Santiago e Lugo celebran esta Semana Santa con música relixiosa en lugares de culto

Música de culto

Aproveitando o clima de reflexión que obriga cada Semana Santa, os concellos programan concertos de música clásica en lugares de culto. Igrexas, capelas e mosteiros, que moitas veces están pechados durante o ano ábrense estes días para acoller estes eventos. O patrimonio e a música, cun envoltorio cultural, combínanse a propósito da Semana Santa.

Non todo son procesións, nin oficios, nin misas en Semana Santa. Aproveitando que se trata dunha festividade puramente relixiosa, os concellos programan actividades que teñen que ver con esta dimensión pero cun enfoque máis social e cultural. O resultado son concertos de música (non exclusivamente sacra), que se celebran en lugares estratéxicos do noso patrimonio (principalmente relixioso), cun alto nivel de calidade e que sirvan para atraer tanto a cidadáns, como a turistas.

Musicas que se contempla
O Consorcio de Santiago acaba de crear o “Festival de Música Contemplativas”. Trátase dun certame que reúne estas tres dimensións das que falabamos con anterioridade: programación cultural, posta en valor do patrimonio e todo isto na Semana Santa. O festival está deseñado para traer a Santiago, entre o 11 e o 15 de abril, a coñecidos intérpretes de expertos en música tradicional.

As igrexas de Ánimas, San Roque, San Fiz de Solovio, Mercedarias e Orfas son, ademais dos escenarios nos que se sucederan os concertos programados, espazos relixiosos que forman parte do patrimonio compostelá e algúns destes centros foron rehabilitados polo Consorcio nos últimos tempos. Segundo figura na nota de prensa remitida por esta entidade “o obxectivo é o de ofrecerlles aos asistentes a posibilidade de gozar da música e da arquitectura nun mesmo acto”.

Este evento conta con outra particularidade engadida, que é o feito de que programa diferentes estilos musicais, relacionados con diferentes relixións e tradicións. Por poñer un exemplo, no programa deste ano hai pezas medievais (Igrexa das Ánimas, día 11 por Bernat Bailbé), música xudeoespañola (Igrexa de San Roque, día 12 a cargo de “Alía Mvsica”), cantigas medievais (Igrexa de San Fiz de Solovio, día 13 polo conxunto italiano “Micrologus”), música barroca (Igrexa das Orfas, día 15 co grupo “Forma Antiqva”) e obras moi coñecidas da relixión cristiá.

“Músicas contemplativas” é un programa novo dentro da oferta cultural de Semana Santa, pero nace con vocación de continuidade. E entronca con outras iniciativas semellantes que houbo en Santiago como o “Festival de música antiga”, que estaba organizado pola Universidade de Santiago e financiado pola Deputación de A Coruña.

Semana do Corpus
Moito máis lonxeva é a “Semana do Corpus” de Lugo, que conta con trinta e catro edicións ás súas costas. O programa non se centra exclusivamente en música relixiosa, de feito, esta é unha tendencia que se amosa desde os últimos tempos. Comezou sendo a “Semana do Corpus”, en clara referencia á súa vinculación coa festividade relixiosa pero, a medida que pasan as edicións, gaña máis presenza o título de “Festival de Música Cidade de Lugo”. Ademais, amplía as datas de programación para deixar de ser un festival exclusivamente de Semana Santa para converterse nun evento musical de referencia de primavera, cunha duración de mes e medio.

Este ano, a organización non quixo desaproveitar a efeméride do 250 aniversario do nacemento de Wolfgang Amadeus Mozart e o compositor austríaco centra boa parte da programación. De feito, dez dos dezasete concertos establecidos se centran neste artista que desenvolveu a súa carreira profesional en case todos os xéneros musicais. En Lugo recollerase esa variedade en concertos de música de cámara, orquestra, lírica e pianística.

Entre as novidades deste ano figura que a incorporación da ópera ao programa. A peza escollida é o “Amadigi di Gaula” (o Amadís de Gaula, novela de cabalerías da que fala “O Quixote” de Miguel de Cervantes) de Haendel pero en versión de concerto, que inicia unha serie que se continuará o ano que vén con “O Rodrigo”, obra do compositor alemán.

Polo demais, o lied (“Die schöne Müllerin” e “Schawnengesang” de Franz Schubert) a música antiga, barroca e a sacra redondean o programa da “Semana do Corpus” que comezará en Lugo o venres 21 de abril e se prolongará ata o 12 de xuño.

É música que recolle a tradición, que se adapta ao momento do ano no que se programa, pero que ten unha vocación de superación, en tanto que busca converterse nunha máis das actividades da oferta cultural.