O sector da agricultura ecolóxica medra espectacularmente en Galicia e consolídase coma alternativa para o agro

O verde do agro

A idea de agricultura ecolóxica aínda soa estraña a moita xente. En certa medida trátase de voltar ao antigo sistema de cultivo e de gandería. Aínda que non se prescinde da maquinaria, elimínanse aditivos artificiais para o terreo ou pesticidas para as plantas. Evítase esgotar o chan e, en xeral, téntase afectar no mínimo ao medio. A pesar da escasa entidade que polo momento ten este xeito de producir, aos poucos cobra forza coma unha alternativa viable para o agro.

"Unha produción ecolóxica non pode esgotar os recursos do seu medio co tempo, e habitualmente increméntaos", explica Gabino Vázquez, presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). "Por exemplo, cómpre que haxa un solo fértil, sen produtos químicos de síntese, e só con fertilización natural". No caso da gandería, limítase o número de exemplares que por cada hectárea de explotación, para evitar unha concentración excesiva do nitróxeno dos excrementos no chan. E o mesmo acontece coas aves. Todos estes parámetros están estritamente regulados por unha ampla normativa que vai desde directivas da Unión Europea ata toda unha serie de disposicións autonómicas e estatais sobre este tema.

Datos de expansión
As cifras sobre este sector poden parecer de entrada contraditorias. A agricultura máis verde xa ten, á altura deste comezo de 2006, unha facturación de máis de sete millóns de euros, e a nosa produción supón un 11% de toda a que se fai no Estado. "Hoxe en día a porcentaxe é relativamente baixa. Sobre a produción total galega non chegamos ao 1%, pero é un avance se temos en conta que partimos de cero", explica Vázquez. Baixo esa exigua cifra agóchase a realidade de máis de 400 produtores, que na súa maior parte se integran no Consello Regulador. De calquera xeito, a media estatal non é moi superior, xa que rolda un 2% da produción total. Hai que ir a países do Norte de Europa para encontrar que esta produción supera o 10%. De calquera xeito, os datos de crecemento revelan a importancia que está a acadar este tipo de proxectos, cuns rangos superiores aos do noso contorno. En 2005, o sector medrou nada menos que un 55%, e desde o ano 2000 a facturación multiplicouse por dez, segundo os datos que manexa o CRAEGA. Do mesmo xeito, Xan Pouliquen, vocal de Agroecoloxía da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), recoñece o momento de impulso que ten a nosa agricultura verde. De calquera xeito, este estudoso do fenómeno do agro alternativo advirte que "hai grandes diferenzas entre as diferentes producións, unha teñen maiores posibilidades e outras contan con peores perspectivas".

A cesta ecolóxica
A pesar de que temos asociado o concepto de agricultura ecolóxica á froita e aos produtos da horta, hoxe en día xa hai no noso país toda unha variedade de produtos que gozan desta garantía. "Hai crema de castañas, fariña, ovos, sidra, pan, vinagre de mazá, conservas vexetais, incorporouse hai pouco o kiwi, o leite entrou con moita forza, e temos carne, por suposto", explica Vázquez. O apoio que supón a etiqueta de ecolóxico convence a moitos gandeiros que están a recuperar razas autóctonas que, aínda que poidan achegar maior calidade, dan un menor rendemento. "Ao teren unha menor produtividade palían esta deficiencia apoiándose na maior aceptación dos alimentos ecolóxicos", explica Vázquez, nun proceso que se desenvolve de xeito parello con outros alimentos. A marca de calidade supón para os agricultores un apoio na comercialización que a miúdo lles permite facer viables unhas explotacións de pequeno tamaño. En canto aos sectores máis desenvolvidos, o vocal de ADEGA explícanos que "por cartos posiblemente o que máis mova sexa o leite e os seus derivados. Logo o que mais produtores ten é a castaña, e hai tamén moitos produtores de carne. Tamén en horta temos bastantes, aínda que arrastramos un déficit de produción para o mercado que hai", apunta.

Prezos
"Isto non se traduce directamente en que o produto sexa máis caro, ás veces a rendibilidade mellora porque baixan os custos de produción ao se eliminaren dependencias externas" coma os fertilizantes, asegura o presidente do Consello. "Non se pode dicir que algo é máis caro que outra cousa cando hai unha grande diferenza de calidade, e as características organolépticas dos produtos ecolóxicos, ademais das garantías para a saúde, son moi superiores", explica Vázquez para explicar as diferenzas de prezo. Nestas distintas calidades incide tamén Pouliquen, quen ademais sinala que "o que paga o consumidor depende moito do circuíto comercial e do produto que se consume. Se consume algo envasado nunha grande superficie non será o mesmo que se llo merca directamente a quen o produce", explica. "Ademais, hai datos que amosan que un consumidor afeito a estes alimentos non gasta máis. Aínda que os produtos teñan un prezo máis alto, estas persoas adoitan desenvolver unha dieta na que hai menos produtos preparados, menos trapalladas e máis alimentos, en fin", completa este ecoloxista.

Outras canles
Un aspecto no que inciden moitos dos partidarios deste modelo é na necesidade de buscar para eles vías alternativas de comercialización. A idea é achegar máis o produtor e o consumidor e acurtar ao máximo a cadea de intermediarios e o subseguinte encarecemento final dos alimentos. "En Galicia hai cinco ou seis cooperativas de consumidores que se organizan para abastecerse deste tipo de produtos", explica Pouliquen. "Tamén hai organizacións de produtores a este nivel, coa idea de mellorar a distribución". É nos produtos de hora e na froita onde se dan a maior parte destas iniciativas. "En producións coma a carne ou o leite é máis difícil acurtar esas distancias", recoñece. Outra vía de comercialización que vai aparecendo no noso país é a de distribuidores que se ocupan exclusivamente de produtos ecolóxicos e tentan que os produtores reciban un prezo axeitado.

Vender en Alemaña
Precisamente esta fin de semana acababa a feira Biofach 2006, de Núremberg, o maior evento mundial de produtos deste tipo. O noso sector de agricultura verde presentaba alí unha das últimas propostas que está a abordar: O viño. Este produto xa se produce en variedades coma o Godello, o Mencía, ou o Albariño. "A primeira produción foron de nove mil botellas e a segunda andou por aí, pero xa estaban todas vendidas antes de se envasar, e para o ano agardamos que haxa catro ou cinco adegas xa cualificadas e outras en proceso de inscrición", sinala Vázquez, que acudiu para representar o CRAEGA. "Na feira estamos a ver postos doutros produtos e en temas coma a carne estamos a ver que temos calidades e presentacións comerciais moi por diante do que se está a ver aquí", asegura o presidente deste Consello.

Vangarda agraria
Para alén da importancia numérica, as premisas das que parte a agricultura ecolóxica marcan, en boa medida, unha axenda de calidade e de boas prácticas cara ás que tenden diversos sectores. "Hai moitos anos que a agricultura ecolóxica marca a dirección cara a onde deben ir os sistemas agrarios", asegura Vázquez. A crise das vacas tolas ou as crecentes preocupación polos efectos dos fertilizantes e outros compostos sobre a saúde están a levar a que se apoie desde as administracións solucións nesta liña. "A produción convencional non ten saída tal e como se facía hai dez ou quince anos. Cando se asume socialmente a racionalidade do que estamos a facer na agricultura ecolóxica, as prácticas acábanse integrando no conxunto do sistema". Neste sentido, non pensa que nun futuro próximo vexamos certificado un 100% da produción agraria coma ecolóxico, pero si se amosa convencido de que "o conxunto vai incorporar cada vez máis orientación e a sensibilidade ecolóxica".

Futuros
Polo momento, podemos contar con que o sector continúe o seu crecemento. Segundo sinala Vázquez, "continuamos a medrar por riba da media estatal, e estamos percibir que esta é unha cuestión de interese para o goberno e que se pretenden modelos de desenvolvemento sostibles para o agro, e a agricultura ecolóxica é a punta de lanza para iso". No mesmo sentido, Pouliquen salienta a importancia de que se desenvolvan políticas agrarias que apoien este ámbito. "Iso non quere dicir subvencións. Se non se fai unha política que desenvolva o sector, pode haber números estupendos durante uns anos pero non a longo prazo". Polo momento, en breve podemos contar con novas propostas neste campo. Por exemplo as troitas que se queren lanzar desde Carballo, os grelos ou novas variedades de carne, ademais das xa mencionada ampliación da produción de viño. Será cousa de, cando menos, os probar.