio, poderían formar parte dunha necrópole entre o castro de Donramiro e a rotonda de Feás (dous puntos situados nunha zona moi cercana). Ademais, a riqueza arqueolóxica da comarca do Deza supón un punto de apoio importante na hipótese da existencia dunha necrópole importante.







Confín dos verdes castros



Baixo o título de "Confín dos verdes castros", Xosé Crespo, o alcalde de Lalín inclueu no seu último programa electoral o proxecto de rehabilitar, en colaboración co Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Santiago, un castro con finalidades didácticas. Un convenio que se pretende asinar ó longo deste ano, así como a elaboración e difusión de trípticos informativos sobre a riqueza arqueolóxica da zona.