O Goya de “O soño dunha noite de San Xoán” convértese na décimo sexta estatuíña para Galicia

Cada día somos máis

Desde o Goya que conseguiu esta noite “O soño dunha noite de San Xoán” ata o que ergueu “Milladoiro” en 1987 hai vinte anos de cine. Nestas dúas décadas o audiovisual galego foi incrementando a súa participación e a súa rendibilidade, véndose cada vez máis representados nos Goya. En total, 16 estatuíñas avalan a produción galega. Chega Galiwood.

O que o audiovisual galego sabía antes de que comezara a gala de entrega dos premios máis importantes do cine español era que a nosa factoría tiña unha estatuíña segura. As dúas producións que competían no sector da animación eran galegas. Ao final puideron máis os soños e Manolo gómez e Angel de la Cruz subiron ao escenario para recoller o terceiro Goya que recibe Dygra. Esta vez, por unha adaptación libre de “O soño dunha noite de verán” de Shakespeare. Manolo Gómez agradeceu o apoio económico de Caixanova para conseguir que o seu soño se convertira en realidade, mentres que Ángel de la Cruz aproveitou unha cita de Shakespearepara lembrar que “estamos feitos da mesma materia que os soños”.

Esta edición
Os premios desta XX edición dos Goya estiveron bastante repartidos. “A vida secreta das palabras” conseguiu catro estatuíñas: a mellor película, mellor dirección, mellor dirección de producción e mellor guión orixinal. O filme de León de Aranoa, “Princesas”, foi galardoado como mellor actriz principal (Candela Peña), actriz revelación (Micaela Nervarez) e mellor canción (“Me llaman Calle” de Manu Chao). Óscar Jaenada conseguiu o Goya por “Camarón”, a produción na que participou Filmanova Invest e que tamén se fixo co de mellor maquillaxe. O escritor Juan Cruz e o polifacético José Corbacho conseguiron o Goya a mellor dirección novel por “Tapas”, que obtivo tamén o de mellor actriz de reparto para Elviar Mínguez. A produción de Fílmax, “Frágiles” conseguiu o galardón polos seus efectos especiais. O vencedor na categoría de curtametraxe de animación foi un coñecido para o audiovisual galego, “Tadeo Jones” de Enrique Gato, xa que no 2005 conseguíu no noso país o premio do Festival de Curtametraxes de Santiago, Curtocircuito, e o do Certame Audiovisual Liceo Casino de Vilagarcía.

Sumatorio de estatuas
A temática que centrou e servíu de fío de conexión desta edición dos premios máis importantes do cine español era precisamente o seu aniversario, que cumprían vinte anos de traxectoria. A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas entregou os seus primeiros premios no ano no que se produciron 60 longametraxes (no 2005 estreáronse 142). Ese mesmo ano en Galicia, Chano Piñeiro buscaba financiamento para sacar adiante a súa longametraxe (Sempre Xonxa). Coincidía tamén por aquel entón que comezaban a dar os seus froitos as primeiras axudas ao sector audiovisual, feitas posibles polo que foi Director Xeral de Cultura, Luís Álvarez Pousa. Aínda que as primeiras longametraxes galegas non se estrean ata 1989, nesa primeira edición dos premios un grupo galego recibía un galardón. Foi “Milladoiro” que resultou premiada pola banda sonora que compuxo para a película de Manuel Gutiérrez Aragón “A metade do ceo”.

Na terceira edición, en 1989, Fernando Rey obtivo o Goya a mellor interpetación masculina protagonista por "Diario de inverno". O ano seguinte, en 1990, o profesor e político Victoriano López (Mondoñedo, Lugo, 1910- Madrid, 1995) foi Goya honorífico, en homenaxe a toda a súa traxectoria, xa que foi director e profesor do Instituto de Investigaciones e Experiencias Cinematográficas, entre outros méritos, como unha listaxe importante de publicacións técnicas. Foi en 1994, outra galega, Solange Anmaitre obtivo outro Goya, neste caso pola maquilaxe de "Tirano Banderas".

Houbo que agardar catorce anos ata que “Sei quen es”, coproducida por Continental se alzase con outra estatuíña tamén do eido musical, a de mellor banda sonora que foi composta por José Nieto e interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia. A partir de aí e coincidindo co incremento de produción do audiovisual galego, aumentou tanto o número de candidaturas, ao que nos referiremos despois, como o de estatuíñas.

Foi no 2002 cando unha modestísima produción de animación, “O bosque animado” se alzaba co galardón de mellor película na súa categoría. Todos lembramos aquel “estou tan contento que casi me da ganas de dicir “marisco para todos” do seu director Manolo Gómez que alzaba así a bandeira da animación do país. A victoria de “O bosque” foi dobre, porque conseguiu tamén o Goya a mellor música con “Tu bosque animado” da galega Luz Casal. O relevo da animación chegou no 2004 con Fílmax e a súa proposta de animación con “O Cid: a lenda”. A produción, feita na súa maior parte no estudio que a compañía ten en Santiago con Bren Entertainment que lle valeu a estatuíña de mellor longametraxe do xénero.

O 2003 e o 2005 foron anos especialmente frutíferos e gloriosos para o audiovisual do país. Dúas producións rodadas en Galicia, dúas longametraxes galardoadas en múltiples festivais, con éxito de crítica e público amosaron a espléndida canteira de actores do país. No 2003 Fernando León de Aranoa e o seu “Os luns ao sol” escolleu a Luís Tosar e a Jose Ángel Egido como membros do seu reparto. A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España concedeulle ao primeiro o Goya a mellor actor de reparto e ao segundo, mellor actor revelación. Dous anos despois, outra referencia do audiovisual estatal Alejandro Amenábar chega ao Barbanza para rodar unha historia que os galegos coñeciamos ben: a de Ramón Sampedro. Cunha película de esencia e alma galega contou cun nutrido reparto de secundarios galegos que coparon os premios de interpretación: Tamar Novas, mellor actor revelación; Mabel Rivera mellor actriz de reparto e Celso Bugallo mellor actor de reparto. Para completar o palmarés, outra galega, Mara Collazo figuraba entre o equipo de perruquería e maquillaxe que tamén se presentou

Candidatos
Xunto cos premiados cun Goya tamén hai que lembrar a xente como Patricia Ferreira, Héctor Carré ou Xabier Villaverde que foron candidatos a mellor dirección novel en tres edicións diferentes. Os tres formaron parte da canteira de realizadores que forxaron coas súas carreiras os inicios do audiovisual galego. Neste repaso polos vinte anos do audiovisual galego a través dos premios da Academia do Cine tamén hai un sitio para o compositor Manuel Balboa que foi candidato a mellor música orixinal en 1995. Balboa, morto no 2004 con 44 anos deixou tras de si unha frutífera traxectoria no mundo da composición cinematográfica, como as bandas sonoras de “A ferida luminosa”, “O avó” ou “Canción de Berce” de José Luís Garci, “Divertimento” e “Ilegal” de Ignacio Vilar. No apartado musical tamén hai que lembrar a candidatura de Sergio Moure por “Inconscientes”.

Os traballos compartidos
Existe unha longa listaxe de películas feitas con porcentaxes de participación galega. Unha nómina de traballos que tamén merecen a súa inclusión nas producións do país: “O alquimista impaciente”, “O agasallo de Silvia”, “Romasanta”, “Camarón”, “Para que non me esquezas”, “Un Rei na Habana”, “Heroína”, “O misterio Galíndez”, “Fráxiles” e un longo etcétera que fan posible o soño cinematográfico. Todas estas producións fan o que Manolo Gómez lembraba ao recoller o seu Goya “que non deixemos de soñar”.